Presentación en Pontevedra de '22 Segundos' (David Freire) |
UNHA VEZ máis, a
literatura afonda alí onde á vida lle custa explicarse. De novo a
palabra impresa enche de claridade ese espazo que na realidade
amósase entre a dúbida e o descoñecemento de gran parte da
sociedade, dunha ignorancia que leva á falta de comprensión e á
insolidaridade de quen se ve alleo a unhas circunstancias tan íntimas
e cheas de sentimentos e sensibilidades.
A literatura non debía
permanecer máis tempo allea a un proceso, o da transexualidade, que
está a provocar en moitos rapaces e rapazas unha complexa relación
co seu contorno. Familia, centros escolares, veciñanza... son os
espazos de convivencia nos que rachar os cristais nos que un ve
reflectido aquilo que non é, desexando ser o que realmente é, outra
persoa. Así é como se sobe un ousado chanzo da man de Eva Mejuto,
que, con '22 segundos', editada en Xerais, asenta os alicerces desta
problemática dunha maneira sinxela pero moi efectiva, a través
dunha historia chea de momentos sinceros, conmovedores en ocasións,
e nos que, axudándose de pílulas de humor, unha rapaza séntese
atrapada nun corpo, pero tamén en toda unha serie de compoñentes
sociais que non teñen que ver co que ela sente. A autora rodea á
protagonista da súa familia, unha nai e un avó que son quen de
entender e apoiar as súas aspiracións, e tamén dos rapaces e
rapazas dun colexio no que é vista cunha lupa, vivindo situacións
como a chegada do amor ou a relación cos médicos e terapeutas que
levan a cabo ese proceso de transición, conformando un libro que
pretende acadar "unha ollada crítica e aberta sobre o mundo",
segundo comenta a autora. E iso é o que cada vez custa máis neste
mundo, ter esa sensación de rachar os valos que tantas veces acernan
as vidas de moitas persoas que non teñen a posibilidade de loitar
polo seu futuro. O recoñecemento desa loita ou a concienciación
sobre esa realidade que moitas veces ten consecuencias tráxicas en
modo de suicidios ou do bullying, cada vez máis presente nos nosos
colexios, está detrás da orixe deste texto, que se converterá en
toda unha historia de vida, de medos que se van superando, de
barreiras que se erguen, de aloumiños entre seres humanos nos que,
ao fin e ao cabo, atopamos explicación a todo o que somos. Somos
caricia.
Se algo nos amosou esta
sociedade nos últimos tempos é a súa capacidade de cambio, a
apertura en moitos aspectos, sendo un deles o da sexualidade, abofé
un dos que rexistraban un maior atraso, de aí a velocidade dos
cambios, converténdose o que foi un tabú permanente, e grazas á
loita de moitos colectivos ao longo dos últimos anos, nunha
visibilización necesaria e imprescindíbel para entendernos un pouco
mellor, que é do que se trata. Do entendemento aliméntanse os
espazos de convivencia que toda sociedade ten que ser quen de xerar,
e para iso, se non sabemos o que somos, é moi complexo o avance que
chegará de acadar o orgullo xeral a través do orgullo propio.
Vén de celebrarse en
Pontevedra o FLOP (Free Life Orgullo Pontevedra) que, dentro das súas
actividades, acolleu a presentación desta publicación. Alí, xunto
ao editor do libro, Manuel Bragado, e a autora, estiveron dous mozos
transexuais, Marcos Ceive e Éric Dopazo. A experiencia do primeiro
deles é a que serve de sustento real a esta historia, na que Eva
Mejuto acerta sobre todo no ton que latexa en toda ela, isto é,
afastándose de dramatismos ou leccións, repousando nunha vida que
se pode case tocar, existencias que un ten moi preto e que moitas
veces non é quen de detectar. Nenas que non queren coletas, rapazas
que queren xogar ao fútbol, mozas que non gustan de ir vestidas como
bonecas... pequenos detalles que neste relato achégante moito ao que
se conta dentro dunha sociedade na que Eva Mejuto, ademais das
cuestións propias do asunto cerna do relato, tampouco esquiva outras
como a falla de investimentos nas bibliotecas para seguir medrando
nos seus fondos ou o caso das preferentes, que tan presente está
aínda na nosa sociedade. Esa mesma sociedade é a que ten que buscar
respostas ás demandas da poboación dende as administracións, e así
é como acollemos con optimismo, á espera do seu axeitado
desenvolvemento, a nova de que Galicia disporá dunha unidade de
referencia para a atención á transexualidade en menores e dun
observatorio contra a discriminación das persoas LGTBI que terá
sede en Compostela.
Eva Mejuto escribe no
final do libro, volvendo a unhas palabras dun dos personaxes máis
marabillosos do mesmo, o avó do protagonista, que "o que non se
di é coma se non existise". O certo é que xa é hora de
existir e de converter esa cicatriz no peito nun sorriso de
esperanza, dignidade e orgullo.
Publicado no Diario de Pontevedra/El Progreso de Lugo 12/07/2017
Ningún comentario:
Publicar un comentario