xoves, 4 de xullo de 2013

"Sempre levo a nube conmigo"

Ven de publicar ‘O anxo de Eva’, unha engaiolante historia sobre unha nena adolescente que busca fuxir da abafante relación coa súa familia a través da presenza dunha amiga imaxinaria. Ata ahí todo sería digamos que normal, pero ao seu carón aparece a figura dun anxo, un ser alado que aliviará non só a Eva senón ao propio anxo cunha longa historia tras el. Marina Mayoral achéganos unha lectura sobre a imaxinación e a realidade, unha feliz convivencia literaria sobre a que reflexiona dende estas palabras.


Fai calor na praza da Estrela. Van ser as cinco da tarde e as pombas buscan refrescarse nunha fonte da que borbotea unha auga coa que pingan as súas ás. Elas van para alí e para alá, alleas ao que acontece ao seu arredor. Marina Mayoral chega puntual a súa cita, moi coqueta no seu vestir será algo que amose que a esta muller lle poden caer anos enriba pero o seu espíritu segue a estar cheo de vitalidade. Así o demostra cando ao rematar a entrevista, e ata que participe na libraría Cronopios na presentación do libro, e para facer tempo, pregunta pola zona de tendas na cidade. As pombas seguen a bulir e a acompañarnos cos seus arrolos e vós. As súas ás lévannos directamente ao corazón dunha novela na que teñen singular protagonismo.
Cómo xorde o anxo de Eva?
­—Pois dunha forma inconsciente, case irracional. Eu dou moitos talleres literarios, e aos alumnos cando me preguntan cómo construir un personaxe eu lles digo que cando o teñan eu lles podo indicar como pasalo da mellor maneira posible ás páxinas dunha novela. Mediante monólogos, diálogos, a voz narrativa ou o que sexa, pero o personaxe ten que aparecer na túa cabeza. Pero como xorde este anxo? Pois seguramente de lembranzas infantís, porque en Mondoñedo as nenas cando saía o Bispo íamos correndo a bicarlle o anel, e as veces dábannos estampas, e a mín unha vez deume unha estampa dun anxo fermosísimo, cunhas enormes ás, que estaba protexendo a unha nena. Eu sempre digo que me enamorei daquel anxo, non facía máis que ollar para el, era guapísimo. Pasa o tempo e nunha novela miña ‘La sombra del ángel’, hai unha escritora que basea os seus relatos no que pasa na vida dos seus amigos pero transformándoos, naturalmente. Nunha ocasión a un amante dunha das súas amigas transformao nun anxo. E ahí está ese anxo, estrano, que non é nada devoto, nada relixioso. É un home guapísimo con ás, e que ten lembranzas extrañas da súa vida, que quizás fose o alén. Tivo así a súa aparición en dous contos e cando eu estaba a escribir sobre Eva un día apareceu na habitación dela, así polas boas, así xordiu.
Que sería do ser humano sen a imaxinación?
­—Unha cousa aburridísima. A imaxinación é o que permite transformar o mundo. Permite imaxinar o que non existe aínda, sin ela estariamos moi mal.
Sente Marina Mayoral a presenza dun anxo ao ser arredor?
—Non, xa me gustaría a mín ten un anxo así protexéndome.
Que lle permite a presenza dun ser como un anxo na novela?
­—Pois que apareza na vida ordinaria o extraordinario, a mín eso é algo que me interesa moitísimo. Porque a vida, a parte das cousas nas que podes crer, que podes apalpar, hai experiencias, vivencias, cousas moitas veces que son incomprensibles. Eu chámolles un misterio, ou cousas que non teñen explicación. Aquelo que non se pode explicar racionalmente, como na película de Kubrick, ‘2001: unha odisea do espacio’, cando aparece aquel monolito. A mín eso interésame moito, e neste caso apareceu un anxo e eu dixen, vale, que siga, a ver como reacciona a xente ante esa aparición extraordinaria.
Ademais é un anxo non moi divino e sí moi terrenal
—Neste caso é un anxo terrenal, moi sensual, moi erótico, pero o mesmo podería ser a aparición dun ser extraordinario, máis divino, un milagro que rompe a cotidianeidade. Tanto pode ser de aspecto trascendente relixioso como non relixioso. Ahí tes a Santa Compaña, non é un mundo relixioso, pero sí trascendente, vai máis alá da morte.
Fala do erotismo, tamén un aspecto recurrente na súa obra
­—Porque é algo recurrente na vida das persoas. O erotismo como falabamos antes da imaxinación é o mesmo, se nos falla algunha destas cousas perdemos moitas cousas da vida.
Supoño que lle preguntarán moito a raíz deste libro, canto hai de Eva en Marina Mayoral?
