Aproximadamente cada tres anos a natureza fai coincidir dúas lúas cheas
nun mesmo mes, o que se coñece como lúa azul. Pasaron moitos trienios dende que
Manolo Paz comezara a debullar na pedra as súas inquedanzas artísticas para que
un museo de Galicia lle adique una exposición, e será, como non, no de
Pontevedra, a menos de trinta quilómetros da Fundación que acaba de estrear no Salnés, un territorio de pedra
e mar ao que vai render tributo e ata culto nesta exposición que vai supoñer todo
un desafío para o artista.
Agora a natureza, o habitual escenario das súas pezas, e substituída por
unha arquitectura non moi xenerosa coa escultura, e moito menos coa de alguén
que fai do bloque e da contundencia da pedra un dos seus sinais de identidade,
de aí que ese reto medre, facendo que o autor se enfronte non só ás propias
pezas, senón ao medio expositivo. Tras percorrer a carón do autor os espazos da
mostra, intelixentemente comisariada por David Barro, o reto está máis que
superado e o resultado non pode ser máis espectacular.
Sesea Manolo Paz para adornar o seu falar coa brisa salgada dese Salnés
no que respira cada día, do cal é incapaz de desfacerse alí onde vaia. E digo
alí onde vaia porque a súa obra xa chegou a moitos puntos da xeografía mundial,
participando de diferentes eventos artísticos, polo que é un embaixador da nosa
terra a través daquilo que máis nos pode identificar, a nosa pedra. A súa obra
é sempre unha loa á pedra, ao seu corazón e a súa alma. Unha humanización do
material coa que Manolo Paz está moi de acordo:
«Cando un lle empeza a buscar a parte do corazón, a parte da alma,
empézanche a contar historias. Eu falo con elas, ‘pórtate ben, pórtate ben’,
lles digo... e ás veces hai que castigalas, deixalas un tempo sen traballar
para que logo che digan por onde hai que tirar».
As pedras son parte da natureza, que nesta exposición adoita converterse
nun fío condutor da mesma. Dende as cordas das bateas que nos reciben na
configuración dunha paisaxe mariña que xa empregara cando expuso na Fundación
Miró, pasando pola recuperación do berro enfurecido que foi o desastre do
Prestige, ata o descubremento desa pedra azulada procedente de alén do
Atlántico, de Salvador de Bahía, e que xoga cunha cosmogonía universal que
serve tanto para representar o cosmos como o fondo do mar. Un azul limpo e
puro, pulido case como un espello no que reflectirnos para buscar o noso lugar
nese universo telúrico que só a pedra e a capacidade case de alquimista do
escultor son quen de acadar.
Pero a carón da pedra Manolo Paz preséntanos outros xogos volumétricos,
arquitecturas etéreas a través das cales modificar o espazo, como o modifica
cando chanta un dos seus menhires furados nun punto calquera da natureza, ou co
conxunto de «pedras habitadas», como o autor lles chama, que se presentan na
primeira das tres salas esenciais da mostra, na que tamén se recupera unha peza
en madeira coloreada alusiva ás estacións ao longo da parede.
E é que a parede ten unha grande importancia na exposición a partir da
imposibilidade do chan do Museo de soportar os grandes pesos das pezas de
Manolo Paz. Lonxe de ser un problema, convértese nunha fonte de inspiración
para o autor na procura dun conxunto, pezas de máis dunha tonelada que se
chantan na parede, xogos de pulidos coa ‘pel’ da pedra para que esta non perda
a súa identidade. Metáforas da natureza dende o ceo ou dende o fondo do mar. A
imaxinación saíndo desa alma que agocha cada pedra, algunhas delas rescatadas
da propia terra da Fundación Manolo Paz en Cambados, pedras que reviven e
amosan a súa dignidade fronte ao lustre brasileño. É o resultado da pelexa
entre o escultor e a pedra: «As pedras teñen días, non podes entrar a rematar a
obra enseguida, hai que empezar e traballar varias obras ao mesmo tempo, buscar
a proporción, o ritmo, a harmonía, a textura, a cor... e imaxinar. As pedras
son como as persoas, son todas diferentes, e moitas delas agochan cousas que
hai que sacar». Manolo Paz pásalle a man por riba a cada unha delas como quen
toca a cabeza dun fillo; sabe do que significou esa pelexa, como medraron e o
resultado final, cuestión que lle preocupa moito, e de feito esta exposición
está coidada ata o último detalle, estudando o espazo, resolvendo problemas:
«Un quere facer algo que nunca fixo antes, pero que ten que ser de primeira
división, como se un traballase para o Guggenheim ou o Reina Sofía, o
importante é facelo ben, e se eres profesional tes que demostralo, tanto alí
como aquí», resume Manolo Paz sobre unha oportunidade que chega moitas lúas
despois do seu comezo.
Publicado en Diario de Pontevedra 3/07/2013
Fotografías: Gonzalo García
Ningún comentario:
Publicar un comentario