Presentación a estudantes dun filme dentro do Festival |
A
segunda edición do Festival Internacional Novos Cinemas de
Pontevedra volve amosar como o cine é unha das artes con máis
posibilidades para reflectir a conduta humana pero, sobre todo, para
ser quen de amosala aos demais e, a partir desa situación, facernos
pensar. Si, xa sabemos que poucos retos hai hoxe en día máis
arriscados cós de facer pensar ás persoas inmersas nesta sociedade
cada vez máis dirixida, con cada vez menos oportunidades para facer
da individualidade e da capacidade de soñar, imaxinar ou pensar,
unha das armas que máis deberiamos potenciar para facilitar o
desenvolvemento do ser humano. Pero de cando en vez danse esta
especie de milagres, de aventuras que xorden do empuxe de persoas que
ven a vida a través de fotogramas, como Daniel Froiz, Ángel Santos
e Suso Novás, que sustentan este Festival de Novos Cinemas, de novas
ilusións ao fin e ao cabo, e grazas ao apoio de moitas institucións
administrativas e culturais.
Así
é como Pontevedra se converterá ata o domingo nunha festa do cine,
pero do cine entendido máis alá da súa vertente espectacular, coa
que certamente tamén naceu como arte, subliñando as súas
compoñentes máis artísticas e culturais. E para iso a organización
procura unha sorte de pureza fílmica a partir da escolla dos
primeiros traballos de diferentes directores de todo o mundo que a
longo destes días amosarán as súas obras, pero que tamén formarán
parte dunha paisaxe de recoñecemento do cinema como canle de
expresión do ser humano, como elo entre persoas chegadas de todo o
mundo, como vencello entre os creadores e o seu público. É por iso
que ao longo desta semana sucédense unha chea de milagres que, como
en ‘La rosa púrpura del Cairo’, farán que as distancias entre a
pantalla e a realidade se esnaquicen, para que todos os valores que
se pechan nesas proxeccións se espallen entre as pedras desta
Pontevedra que non deixa de tirar da cultura (vimos de pechar tres
días marabillosos adicados a festexar os libros na rúa) como
alicerce da colectividade, como construción da cidade.
Xunto
á retrospectiva adicada ao director homenaxeado no festival, Matías
Piñeiro, e a proxección de corenta películas, nove delas dentro da
sección oficial a concurso, as pantallas converteranse en
obradoiros, en proxeccións baixo as estrelas, en encontros fóra das
salas de cine, en clases maxistrais, en intercambio de experiencias,
en solidariedade a pé de terra. En definitiva, trátase de alentar
un foro no que falar de cine pero, ademais diso, para falar de nós
mesmos. E se de algo se poden sentir ben orgullosos os seus
organizadores é da aposta polo cinema que transcende á propia
proxección e se converte, ao longo de todo o ano, e non só nesta
semana na que se concentran moitas actividades, nun proxecto
cultural, social e didáctico a través do traballo con escolares.
Nenos e nenas aos que nas súas aulas se lles ensina o que hai detrás
desta linguaxe das imaxes e das ilusións, pero tamén cun meritorio
labor dirixido a estudantes máis mozos aos que os novos sistemas
actuais de visibilización do cine os están afastando
constantemente, non só da pantalla grande, senón dun cine dirixido
a eles, as persoas, enchendo as carteleiras e as canles televisivas
dun cine baleiro, isto é, tamén, traballar cuns estudantes
aos que non se lles acaba de amosar o cine inserido nos seus plans de
estudo como arte e como ferramenta con infindas posibilidades, xa non
só para o seu estudo, senón para o seu emprego como análise do que
acontece e aconteceu na nosa sociedade ao longo da historia. Poñer a
estes mozos ante unha pantalla na que aparezan filmes de Jean-Luc
Godard, José Luis Guerin ou Ermanno Olmi, como así se fixo, é un
reduto da esperanza.
Vivimos
en Galicia un efervescente momento no noso cinema (sobre todo pola
permanente escaseza de recursos), e non só dende a produción, senón
tamén dende moitos aspectos que se moven ao seu arredor e que son
necesarios para xerar o hábitat preciso para seguir medrando. A unha
chea de novos directores ben cargadiños de talento como Óliver
Laxe, Lois Patiño, Ángel Santos, Xurxo Chirro, Anxos Fazáns, Diana
Toucedo... (e perdón por aqueles dos que me esquezo) súmanselle
iniciativas xa imprescindíbeis como todo o que hai detrás do
proxecto Numax en Compostela ou este Festival de Novos Cinemas que
vén completar a oferta doutros festivais e encontros con máis
tradición, pero o bo de todo isto é entender como cada iniciativa
acada un espazo propio dentro desta cadea de afouteza que xorde
arredor do cinema.
Agora
toca encher as salas, facer que o festival forme parte de todos nós
e nós del, e sentir que o cine pode ser a mellor ferramenta para
tentar comprendermos, un chisco, como somos.
Publicado no Diario de Pontevedra e El Progreso de Lugo 28/06/2017
Fotografía. Javier Cervera-Mercadillo
Ningún comentario:
Publicar un comentario