­—Pois é curioso, sí que mo preguntan e é algo que me sorprende, eu non me sinto nada identificada con esa nena. Conto como aparece esa nena. Entre os veciños en Madrid había unha rapaciña que tería once anos, a que eu sempre que coincidía con ela no ascensor lle preguntaba “Qué tal no colexio?” e sempre me dicía, ben, e nada máis. Pero unha vez, por tomarlle o pelo, eso pensaba eu, pregunteille: “bueno eh qué, tes mozo?”. Ela botou unha sonrisa e dixo “Bueno síííí”. Estaba encantada da vida de ter mozo, eu quedei tan abraiada que non sabía que dicirlle máis, porque aquela cousiña tan pequena con mozo. E quedoume esa idea na cabeza e que sabiamos moi pouco das nosas adolescentes. Eu teño fillos e os rapaces maduran máis lentamente cas rapazas, así que me pusen a ler, a observar ás nenas que se movía ao meu arredor, e unha vez pasoume unha cousa que tamén incluín na novela (os que a lean daranse conta da anécdota). Nunha biblioteca que hai perto da casa na que van moito chavaliños, unha vez vin a unha rapaza moi pequena, cun rapaz maior ca ela ca estaba arrodeando  cos brazos contra unha parede. E ela díxolle: “Deixame, deixame”. Eu achegueime e pregunteille: “Hola pasa algo”. El púxose firme e rápidamente baixou os brazos e ela dixo: “Estamos xogando”. Non me acabo de facer á idea de que unhas mozas tan pequenas anden xa xogando con eses xogos eróticos. E gustoume trasladar ese tema. Esas son pequenas cousas autobiográficas, pero eu por exemplo non mintía, e Eva minte como respira, cunha absoluta facilidade. A mín resultaríame moi sinxelo porque a imaxinación mo permite
E que un relaciona a muller que será escritora coa imaxinacion desa rapaza
­—Eu si que imaxinaba dende moi nena. E escribín tamén de moi pequena. En Mondoñedo xogabamos ás comedias. Se facían as comedias na praza da Catedral ante o Bispo, e logo as nenas tamén xogabamos a facer as comedias. Eu inventaba as historias e as miñas amigas as representaban, elas cantaban, eu non canto ben. Pero insisto no de mintir eu nunca mintía, e nunca lle dixen unha mintira  a miña nai, é algo ao que lle teño repugnancia, mesmo as mentiras piadosas me costa dicilas.
E  que hai de Marina Mayoral en Eva?
­—É moi lectora, coma mín. Eu lía todo o que caía nas miñas mans, incluso o que non tiña porque ler, xa que aínda non tiña idade para leelas. Neso sí que nos parecemos moito as dúas.
Outro dos temas do libro que é moi importante xunto a relación de Eva co anxo, e a relación entre os membros da familia
 ­—Sí eu quería reflexionar sobre o mundo da realidade, que é esa relación coa familia: os pais separados pero que parece que a nai segue enamorada del, o irmán coa súa noiva negra...ese é o mundo da realidade, das cousas concretas. E logo está o mundo do anxo que é o mundo do misterio. O mesmo anxo lle di: “Eu non estou seguro de ser un anxo”, de feito a voz narrativa nunca lle di anxo, sempre lle di, “o ser alado”. En certo sentido esa voz narrativa represéntame a mín
Como se atopa Marina Mayoral nestes momentos no eido literario?
­— Pois no fin do camiño. Na última volta que dicía Buñuel.
Sintes que aínda te quedan moitas historias que contar?
­— Non, teño moi presente a morte na miña vida. Sempre pensei nela e agora véxoa moi preto. Non sei ata onde chegarei e se me dará tempo a escribir máis libros.
Que importancia ten Galicia na túa obra?
— É tan grande, eu teño a impresión de que todo ven daquí. A miña maneira de entender a vida, as relacións humanas. Por exemplo con eso do erotismo, a mín paréceme natural, ese sentimento, afastado do mundo relixioso. Por exemplo cando se ten un fillo é unha cousa boa, unha compaña para a nai na vellez non esa cousa Calderoniana da honra. A mín eso me vez de Galicia, de onde me vai vir. Outra cousa, o alén, eu son agnóstica, pero teño unha postura de apertura cara o outro mundo. Qué sabemos nós?, e eso tamén me ven de Galicia
E o humor?
— Sí, pero eso xa é máis tardío. As primeiras cousas que escribín facían chorar as pedras. Eran tristísimas, e o de agora, tamén pero está contado con humor. Foi un proceso paulatino.
A maior parte do tempo o pasa en Madrid como ve Galicia dende alí.

— Sempre estiven ligada a universidade porque quixen ter a vida resolta para poder adicarme a escribir o que me apetece, o que me gusta. Eu non fago novela histórica porque non me gusta, escribo o que quero. Galicia non a vexo con demasiada nostalxia, eu sempre digo que me levo a nube conmigo. Cando me dín onde está Brétema (a vila imaxinaria na que sitúa as súas novelas), eu digo que está dentro de mín. Está feita de cidades galegas pero vai conmigo. As miñas primeiras novelas, que eran moi, moi neboentas, as escribín en Benidorm, baixo un sol de xustiza, pero eu levo ese mundo galego no meu interior.



Publicado en Revista. Diario de Pontevedra 30/06/2013
Fotografías: Javier Cervera-Mercadillo

Ningún comentario:

Publicar un comentario