▶ «As formar
escultóricas créanse mediante
o matrimonio entre a forma e o espazo».
[Julio González]
Se un
escultor plantexa a súa loita artística dende o baleiro do material, dende a
preocupación para converter en formas visibles aquilo que o seu maxín pretende
desenvolver dun xeito físico, cando un escultor morre, e máis un escultor que
ten unha gran impronta na fisonomía dunha cidade, ese baleiro trasládase a todo
o espazo urbano. O pasamento do escultor José
Luis Penado é moito máis que a desaparición dun escultor que estivo sempre
máis preocupado por gozar co seu traballo no taller que por andar exhibíndoo
constantemente en exposicións ou por publicitar o seu nome nos círculos
artísticos, converténdose así nunha ausencia que se valorará aínda máis co paso
do tempo, e que se fará máis íntima cada vez que nos atopemos con algunha das
súas pezas distribuídas ao longo de Pontevedra.
Se o
noso ritmo de vida nos permitise mirar as cousas con calma, pararnos un intre a
observar aquilo que nos rodea e que tenta facer a nosa vida mellor, poderíamos
gozar cun traballo cheo de honradez e de reflexión sobre a escultura e a súa
capacidade para ‘debuxar no aire’. Esta expresión propia dun dos grandes da
escultura en ferro do século XX, Julio
González, pode extenderse perfectamente á obra de José Luis Penado,
auténtico vangardista do traballo en ferro na escultura galega e capaz de saír
airoso dese matrimonio que o escultor barcelonés, amigo de Picasso, afirmaba xurdía do vencello entre a forma e o espazo.
Poden
facer a proba e pensar durante uns segundos cantas veces se detiveron a mirar
cara a gran escultura da praza de
Barcelos. Unha peza monumental, non só nas súas dimensións, senón nas súas
proposicións artísticas. Pasamos a diario ao seu carón, vémola de xeito fugaz
cando imos por Benito Corbal, pero
ignoramos realmente a súa capacidade para facer que gocemos coa arte e coa
capacidade dun artista para xerar formas e para acadar eses debuxos no aire.
Esa árbore, metade humana, metade natural, é unha das súas mellores pezas, a
min en canto a escultura urbana é a que máis me gusta, xa que nela José Luis
Penado foi quen de sintetizar a histórica presencia de árbores nese espazo así
como a presenza do ser humano facéndoo cunha fonda sublimación das formas,
quedándose no esencial e cun xogo plástico realmente fermoso, capaz de ofrecer
imaxes tan suxerentes como esta de Javier
Cervera-Mercadillo que posibilita que pensemos que en calquera momento ese
ferro vai comezar a moverse, desafiando a súa propia identidade, e a escultura
porase a camiñar.
Pero
fronte a esta peza José Luis Penado tamén desenvolveu outro traballo aínda máis
descoñecido para o público e que puidemos descubrir na exposición retrospectiva
que lle adicou o Museo de Pontevedra
en 2014. Alí a obra de José Luis Penado amosaba o seu fondo interese polo ser
humano, por capturar as súas sensibilidades como seres vivos, seres que se
moven, sendo quen de acadar algo que reflectiu moi ben neste xornal outro
creador, Sergio Portela, ao
referirse ao seu empeño de facer «do ferro carne, dándolle vida e emoción».
Unha emoción que xorde desa materia que como ninguén coñecía, e da que podía
extraer, con moi pouco, un abraiante resultado. A partir desas emocións a outra
súa gran achega foi a da relación da forma co espazo, e como aquelas figuras, de
pequeno tamaño, practicaban unha sorte de danza no aire sorprendente, integrando
ese aire no propio material, baleirando o que non era necesario para ocupar ese
lugar que contribuía a lixeireza do representando así como a propoñer unha
figuración moi característica do autor, un selo propio que é polo que ten
sempre que loitar un creador.
O
pasamento de Jose Luis Penado irá mes a mes convertendo as bágoas de mágoa en
agradecementos por facer de diferentes rincóns desta cidade espazos de
reflexión artística, por dotarnos dun imaxinario plástico que aumenta o noso
potencial artístico como comunidade, por deixarnos unhas pezas que dende ese
ferro con corazón traduce moito do que somos, xa non dende as máis diferentes
escenas, senón con retratos de moitos dos pontevedreses que rubricaron a nosa
historia común. As súas esculturas serán a testemuña do irrenunciable, o apego
a un material e a unha forma que xa quedará para sempre entre nós.
Publicado no Diario de Pontevedra 24/09/2016
Fotografía: Javier Cervera-Mercadillo