A
elección de Xosé Filgueira Valverde como persoeiro ao que adicar o Día das
Letras Galegas 2015 xerou un balbordo mediático arredor da súa figura. Entre as
moitas persoas achegadas a el, falar con Xosé Carlos Valle e falar de máis de
40 anos de relación en común, dende o vencello mestre alumno, ata as tarefas de
dirección do Museo de Pontevedra.
O
ACHEGAMENTO Á FIGURA de Xosé Filgueira Valverde
nunca estaría completo se non se fai dende a mirada e a memoria dalguén que
compartiu con el máis de corenta anos de adicación á cultura e a Pontevedra,
dous dos alicerces do quefacer de Xosé Filgueira Valverde. Así aconteceu dende
os anos sesenta, cando foi alumno seu no Instituto, agora coñecido como
Valle-Inclán, e así continuou posteriormente pola súa relación no Museo de
Pontevedra, do que Carlos Valle foi director adxunto dende o ano 1981 ata 1986
no que asumiu a súa dirección. Orgulloso de continuar a súa obra ao fronte desa
emblemática institución cultural, Xosé Carlos Valle celebra a elección dunha
figura con méritos máis que suficientes para ser a quen se lle adique o Día das
Letras Galegas 2015.
Cando comenzou a súa
relación con Xosé Filgueira Valverde?
Pois como para tantas
outras persoas no Instituto de Pontevedra. Eu estudiei bacharelato entre os
anos 1963 e 1970. Naquel Instituto de Pontevedra, hoxe Instituto Valle-Inclán,
don Xosé era o director. Estando en terceiro no Museo de Pontevedra existía a
figura dos Alumnos Colaboradores (unha iniciativa pioneira nas institucións
culturais no Estado), invitándome don Xosé Figueira nesas vacacións a
incorporarme con doce anos, e dende entón xa se me inoculou o ‘virus Museo’, e
ata hoxe.
Tras a Licenciatura regresa
a Pontevedra e volve ao Museo
Si, ao rematar a carreira
volvín a Pontevedra un tempo, fixen o servizo militar e regresei á Universidade
de Santiago cunha beca a facer a miña Tesis Doutoral. No ano 1980 tiven que
tomar a difícil decisión de continuar os estudos fora de Galicia ou retornar a
Pontevedra, como me pedía don Xosé Filgueira, e unha persoa que xa non está, e
á que eu creo que debemos ter moi presente á hora de falar do Museo, don
Alfredo García Alén. Pois dalgunha maneira, xunto co meu pai, me pediron que
non marchase ao estranxeiro, rexeitando ofertas, e así foi como me quedei en
Pontevedra. Unha decisión da que non me arrepinto, e aínda que o fixera non
serviría de nada.
Cómo era o trato humano con
Filgueira Valverde?
Era unha persoa amable,
sempre disposto a informar. Moi xeneroso, esixente, pero iso non é malo. Era
unha persoa dunha extraordinaria calidez, nas distancias curtas era alguén moi
sensible. Sempre estaba disposto a colaborar, non ocultaba informacións, quero
dicir que non era dese tipo de individuos que sabían algo e non cho dicían no
vaia a ser que ti te adiantases nalgún estudo. Procuraba tamén estar sempre ao
día do que acontecía e citaba sempre a fonte cando facía algunha explicación
pública.
Cómo definiría os seus
méritos para que se lle adique o Día das Letras Galegas?
Desbordantes, creo que os
ten todos. No Día das Letras Galegas conmemórase non só aos que traballan coa
lingua, senón tamén aos que traballaron coa cultura de Galicia. Dende ese punto
de vista foi unha das grandes personalidades da Galicia do século XX; como
polígrafo, como coñecedor do ser da esencia de Galicia, non hai dúbida sobre a
súa escolla. Creo que non é casualidade que fora un especialista en Sarmiento,
o seu descubridor, a el adicou o seu discurso de ingreso na Real Academia da
Historia. Por qué? Porque facendo a máxima dos humanistas: «Se nada humano lles
resultaba alleo», a el, «nada susceptible de ser relacionado con Galicia lle
era alleo». Unha das persoas con máis vastos coñecementos que eu coñecín.
E nunha produción tan
heteroxénea a qué lle daría máis relevancia vostede?
A el interesáballe todo. E
boa proba a temos neses estupendos libros titulados xenéricamente ‘Adral’, nos
que se facía unha compilación de textos, e aí daste conta do seu interese por
moitísimos aspectos, pero se tivésemos que destacar campos moi concretos coido
que ante todo sería o da Lírica Medieval. Foi un dos grandes especialistas nese
eido, empezou moi novo a publicar sobre Cantigas de Santa María, e a súa Tesis
de Doutoramento, defendida en 1936, continúa aínda hoxe sendo un material de
referencia sobre o tema. Foi unha persoa que non tivo reparos en facer estudos
de conxunto, cando non había case nada feito antes, así como en abrir novos
campos. Con dezasete anos foi, aínda non os cumprira, un dos fundadores do
Seminario de Estudos Galegos, participando nos equipos das famosas ‘xeiras’, el
mesmo fixo labores de campo. E na docencia, o mesmo podía expoñer unha lección
ante un sofisticado auditorio como chegarse ante xente máis cativa, tiña a
virtude de de modificar o seu rexistro dependendo de ante quen falase.
Fala desa capacidade
didáctica e como ensinante, algo que semella chocar coas críticas que fan
algúns sobre que a súa obra ou a súa figura non teñen aplicación no sistema
escolar de cara ao fomento das Letras Galegas.
