O novo poemario de Cesáreo Sánchez Iglesias convócanos a través das capacidades fabulosas da música a unha viaxe pola memoria e os sentimientos dende unha linguaxe expansiva, chea de significados que fan dos seus poemas horizontes de exploración individual e colectiva
ENMASCARA CESÁREO
Sánchez Iglesias o tempo coa súa venturosa poesía, unha poesía
que se escoita, que se ule, que se pode case que acariñar en cada
páxina que un pasa desde este poemario recén saído do prelo de
Kalandraka e incluído dentro da colección Tambo. Emerxe así, nesta
poética sensorial, unha festa dos sentidos que en cada liña vai a
máis ao tempo que serve para balizar a memoria, para asulagar a nosa
lectura cunha chea de percepcións que o poeta coloca ante nós para
actuar como unha fervenza de palabras, enchoupándonos deste xeito
cuns poemas amplos, nos que as sensacións e mesmo as experiencias do
poeta inclúense nun tempo que se fai memoria a cada verso para
conducirmos por ela, como a terra precisa na que abrollar todas esas
palabras.
Tempo
transfigurado propón unha nova achega de Cesáreo Sánchez
Iglesias a esa poesía súa na que as palabras estarícanse moito
máis aló do que semella se só nos detemos na súa grafía. O poeta
constrúe o seu traballo dende unha palabra que se enche de
simboloxías que acadan a apertura dunha serie de portas que fan que
nos seus versos non haxa unha única dirección pola que movernos.
Animais, flores, ventos, noites ou días xorden dende algo que medra
para ser moito máis que simples palabras precisas para a narración.
Cada unha delas elas asume diferentes posibilidades que fan destes
poemas cruces de camiños xigantescos sobre as necesidades do propio
verso e que nos van conducir cara uns horizontes nos que albiscar non
só a exploración que pretende o poeta cara a súa intimidade, senón
que colectiviza ese sentimento para facer deste camiñar un acto
colectivo.
A esta percepción do
individual e do grupal teríamos que engadirlle un ingrediente
esencial neste poemario como é a música, outra poética,
eminentemente sonora, pero que se inclúe xa non só a partir da
propia sonoridade que ofrece unha escrita estudiada ao límite, senón
na cita a un músico que entre paréntese pecha cada verso en
cadansúa páxina. Esa simple xeito de nominalización é quen de
modificar a nosa percepción do poema, aquela que foi ao longo da
lectura ao toparnos con este nome propio deixa de ser para explorar
esa hibridación da palabra coa música, aquí proposta por músicos
de tan diferente pelaxe como Schumann, John Cage, Vivaldi, Xoan
Montes ou Frank Zapa por nomear algún deles que no índice do libro
aparecen xunto á referencia a unha composición musical que
complementa o verso. Esta fértil maridaxe é unha interesante
hibridación músico literaria e que segue con esa idea proposta
anteriormente neste comentario de estar ante uns versos de longo
percorrido, que se botan a un horizonte case inalcanzable pola chea
de posibilidades que cada poema ofrece.
Versos de presenzas
pero tamén de ausencias, en moitos deles rastrexamos unha pegada que
comeza a anidar no tempo. Como de xeito brillante se di na lapela do
libro, estamos a falar de "un volume de aceptación de
orfandades", "unha aprendizaxe da soidade". Ambas
cuestións deixan un pouso de melancolía nesta fervenza de
sentimentos que e ve acompañada de silencios, recordos, soños,
amores caídos, xemidos, voces. Transfigúrase así o tempo e os
arrecendos xogan coas soidades nunha sorte de danza que querer seguir
escoitando a mesma música, aquela que un día marcou unha felicidade
agora murcha pero na que é precisa a resistencia. Moitos destes
poemas son poemas de resistencia dende ese estado de plenitude que o
tempo adicouse a esmagar de vagariño. Dende a memoria e a palabra
ese acto de resistencia convértese nun acto de honestidade con un
mesmo, pero que nos vai servir a todos para afrontar ese camiñar
cara unha liña na que descubrir e descubrirmos. "A nube sen
memoria oculta a mañá/ onde só o poema chega, téndeme a mao,
treme".
Publicado no suplemento cultural Táboa Redonda. Diario de Pontevedra/El Progreso de Lugo 25/06/2017
Ningún comentario:
Publicar un comentario