luns, 19 de febreiro de 2018

Nas fauces do monstruo

Un breve poemario presentado en tres idiomas amosa a pegada que a cidade de Nova York deixou en Francisco Fernández Naval. Unha pegada que o escritor converte nun mazo de poemas que a súa vez referencian a marca que noutros poetas deixou a cidade dos rañaceos.


Poucos perfís máis sobranceiros que o de Nova York. Poucos horizontes lévannos a pensar máis fondamente na relación do home coa súa contorna como o que acontece ao poñerse fronte a este rebumbio de rañaceos e edificios que pelexan coa horizontalidade e converten á cidade nunha forza ascensional que nos coloca ante o abraio, pero tamén ante unha dimensión do ser humano certamente perigosa polo que reflicte dun poder que as máis das veces vólvese contra nós mesmos.
Cun fermoso prólogo de Eva Veiga e a traducción ao inglés a cargo de Craig Patterson os poemas de Chisco Fernández Naval convértense nunha aproximación dende a experiencia vivida e a compaña ética e estética de varios autores aos que a pegada desta metrópole mudou o camiño plantexado pola súa obra. Adonis, Mark Strand, José Hierro, Luis Alberto Ambroggio, Celso Emilio Ferreiro, Federico García Lorca ou Antonio Hernández son eses compañeiros de viaxe a partir dos que se amplían as posibilidades dos poemas, un enxerto nas sensacións que ofrece a cidade e que agroma nas novas composicións do autor ourensán.
Ao tempo que publica a súa última novela ‘Alma e o mar’ (Editorial Galaxia), na que a cidade de Nova York ten unha forte presenza, chega a nós este poemario ‘Nova York: ceo e mazá’ (Artepoetica press) que é unha especie de contrapeso desa outra obra. Unha mirada obtida a pé de campo, nas fauces dese monstruo en que se converte unha cidade inmensa e cun fondo peso na cultura e na vida social, xa non só dos Estados Unidos, senón do mundo enteiro. A aposta por domesticar a fera por parte de Chisco Fernández Naval é unha xesta emocionante polo que se acada a través duns versos longos, polos que se moven, como no arame dun equilibrista, moitas das eivas daquela sociedade, como pode ser a súa relación de poder con outros estados, o racismo, o capitalismo, a relación co xudaísmo, a pobreza nas súas rúas. Un lado oscuro que se move nun abraiante escenario de rúas e arquitecturas: a ponte de Brooklyn, o Rockefeller Center ou o Chrysler Building, isto é, «a faciana do poder» fronte as «bochas no rostro»: Siria, Irak, Sahara Occidental, Palestina e Afganistán e, xunto a elas, «o cancro de América Latina e a gangrena de África». Pero todo iso de fronteiras cara fóra ten tamén nas propias veas do monstruo as súas doenzas: «Nas rúas o vento varre as follas outonizas dos dereitos civís». Dereitos dos negros, dereitos dos desterrados, «Os desterrados percorren as rúas convivindo co estrés, co rillar das sombras». Esa simbiose está apegada á pel de aceiro, cristal e neons con que se recubre Nova York, alí onde outros moitos poetas enfrontaron tamén á súa alma a unha chea de sensacións que agromaron en poemas que agoran serven de ronsel polo que seguir. Fragmentos que dan pé aos textos do noso protagonista prolongando unha liña temporal a través do gume da poesía.
E nese gume, tamén a ferida, a dor sofrida por unha cidade que nun setembro de maldade enfrontouse co «fume do silencio» que se foi corporizando en dor, unha dor universal que foi máis aló do Hudson para atinxirnos a todos aos que nese intre, e fronte as pantallas de televisión, convertémonos na sombra dos emigrantes que dende unha multiplicidade de xeografías chegaron ata aqueles portos trasantlánticos para facer medrar unha nación que fai desta cidade un dos seus mastros.
Chisco Fernández Naval semella subir a un deses mastros para ollar cara a realidade, a de hoxe, pero tamén a que foi levedando dende tantas outras presenzas sen as que non se entendería por completo o que alí se agocha, o que alí se exhibe: «Brooklyn, un tempo de alcanfor e de memoria/no labirinto da ponte e da cidade apócrifa».



Publicado no suplemento cultural Táboa Redonda. Diario de Pontevedra/El Progreso de Lugo 28/01/2018


Ningún comentario:

Publicar un comentario