luns, 27 de febreiro de 2012

Choros


As bágoas correrán hoxe polas meixelas dos pontevedreses ata caer no chan, para facer así rebrotar uns feitos que están a piques de cumprir cen anos. Naquel 1913 o insolente paxariño de Don Perfecto morreu. As súas plumas, de cores branca e negra, sucumbiron nun Entroido que marcou época, ou tendencia, como diría agora algún moderno. Aquela lingua negra, de loito e dor, que percorreu as rúas de Pontevedra, burlábase da oficialidade, da liturxia asumida por unha sociedade que amosou con este desacato á autoridade o seu enxeño e como esta cidade era quen de facer da risa un motivo para fortalecer os seus vencellos como comunidade. A súa recuperación nos oitenta volveu servir para que Pontevedra se gabase da súa historia, dos feitos que marcaron un fito na súa construción como sociedade, alicerce das xentes que habitan neste envexado lugar. Aquel paxaro que nos seus anos de vida xuntou a non pouco público no Teatro Principal para coñecer as súas habilidades, o mesmo que se metía coas mozas, os políticos ou cos clientes do seu dono, xorde dende as súas cinzas para plantexar como estas pequenas historias do eido cotiá poden ser máis fortes que as grandes fazañas dos nosos devanceiros. Hoxe volveremos a chorar a súa morte, a morte de Ravachol, o símbolo non só dunha festa, senón de como entende a vida unha cidade que fai do loito troula.


Publicado en Diario de Pontevedra 25/02/2012
Fotografía Gonzalo García

Ningún comentario:

Publicar un comentario