Rue Saint-Antoine nº 170
Tentar
facer das librarías un espazo vivo, afastado daquela antiga sensación de que
estes lugares se convertían nun almacén de libros e po, está detrás do bo facer
da Libraría Paz que vén promovendo unha serie de iniciativas para dinamizar o
propio negocio de venda de libros dende os encontros, a música ou as artes
plásticas
Exposición de Antón Sobral no escaparate da Libraría Paz (Nuria Bouzas) |
Cada
vez enténdese máis o ámbito da libraría como un lugar de encontro, un espazo
vivo dende o que converter ao visitante dunha chea de actividades nun posible
comprador, ou cando menos, en alguén cómplice dun espazo ao que estes tempos
miserentos, en tantos frontes, foron compoñendo, e que tiveron, en non poucos
casos, como vítimas ás librarías. O peche continuo destes establecementos en
todo o país foi deixando un regueiro de mágoas e dores polo que ten de fracaso
da sociedade o peche de cada un destes espazos adicados á venda de libros. Pero
tamén ese cruzar o deserto da desesperanza deixou momentos de rebeldía ao
complementar esa acto de venda coa implantación de diferentes actividades que
ennobrecen o propio espazo e alentan nas librarías unha sensación de frescura e
entrada de osíxeno que ao lector vénlle moi ben.
Un
caso na nosa cidade é o da Libraría Paz, a cal ven desenvolvendo unha chea de
actividades paralelas ao seu labor principal e que se artellan, nun primeiro
lugar arredor do libro, con presentacións, encontros cos autores ou vermús
entre libros e que logo van ampliando o seu círculo con músicos e artistas.
Especialmente singular é a iniciativa que emprega unha parte do escaparate como
galería de arte, un fragmento dese espazo tantas veces privilexiado no que se
produce o primeiro contacto entre o espectador/lector e o negocio, e que agora
permite ademais a contemplación de diferentes propostas artísticas.
Con
xa catro exposicións xa podémonos facer unha idea do que se atopa tras este proxecto
que conta coa supervisión do artista Antón Sobral. A partir da súa escolla,
diferentes creadores amosan o seu traballo adaptándoo ás peculiaridades dese
lugar, nunha aposta e case un desafío do autor consigo mesmo. O propio Antón
Sobral iniciou esa xeira de exposicións cunha mostra que co seu título
explicaba case dun fogonazo o que se agocha tras esta iniciativa: ‘O pequeno é
fermoso’, titulou Antón Sobral, e é que o pequeno estará sempre tras este xeito
de expoñer no que o artista ten que tamén afrontar un reto como é o de adaptar
o seu discurso a un formato menor. E o artista acadou, como fai sempre,
facernos sentir o mar, abríndonos esa mirada cara o horizonte ou os horizontes
de mar e nubes que como poucos é quen de lograr. Tras Antón Sobral, Carmen
Hermo, cos seus ‘Pequenos polizóns de árbores á deriva’ compuxo unha especie de
costa á que chegan os restos dos naufraxios como se se abrira unha edición de
‘Robinson Crusoe’ e ata eses andeis fosen a dar todas estas pequenas xoias. A
terceira, Carmen Llonín, outro exemplo de delicadeza, pequenos aloumiños á
natureza convertida en fotografías de pequeno formato pero capaces de agochar
enormes sensacións. Actualmente temos á nosa disposición a mostra de Sergio
Cobos, coas súas arquitecturas luminosas, detalles de ventás ou fiestras
que se atopan na nosa cidade e que aquí parecen voar para colocarse unha tras
outra ante nós. Outro exercicio de tenrura artística que nese ambiente semella
concederlle as tres dimensións a fragmentos de relatos que neses libros fan das
fiestras as súas protagonistas.
Neste
mes de xuño está prevista a inauguración da mostra da creadora Soledad Pite o
que vén a reafirmar o acertado da escolla dos creadores para adaptarse a un
espazo tan singular, xa que Soledad Pite ten amosado como a súa obra está
dotada dunha fonda sensibilidade e capacidade para ler os ecosistemas nos que
se acolle o seu traballo, e abofé que nunha libraría terá infinidade de
posibilidades para sementar a súa imaxinación nunhas pezas que sigan tecendo
este fío que entre libros, entre andel e andel foise enleando dende a Libraría
Paz.
Unha
lea que tamén se tece dende iniciativas como os vermús literarios que nas mañás
dos sábados ofrecen a posibilidade de escoitar a autores conversar con
xornalistas sobre a súa obra, estando aínda recente o último deles, entre
Manuel Jabois e Belén López, un complemento as presentacións de libros e de
cómics, dos que esta librería é un dos mellores expoñentes e ao que adica unha
gran atención.
Pero
fáltanos tamén a música, que por suposto ten cabida nestes novos tempos da
Libraría Paz, e así é como dende hai uns meses un ciclo nomeado como
‘Músicas en Paz’ acolle recitais na propia libraría de creadores artistas como
Alba María, Uxía e Narf e Davide Salvado. O próximo concerto, terá lugar o
vindeiro día 8 de xuño e estará protagonizado por Sonia Lebedynski compoñendo
así unha nova realidade, a dunha libraría que vai máis alá do andel
transformando un espazo en moito espazos, e compoñendo unha faciana diversa da
nosa cultura. Unha aposta polo que ten de entender que esas formas de negocio
monolíticas, adicadas únicamente a vender libros sen máis, xa non son deste
tempo no que se precisa as accións dende diversos eidos da cultura para termos
un lugar no que suxeitarnos e entender certos procesos que, como o da cultura,
non camiñan por un só vieiro.
Cando
nos achegamos a ese escaparate e ollamos as novidades do mundo editorial e
vemos unha pequena exposición, estamos asistindo a unha fiestra aberta á
cultura, a integración de discursos, pero sobre todo ao descubrimento da
libraría como espazo vivo e vivido, como lugar no que ten cabida moito máis
daquilo ao que estabamos acostumados durante tanto tempo. Un xeito, tamén, de
sortear a unha crise que se cobrou demasiadas vítimas, pero ante as que feitos
como éstes déixana sen capacidade de reacción.
Publicado no Diario de Pontevedra 30/05/2016