Quen diga iso descoñece o
esencial da súa produción como creador literario, [di o Director do Museo,
mentres colle na man o voluminoso catálogo que se lle adicou a Filgueira
Valverde no ano do centenario do seu nacemento en 1996, como complemento dunha
exposición no Museo de Pontevedra]. Mira algunhas destas obras: ‘Os nenos’,
prosa adicada a nenos; ‘O vigairo’; ‘Agromar’, teatro escolar galego; ou
‘Quintana viva’. Quen diga que non ten aproveitamento dende o punto de vista
didáctico ou do ensino é que descoñece o seu currículum. Todo isto é bastante
máis amplo, por moi importante que sexa a obra do poeta a quen se lle adicou
este ano, dende o punto de vista da cantidade. E incido, a Real Academia Galega
non só está composta por persoas que traballan literatura ou poesía, hai
historiadores, científicos, xentes doutros ámbitos, e no caso de Filgueira foi
un humanista e a maiores foi creador literario en prosa e en verso, así como
historiador da literatura galega.
Falar de Filgueira Valverde
e do Museo de Pontevedra é falar dunha mesma identidade así como doutra das
súas achegas?
Sen dúbida. A relación
aparece ao tomar forma o Museo, el foi secretario técnico do padroado
fundacional pasando por todo o escalafón ata ser Director Emérito. O crecemento
físico, cos diferentes edificios, acompañouse co crecemento dos fondos,
amosando unha diversidade de intereses, isto é importante, xa que nos propios
estatutos faise constar esa variedade que conforman os fondos hoxe do Museo.
Esa comenencia que tiña por todo tamén se explicita no Museo, como todos
aqueles que procederon da Sociedade Arqueolóxica e que tiñan ben claro que
sería tamén un centro de investigación. Contouse así cunha biblioteca e un
arquivo, tanto documental como gráfico, e iso poñíase a disposición da
colectividade.
E neses fondos está toda a
súa obra?
Si, el era moi coidadoso e
gardaba absolutamente todo o que caía no seu poder. Unha parte moi importante
da cultura galega do século XX está no seu arquivo, e ademais de xeito
autobiográfico, xa que foi protagonista da maioría deses acontecementos
culturais. Foi Conselleiro Adxunto para asuntos de cultura no primeiro Goberno
Autónomico de Galicia, pero tamén figura destacada no Seminario de Estudos
Galegos, so por citar dúas referencias afastadas no tempo.
O Museo de Pontevedra e a
propia cidade estarán no centro da atención durante todo este ano,
Si, é unha das moitas
cousas que se lle teñen que agradecer a súa figura. Entre os moitos motivos que
ten para lucirse esta cidade terá o de estar en permanente actualidade ao longo
deste ano.
«O que eu desexo é que a súa figura sexa coñecida por todos e
por todo»
De qué nos vai a servir
este ano arredor da súa figura?
O que eu desexo é que a súa
figura sexa coñecida por todos e por todo. Por todos, non só polos
especialistas, senón que sexamos quen de difundir a súa figura en tódolos
ámbitos. E por todo, por que coñezamos todo o que fixo. Por exemplo, hoxe
presumimos moito do Casco Histórico de Pontevedra, pois cando o desarrollismo,
tan nocivo para o noso patrimonio estaba ameazando o ser máis íntimo da cidade,
como é o seu corazón, el soubo defendelo, e iso é algo que non se lle recoñece.
Non foi so el, houbo otras persoas, claro, pero si que tivo o seu protagonismo.
Dende que se coñeceu a súa
designación dende varios sectores criticouse a súa escolla. Entende esas críticas?
Non as entendo. Respetoas e
estou seguro que dentro dun ano, cando se coñeza ben o seu pensamento e a súa
actuación, gran parte dos seus detractores acabarán recoñecendo que se
equivocaron. Emplazámonos para dentro dun ano e verás.
Hai cousas que lín nestes
días e ata onde eu sei non son reais. Fun moitos anos alumno seu, e coñezo a
moitos que tamén o foron. Cómo se pode dicir que no permitía falar en galego
nas aulas! Gran parte dos meus compañeiros procedían do rural, galego falantes.
e eu nunca asistín a esa prohibición e levo uns días preguntando a
excompañeiros se nalgún momento o escoitaron e ata agora non atopei a ningún. E
volvo a Sarmiento, un avanzado no século XVIII que defendía a educación na
lingua materna, como era a nosa. Filgueira tamén insistía nesa educación, de
feito unha das súa fillas fixo a súa tese de Licenciatura sobre ‘O ensino na
lingua de Sarmiento’.
Nalgún momento nesa
relación de confianza falaron sobre eses capítulos que se lle botan en cara
estes días, como a súa saída do Partido Galeguista, a súa ausencia no xuízo a
Bóveda ou o ser alcalde no franquismo.
Sobre todo nos seus últimos
dez anos acabei converténdome, en palabras dos seus propios fillos, no seu
sexto fillo. Falabamos absolutamente de todo, sen reparos. As súas posturas
eran moi claras, e todas son susceptibles de crítica, como as túas ou a miñas.
A saída do Partido Galeguista está perfectamente explicada por Xosé Ramón
Barreiro; foi alcalde de Pontevedra no franquismo, non un alcalde franquista, e
emprego as palabras do profesor Xesús Alonso Montero, nunca actuou como tal. E
o de Bóveda é un mito que ven dun libro moi mal fundamentado, e a mellor
demostración é a relación da familia Bóveda con Filgueira Valverde. E outro
dato, Xosé Sesto, foi a última persoa que viu con vida a Bóveda, e despois da
súa morte foi amigo fraternal de Filgueira. Se houbera algo diso que se di,
Xosé Sesto non lle miraría á cara o resto dos seus anos.
Publicado no Diario de Pontevedra 13/07/2014
Fotos: Lorena Castro e Arquivo Diario de Pontevedra