Non deixa Ledicia Costas de dar pasos
cara adiante na súa conformación como escritora. Pasos firmes como os que nos
levaron ao inframundo o pasado ano coa súa ‘Escarlatina, a cociñeira defunta’
que acadou o Premio Merlín de Literatura infantil, e agora ese andar lévanos a
outro inframundo, este tan real coma noxento polo que ten de medida do que é
quen de facer o ser humano (chamándolle así dende a máis fonda xenerosidade).
‘Un animal chamado néboa’ artéllase a
partir dun conxunto de relatos que xiran en torno a diferentes sucesos que
ocorreron durante a II Guerra Mundial, abofé o episodio más vergoñento da nosa
historia común, e no que se traspasaron todo tipo de liñas para facer de nós,
como especie, un absoluto fracaso. Ese fracaso é no que se encarga de abondar
Ledicia Costas, facéndoo sen concesións, dun xeito aterrecedor e que non en
poucas ocasións obrígate a levantar a mirada do libro para ollar cara o
infinito, para apartar a mirada ante o que nesas páxinas se relata, dun xeito
tan eficaz que un sinte atoparse ante esa escena na procura de aire, pero tamén
na busca de respostas. Respostas que aínda hoxe, tantos anos despois, un é
incapaz de atopar. Que é o que pode levar ao home a facer unha serie de actos
coma eses? Por que esa ausencia de respecto hacia nós mesmos? Vendo os
acontecementos do noso tempo, aprendimos algo de todo aquilo?
Nun dos capítulos do libro escríbese
isto: «Hai veces en que o silencio é o único camiño», e é ese silencio no que
nos mergulla dun xeito abisal Ledicia Costas, a magnífica escritura do libro é
quen de arredar toda unha serie de percepcións que deixan ao lector sen folgos,
abrumado polo que se conta, se capacidade de resposta, caendo nese silencio
como o único camiño para poder continuar na lectura do escrito. O cerco de
Leningrado, os campos de concentración, a fronte do Pacífico ou o xuízo de
Nuremberg... son só algúns dos escenarios escollidos pola autora para dar pé a
falar dunha serie de sucesos nos que se recoñece un fondo traballo de
documentación que se converte en literatura a medida que Ledicia Costas abre a
boca dese lobo no que nos introduce liña tras liña, arrepío tras arrepío,
cunhas historias que abraian por que se deran, pero tamén pola capacidade da
escritora para enfrontarse a elas.
Neste intre é cando xurde outra desas
preguntas Porque este libro Ledicia Costas? Cada páxina que un pasa pregúntase
que é o que leva a un escritor a poñer negro sobre branco dun xeito tan
descarnado e directo, e un só pensa que beizóns para eses autores que baten en
nós para que nunca esquezamos o que pasou ben preto das nosas casas, pero sobre
todo, para que tentemos comprender o que podemos chegar a agochar dentro de
nós, o xérmolo dun mal que pode xurdir en calquera momento para poñernos en
dúbida incluso como seres humanos.
Publicado no Diario de Pontevedra e El Progreso 28/06/2015