sábado, 21 de maio de 2016

A que sabe a poesía?

«No hay más bondad que la que emana de la inteligencia»
[Carlos Oroza]

 
Carlos Oroza nun recital no Grove con M. Lueiro á dereita da barra
Como respostar a esa pregunta? Pois tras pasar un chisco no CIFP de Hostelería Carlos Oroza a un lle veñen unha chea de sabores: a queixo Marigold e a empanada de millo, a castañeta maceirada e a croquetas de ourizo, a meixelas de porco celta e a bacallau, pero tamén a Mencía e a Albariño, a rimas que non riman, a poemas horizontais nos que un pode esvaecerse deste mundo inhóspito, a voces que se expanden no infinito e a amores que nunca se poden nin deben esquecer. Ese é o sabor da poesía, nin máis nin menos que o da vida vivida, o das experiencias que se van pousando na pel e na alma, as apertas e os bicos, as amizades e as flores amarelas.
Que o Carlos Oroza homenaxee ao poeta que lle dá nome, non é máis que a rúbrica dunha maneira de entender a nosa sociedade da que moitos terían que aprender. A gastronomía como reduto independente do que somos, o orgulloso vieiro dunha forma de enfrontarse ao mundo dende a excelencia e a modernidade. Pero non a modernidade da vacuidade, senón a modernidade do progreso e a excelencia, esa que ten algo que achegar na construción dunha identidade.
Usade a Oroza!! exclamou onte Carlos Blanco, isto é, dubidar de todo. Protestar, sin comas nin puntos, como escribía o poeta.Sede libres, no texto, pero tamén na vida. «A liberdade do territorio interior» como dixo o editor Bieito Ledo falando de Carlos Oroza. Un territorio do que nos podemos apropiar dende a palabra, dende unha escrita que non lle chega á punta do pé da súa oralidade que seguirá retumbando na mente dos que o escoitamos nalgunha ocasión trascender do que somos, case levitar, como levitaba Carlos Oroza co aire do Metro de Madrid ou as saias de Marilyn Monroe.
«Un rascacielos nunca podrá rascar el cielo. ¡Qué cojones!», deixou gravado o poeta de viva voz. Cantas tonterías se escoitan hoxe, aínda se escriben máis. Cantas distracións do realmente importante da vida como é o contacto cos demais, estando como estamos cada vez máis tecnoloxizados. Oroza sempre pareceu o home distante, o poeta na súa nube afastada do cotiá. Todos os que falan del amosan a súa cercanía, a amabilidade forxada na súa educación e a súa cultura longa coma os seus versos. Un día achegouselle nunha rúa de Pontevedra alguén que o coñecía. -«Carlos, que, paseando?». –«Non, traballando», lle contestou o poeta, e é que os poetas traballan as 24 horas do día, cada movemento é parte da súa acción. A anécdota púxoa sobre a mesa Uxío Novoneyra, fillo do Caurel que era o seu pai, tamén el, froito inmarchitábel dunha xeografía feita palabra que tivo o marabilloso contrapunto na urbanidade do Carlos Oroza que chegaba do Café Gijón. Alí, entre pizarras e toxos, construiron unha amizade desas que foi sementando o poeta ao longo da súa vida.

Outra delas foi a mantida con Manuel Lueiro Rey, a el adicoulle un dos seus libros, ‘Cabalum’ do seguinte xeito: «Para el poeta amigo y escritor Manuel Lueiro Rey con recuerdo de unos tiempos poéticos y de lucha. Con un abrazo. Carlos Oroza». Poesía e loita. Así escriben a historia os poetas, dende a resitencia, dende a loita da palabra expandida na que con tan pouco dise tanto. Se onte nos achegamos á figura de Carlos Oroza, ata o 12 de xuño podemos facelo, cunha exposición no Pazo da Cultura de Pontevedra, á de Manuel Lueiro Rey, outro proscrito, un deses escritores fronteira entre o recoñecemento e a indefensión da cortedade de miras que aínda moitos practican, xa non só dende os púlpitos literarios, senón dende as redaccións dos xornais.

“Europamos de tristeza” escribiu o poeta, tan inventor de palabras coma calibrador de realidades. Morreremos de tristura se seguimos a esquecer aos poetas. Na escola de hostelería Carlos Oroza non o fan, e ben ao contrario, dende esas roupas sen oso, sen carne dentro, como nos deslumbrou co seu falar o pintor Antón Pulido, ao describir a figura esfameada do poeta, pódese construir todo un proxecto educativo á altura dos tempos. Simplemente sen esquecer de onde se ven, sabendo onde se está, e sobre todo, ollando cara un futuro do que os seus alumnos serán protagonistas.



Publicado no Diario de Pontevedra 21/05/2016
Fotografía Arquivo Familia Lueiro

Ningún comentario:

Publicar un comentario