A
poesía en Galicia asiste a un bulideiro momento cheo dun futuro que xa é
presente grazas a novos e afoutados nomes.
Outro
25 de xullo. Outro día para mirar cara nós mesmos. Para contemplármonos e
tentar ver que podemos poñer de novo sobre a balanza. A min gustaríame
adicarlle unhas liñas á poesía. As palabras que fan equilibrios polas
ringleiras da páxina coas que os nosos creadores/as fan unha radiografía de si
mesmos a partir da súa relación coa súa contorna.
Se
durante moito tempo a poesía asistiu a súa propia marxinalidade, os últimos
tempos ofrécennos unha chea de síntomas que falan dun fervedoiro ao seu
arredor. Un pulo que tamén se rexistra a nivel peninsular, abofé alentado pola
relación das novas tecnoloxías e as redes sociais coa escrita. A capacidade de
recoller nunhas poucas palabras unha reflexión vital, a mensaxe condensada
nunhas poucas palabras, o sentimento en pírulas que viaxa ata os lugares máis
insospeitados. Si, todo iso é a poesía hoxe. Unha intelixente, nova e salientábel
poeta, Elvira Sastre, tamén ten reflexionado sobre este pulo da poesía hoxe, e
identifica esa nova realidade das redes sociais co xurdimento dunha morea de
novos nomes que chegan a novos públicos, que renovan aos lectores de poesía, e
que, sobre todo, fan unha poesía vencellada ao tempo e ao instante concreto que
nos tocou vivir. Ao mellor nada novo en relación ao pasado, que dun xeito ou
outro tivo os seus momentos de esplendor poético, pero a nosa realidade hoxe
defínese en parte deste xeito.
Galicia
é poesía de seu. Dende o azul do océano ata os verdes dos seus vales. Miles de
cores, de chuvias e de aires, pero tamén de miradas e sentimentos acariñados
pola sensación de vivir nun lugar especial. Un territorio afeito a querelo a
través da palabra, un espazo que compuxo a súa lingua a través daquelas poesías
que medraron na cerna da ría de Vigo. Aqueles trovadores ven renovadas hoxe as
súas palabras a través de novos poetas. De mozos e mozas que apostaron por esta
forma de linguaxe para achegarse ao mundo, un degoiro cada vez máis complexo.
E
se hai poesías e poetas ten que existir unha fenda pola que achegarse aos
lectores, editoriais ou proxectos que visibilizan ese pulo cunha maior
cantidade de números publicados que poñen en circulación o escrito, o sentido.
Tamén co xurdir doutros territorios para a poesía impensábeis fai tan só uns
poucos anos e que agora xa son un alicerce imprescindíbel para tentar calibrar
o que acontece arredor do verso. Aí é obrigado falar de Chan da Pólvora.
Ecosistema poético que dende Compostela alborexa ao mundo para que o galego
repenique en forma de verso. Da man de Antón Lopo acubillou a unha chea de
novos nomes que entraron por ese desfiladeiro, supoño que dende a perplexidade
do descoñecido, pero que co paso dos meses, a editora ven de cumprir un ano, séntense
parte dun dos acontecementos literarios máis felices na nosa escrito dende hai
tempo. E como termómetro desa alta temperatura poética é moi acaída a
presentación do pasado venres no mesmo espazo da editora dun novo volumen da
súa producción, o quinto, que condensa en trece poetas que rondan os trinta
anos esa nova situación da poesía en Galicia. ‘Antoloxía da poesía próxima’ é
unha travesía da man de Alicia Fernández, Andrea Nunes, Berta Dávila, Lara
Dopazo, Oriana Méndez, Celia Parra, Xabier Xil, Gonzalo Hermo, Samuel Solleiro,
Ismael Ramos, Francisco Cortegoso, Jesús Castro e Antón Blanco, nunha selección
de María Xosé Nogueira que é ben representativa desas novas voces que tamén
teñen prolongación máis alá de Chan da Pólvora. Outro espazo que agromou a esta
nova xeración é outra editora, Apiario, con Dores Tembrás e Antía Otero que
como abellas enchen de mel as colmeas nas que que traballan outra morea de
nomes: Afra Torrado, Alba Cid, Celia Parra, Ismael Ramos ou Tamara Andrés, por
citar só algún deles. Tamén poetas novos que recollen premios que non fan máis
que gabar o seu destino de creadores como Antía Otero, gañadora do Premio de
Poesía da Gala do Libro Galego con ‘O cuarto das abellas’ (Xerais), ou Miriam
Ferradáns, que acadou o Premio Nacional de Poesía XoseMaría Pérez Parallé con
‘Nomes de fume’ (Espiral Maior) ou Isaac Xubín conquistando o Lueiro Rey con ‘A
cadencia da fractura’ (Xerais).
E
xunto co prelo os recitáis, os espazos que levan a poesía a pé de rúa sacándoa
dos papeis e poñéndoa na boca dos poetas que é onde a poesía toma a súa
condición orixinal, onde amosa a súa contundencia fronte ao espectador. O
vigués PoemaRía ou a pontevedresa PontePoética son dous dos respiradoiros que
viñeron a completar a outros destes espazos con máis tradición pero que
reflicten esa cohabitación do novo co tradicional, que é algo que tamén se ten
como achega destes novos nomes, o seu pulo renovador e inspirador aos que
durante décadas levaron a poesía como bandeira vital. Os valentes que cruzaron
o deserto para chegar ata aquí, para achegarse a un oasis inesperado pero cheo
de felicidade e ledicia para unha terra que precisa da poesía como respiración,
como xeito de darlle sentido a un espazo sentimental como poucos que, dende a
súa natureza incomparábel, tamén entra nas nosas vilas, nunha simbiose
territorial á que tamén lle da resposta esta nova poesía. Como a tantas outras
cousas, porque a poesía é a resposta a nós mesmos.