O que me
gustaría e o que preciso son dúas cousas distintas. Non quero voltar ao
cárcere. Nunca máis, pero teño que facelo a miña maneira. ¡Preciso homes que
sirvan, ya viches o que pasou esta mañá!
[Diálogo de
‘Grupo salvaxe’ de Sam Peckinpah]
Día de bastóns ao aire, de novas
corporacións e de novos alcaldes. Abofé que dende os tempos da Transición non houbo un baile de
poltronas municipais tan ostentoso como ao que asistiremos ao longo da mañá de
hoxe. Novos partidos, coalicións, pactos e máis pactos, maiorías, dun ou doutro
xeito, pero ao fin e ao cabo maiorías, todas válidas e perfectamente
establecidas dentro do marco democrático, grazas a uns votantes que decidiron
que xa era tempo dunha nova situación na política ao ver co noso sistema íase a
pique pola molicie de moitos políticos e as maquinarias dos seus partidos.
E día tamén de comprobar como a algúns a
democracia non lles senta tan ben, como eses mesmos pensaban que democracia
significaba algo así como ‘eu estou aquí para sempre e que ninguén veña a
enredar’ e agora danse conta de que se afunden no océano. Iso si, hai quen o
fai coa dignidade dos músicos do Titanic,
mentres outros tentan ata o último momento virar un rumbo que xa non ten
posibilidade de muda se faga o que se faga, ou se argalle o que se argalle. Os
tempos están cambiando que cantaba Bob
Dylan, como atinadamente comentou o meu compañeiro Javi Casal mentres se fregaba os ollos ao ver a imaxe no noso
xornal do cuatripartito que deixará fóra da alcaldía lilaina a Telmo Martín, un
dos casos máis sobranceiros na nosa contorna, pero ao que se lle poderían
engadir os de Ribadumia, Barro, Portas, Ponte Caldelas
ou Lalín, e a nivel rexional grandes
vilas como as de Santiago, A Coruña ou Ferrol.
Como di a canción os que non comecen a
nadar irán ao fondo do mar como unha pedra. Moitos levan ao longo desta semana
máis que nadando, sprintando coma toliños, ofrecendo todo aquilo que durante
anos negaron aos que agoran acadaron o poder alcanzando unha imaxe entre o
patetismo e a tenrura.
Na nosa cidade Miguel Anxo Fernández Lores voltará a erguer o bastón de mando como
leva facendo dende 1999 para achegarse ata os vinte anos gobernando. En Pontevedra os resultados das elecciones
afastaron a palabra pactos do taboleiro político, pactos que serían incomprensibles,
tamén á vista do acontecido nas semanas previas á cita electoral, e que de
chegar nalgún momento non deixarían moi ben nin a uns nin a outros. Sen pactos,
e con doce concelleiros, un xa ve a poeira que levantan os membros dese equipo
de goberno, sobre todo os do que poderíamos chamar o Grupo salvaxe, aqueles que manteñen o seu lugar dende 1999 e que,
como na película de Sam Peckinpah,
amósanse como uns irredutibles ata o desenlace final. Eles chegarán para facer
unha lexislatura a súa imaxe e semellanza, coas menores interferencias doutros
partidos. Así o quixeron as urnas.
César
Mosquera, Raimundo González, Carme da
Silva, Luis Bará, Anxos Riveiro e Miguel Anxo Fernández
Lores son os que resisten dende aquela primeira vez e é posible que cheguen xa
ao final do camiño con esta lexislatura, tamén e probable que cando Lores
levante hoxe ese bastón lembren aquela primeira vez de 1999 cando aínda eran
case nenos políticos, e pensen cando deles dicían que serían quen de rematar co
mundo, que todo sería desolación, que entrarían na cidade como no tiroteo final
da película sembrando o caos e a destrución. E agora ven como iso mesmo que
lles dicían a eles fai vinte anos é o que se lles bota en cara aos que forman
parte deses novos partidos que dende hoxe si que entran en escena de verdade:
radicais, antisistema... en definitiva, xente moi perigosa que lle bota de
comer escorpións ás formigas para logo prenderlles lume. E como nun dos
prodixiosos diálogos da película, o Grupo salvaxe do BNG sentirá aquilo de:
«Todos soñamos con voltar a ser nenos, incluso os peores; tal vez os peores
máis que ninguén”.
Os tempos están cambiando e todos nós
formamos parte dese cambio que ata fai ben pouco semellaba imposible. Non teñan
medo, escoiten o que escoiten, pese ao que moitos presaxian, mañá seguirá
saíndo o sol. O amencer será tan fermoso como o é sempre nesta terra. Agora
tócalle a eles tentar facer a política que outros non quixeron, non puideron,
ou que fixeron nun principio pero que coa mantenza nas súas cadeiras esqueceron
para afastarse do sentir da xente.
Publicado no Diario de Pontevedra 13/06/2015
Ningún comentario:
Publicar un comentario