martes, 24 de maio de 2016

A derradeira fuxida


Poucas figuras deixan unha pegada tan fonda nun territorio, ou nunha identidade como é Pontevedra, como a de Sabino Torres. Lumieira aberta pola que esta capital, tan aburrida ás veces de si mesma, permitía que entrase o aire fresco dunha intelixencia que necesitaba a miúdo distanciarse da súa amada cidade 


«Eu poño o sombreiro como
me dá a gana». (W. Whitman)

Pontevedra é, dende onte, menos Pontevedra. As bágoas desembocan no Lérez por esa Moureira que nos descubriu tantas veces dende a súa sabedoría de libros e faladoiros, clandestinos os primeiros, e de amizades e complicidades os segundos. Sobre a súa pel, e durante case un século desta cidade, fóronse debuxando as engurras de Sabino Torres. Engurras nas que o tempo tallou, coma nesas figuras que levaban os barcos piratas na súa proa, o devir dunha vida entre Pontevedra e Madrid, esvarando polos treboentos vieiros da cultura máis diversos e as aventuras editoriais.
A un reconfortáballe albiscar polos ventanais do Hotel Rías Bajas o cabelo branco de Sabino en plena conversa con alguén. Unha imaxe habitual cando viña por Pontevedra que era sempre que podía, para manter, o seu amor cunha cidade feita muller, e a súa relación de amor e odio con esta vila. Ese pelo era sinónimo de vida, pero tamén de vixencia da nosa memoria que, como poucos personaxes podía gabarse de acubillar Sabino Torres. Outras veces a Sabino Torres viámolo cruzar pola praza da Peregrina, co seu gabán longo coma el, froito dunha elegancia e melancolía de galán dunha película de Max Ophüls. Sabino camiñaba cara á súa Rúa Nova de Abaixo, refuxio pontevedrés, berce familiar dende o que arrinca esa obra cume da nosa memoria local, como é ‘Crónicas dun tempo escondido’ (Editorial Galaxia, 2014), facéndoo dende os silencio rotos polos disparos dos fusilamentos ao pouco de comezar a Guerra Civil. Aquel neno de doce anos, entre os brazos da súa nai, manterá ao longo da súa vida esa lembranza e temos a Sabino Torres moitas décadas despois asistindo na Caeira aos homenaxes a Alexandre Bóveda, un daqueles axustizados. Pero esas crónicas son moito máis, son o libro que esta cidade lle reclamaba a Sabino dende hai moitas décadas, para que saibamos a que xogaban aqueles cativos pontevedreses; os cafés nos que se reunían, o Savoy, o Carabela, o Urquín; os personaxes cos que se xuntaba, Ramón Peña, Álvarez Negreira, Manuel Torres, Cuña Novás ou Celso Emilio Ferreiro; só por nomear algúns. Pintores, escritores, poetas ían facendo grupo naquel escenario de sombras que se mantivo en Pontevedra durante longo tempo. Sempre demasiado.   
Foi nesa escuridade na que agromou unha das aventuras máis fermosas da nosa cultura, cando Sabino Torres se embarcou no prelo do seu pai o editor Victor Torres para tirar poesía. Un romántico, si. Sempre o foi, e morreu séndoo. Porque Sabino Torres morreu sendo, sobre todo, un poeta. Sempre reclamou esa condición por riba de todo o que fixo, que foi moito. Un poeta de intimidades, de escribir paseniño para situarse ante a vida e facéndoo sempre dende as pedras húmidas da súa cidade, dese río metade doce metade salgado, das fontes de auga limpa como limpa foi a súa poesía, sen máis pretensións que a da experiencia vivida, a do verso libre dende o que moverse para sentirse. Amaba tanto a poesía que non lle chegaba co que el escribía, así que deu saída nesa longa noite de pedra a nomes como Manuel María (que publicou o seu primeiro poemario nesta colección chamada Benito Soto), Emilio Álvarez Blázquez, Emilio Negreira, Álvaro Cunqueiro ou Luis Pimentel foron algúns dos que escribiron en galego aqueles libros cheos de afouteza entre os anos 1949 e 1951, e cuxa memoria recuperou o Concello de Pontevedra cun recordo permanente no edificio da rúa  Don Filiberto en decembro de 1999. Máis poesía editou Sabino Torres coa colección Hipocampo Amigo, ao tempo que escribía a súa propia, desembocando en diferentes poemarios sendo o derradeiro ‘Versos para la Bella Helenes’ (Deputación de Pontevedra, 2009). Poemario adicado á cidade na que naceu. As cinco rúas, os Soportais, as pontes, a fonte dos Tornos, o paseo da Oliva. Espazos da memoria que se volven versos de saudade e emoción nos que o home lembra todo o seu itinerario vital.
E nese itinerario hai cabida para moitas outras aventuras. Porque ese romántico era tamén un aventureiro que sopraba sempre nas velas desta cidade adormecida durante tanto tempo, algo que lle molestaba moito, moito, a un home cun espírito tan emprendedor. Da súa man naceron publicacións como a revista ‘Finisterre’, ‘Semana Deportiva’ que se converteu en ‘Ciudad’ para, unha vez pechado ese semanario de información xeral, poñer outra cabeceira en circulación, ‘Litoral’. Eran tempos nos que Pontevedra non tiña o Diario de Pontevedra, pechado despois da Guerra Civil e refundado en 1963. A capital non tiña un medio de información propio, e xente como Sabino rebeláronse ante iso cubrindo un oco. A falta de apoios e esa vocación desta cidade pola autodestrución foi o empurrón para marchar a Madrid, a traballar en novos proxectos e a gozar dun ambiente cultural que aquí nin existía nin se agardaba por el. Concertos, teatro, faladoiros, amizades... en definitiva, aire limpo para os seus pulmóns. Inspiracións para os seus versos. Sabino Torres resístese a ser un figurante doutro tempo, e aquela frase de Walt Whitman de poñerse o sombreiro como lle daba a gaña, era un xeito de reivindicar a liberdade de toda unha vida, un leitmotiv de xestos e accións, de berros escritos e proxectos que non tiñan fin. Non foron poucas as veces que Sabino Torres veu ao Diario de Pontevedra a solicitar fotografías para unha revista que editaba en Madrid, pero co título de ‘Pontevedra’, nela cabían historias e reportaxes sobre esta cidade á que volvía para bicala e logo marchar enfadado. Unha e outra vez. Un amor eterno pero tamén infiel. Fuxida tras fuxida coma o amante ferido. Pero a ferida Sabino Torres só sabía cicatrizala dende a escrita. E é cando a Editorial Galaxia pon negro sobre branco ás lembranzas de Sabino Torres. Textos impagábeis para a nosa configuración como sociedade, chegan ‘As tres columnas’ (2008), retrato das casas de prostitución da Moureira con aquela Mimitos inesquecíbel, e as xa citadas ‘Crónicas dun tempo escondido’.
Xa non o veremos coas mans entrelazadas ás costas camiñando por Pontevedra. A cidade que converteu en poesía, a que lle deu a vida e que verá medrar algunha rosa nalgún xardín adicada a el. Unha rosa para un poeta.


Publicado no Diario de Pontevedra 24/05/2016
Fotografía. Sabino Torres firmando o seu derradeiro libro 'Cronicas dun tempo escondido' en 2014. Rafa Fariña

Ningún comentario:

Publicar un comentario