Francisco
Leiro soubo, a través da potencia da súa escultura, dar conta dunha das
traxedias máis miserábeis do noso mundo desapiadado
Talla
o cambadés Francisco Leiro o horror e o noxo da guerra de Siria reflectida nese
Alepo devastado. Unha devastación miserábel que estes días volve á actualidade
polos civís mortos en Guta, na que hoxe permitirase abrir un corredor
humanitario para calibrar a deshumanización á que foi sometida nas últimas
xornadas. As bombas sobre nenos trouxéronnos de novo esas portadas de días
pasados, coas que o primeiro mundo lava as súas conciencias durante dous ou
tres días, ata que o paso do tempo ou algunha das nosas parvadas decote afasten
o foco da traxedia. Agora é Guta, pero antes foi Alepo, e nela fixouse o noso
protagonista para facer coas súas mans berro. Para levar ata ARCO, feira das
vaidades, a capacidade da arte para reflectir o noso mundo, para revolverse
ante o que acontece, para xerar dúbidas e axitar así a unha sociedade que debe
ter na arte un medio de excitación e alarma. Desacougadoramente hai moitos que
non o entenden así, e ven a arte como un perigoso elemento de subversión
social, algo que rasca a súa fina pel, e obrigan a que a arte se meta en
caixóns. Censura en forma de libros, censura en forma de obras que se descolgan
das paredes dunha exposición ou censura tapándolle a boca dende a cadea a algún
rapeiro que non pasa de ser un maleducado, pero non un delincuente.
A
tensión deses corpos enfiados ao longo desas columnas, corpos tinxidos polo
brancor dun pó que emerxe das ruínas da destrución, é a tensión que lle falta
ao noso mundo para respostar axeitadamente ás súas obrigas morais. A vergoña da
interminábel guerra de Siria, esquecida tralo show da imbecilidade do
presidente dos Estados Unidos, acougada baixo a complicidade do presidente
Putin e narcotizada por unha Europa preocupada nas súas leas domésticas,
converteuse en inspiración para ese ‘Sísifo confuso’ con que o creador, Aser
Álvarez, nomeou nun filme a súa figura e o traballo, reflectido na teima diaria
por enfrontarse ao material, para ser quen de contar cousas a través dunha
imaxe, un propósito tan sinxelo como complexo e que obriga, cada vez que se
inicia unha obra, a pelexar co material, a tentar ver o que hai dentro del e
desprezar todo aquilo que sobra.
Nese
documental amósase como nunca antes a Francisco Leiro e, vendo esta instalación
que a través da Galería Marlborough situouse no stand do xornal ‘El
Mundo’, e que de xeito miope non se viu noutros xornais, agás o do organizador,
decatámonos do poder da arte para visibilizar o que somos dende unha mitoloxía
tantas veces empregada como esperanza na obra do escultor pero que cando se
adica a mirarlle aos ollos ao noso mundo non fai máis que converterse en laio,
nun berro orgánico que nos somerxe na nosa propia vergoña. A acta notarial
tridimensional dun espazo de convivencia que nos adicamos a esnaquizar por
unhas poucas moedas sen pensar no custo de vidas e de danos á nosa presuntuosa
condición de especie evolucionada.
ARCO
pechouse baixo o balbordo da censura e de alí saíu o traballo de Francisco
Leiro, a recuperación da identidade do artesán dende a pegada do primitivo,
quizais o mellor xeito de representar o inhumano que hai tras as cidades
arrasadas, esculpidas polo terror do home na procura do dominio dunhas almas
que aquí chántanse nun piar, como aquel no que viviu o santo Simón ata a súa
morte nese mesmo Alepo do que xa só queda po, morte e agora unha escultura.
Publicado no Diario de Pontevedra/El Progreso de Lugo 28/02/2018. Fotografía: Zipi