mércores, 3 de xullo de 2013

A lúa de Manolo Paz




Aproximadamente cada tres anos a natureza fai coincidir dúas lúas cheas nun mesmo mes, o que se coñece como lúa azul. Pasaron moitos trienios dende que Manolo Paz comezara a debullar na pedra as súas inquedanzas artísticas para que un museo de Galicia lle adique una exposición, e será, como non, no de Pontevedra, a menos de trinta quilómetros da Fundación que acaba  de estrear no Salnés, un territorio de pedra e mar ao que vai render tributo e ata culto nesta exposición que vai supoñer todo un desafío para o artista.
Agora a natureza, o habitual escenario das súas pezas, e substituída por unha arquitectura non moi xenerosa coa escultura, e moito menos coa de alguén que fai do bloque e da contundencia da pedra un dos seus sinais de identidade, de aí que ese reto medre, facendo que o autor se enfronte non só ás propias pezas, senón ao medio expositivo. Tras percorrer a carón do autor os espazos da mostra, intelixentemente comisariada por David Barro, o reto está máis que superado e o resultado non pode ser máis espectacular.
Sesea Manolo Paz para adornar o seu falar coa brisa salgada dese Salnés no que respira cada día, do cal é incapaz de desfacerse alí onde vaia. E digo alí onde vaia porque a súa obra xa chegou a moitos puntos da xeografía mundial, participando de diferentes eventos artísticos, polo que é un embaixador da nosa terra a través daquilo que máis nos pode identificar, a nosa pedra. A súa obra é sempre unha loa á pedra, ao seu corazón e a súa alma. Unha humanización do material coa que Manolo Paz está moi de acordo:  «Cando un lle empeza a buscar a parte do corazón, a parte da alma, empézanche a contar historias. Eu falo con elas, ‘pórtate ben, pórtate ben’, lles digo... e ás veces hai que castigalas, deixalas un tempo sen traballar para que logo che digan por onde hai que tirar».
As pedras son parte da natureza, que nesta exposición adoita converterse nun fío condutor da mesma. Dende as cordas das bateas que nos reciben na configuración dunha paisaxe mariña que xa empregara cando expuso na Fundación Miró, pasando pola recuperación do berro enfurecido que foi o desastre do Prestige, ata o descubremento desa pedra azulada procedente de alén do Atlántico, de Salvador de Bahía, e que xoga cunha cosmogonía universal que serve tanto para representar o cosmos como o fondo do mar. Un azul limpo e puro, pulido case como un espello no que reflectirnos para buscar o noso lugar nese universo telúrico que só a pedra e a capacidade case de alquimista do escultor son quen de acadar.
Pero a carón da pedra Manolo Paz preséntanos outros xogos volumétricos, arquitecturas etéreas a través das cales modificar o espazo, como o modifica cando chanta un dos seus menhires furados nun punto calquera da natureza, ou co conxunto de «pedras habitadas», como o autor lles chama, que se presentan na primeira das tres salas esenciais da mostra, na que tamén se recupera unha peza en madeira coloreada alusiva ás estacións ao longo da parede.
E é que a parede ten unha grande importancia na exposición a partir da imposibilidade do chan do Museo de soportar os grandes pesos das pezas de Manolo Paz. Lonxe de ser un problema, convértese nunha fonte de inspiración para o autor na procura dun conxunto, pezas de máis dunha tonelada que se chantan na parede, xogos de pulidos coa ‘pel’ da pedra para que esta non perda a súa identidade. Metáforas da natureza dende o ceo ou dende o fondo do mar. A imaxinación saíndo desa alma que agocha cada pedra, algunhas delas rescatadas da propia terra da Fundación Manolo Paz en Cambados, pedras que reviven e amosan a súa dignidade fronte ao lustre brasileño. É o resultado da pelexa entre o escultor e a pedra: «As pedras teñen días, non podes entrar a rematar a obra enseguida, hai que empezar e traballar varias obras ao mesmo tempo, buscar a proporción, o ritmo, a harmonía, a textura, a cor... e imaxinar. As pedras son como as persoas, son todas diferentes, e moitas delas agochan cousas que hai que sacar». Manolo Paz pásalle a man por riba a cada unha delas como quen toca a cabeza dun fillo; sabe do que significou esa pelexa, como medraron e o resultado final, cuestión que lle preocupa moito, e de feito esta exposición está coidada ata o último detalle, estudando o espazo, resolvendo problemas: «Un quere facer algo que nunca fixo antes, pero que ten que ser de primeira división, como se un traballase para o Guggenheim ou o Reina Sofía, o importante é facelo ben, e se eres profesional tes que demostralo, tanto alí como aquí», resume Manolo Paz sobre unha oportunidade que chega moitas lúas despois do seu comezo.


Publicado en Diario de Pontevedra 3/07/2013
Fotografías: Gonzalo García

Ningún comentario:

Publicar un comentario