venres, 16 de febreiro de 2018

Ravachol volve ás andadas

     


     Tempo de Entroido e tempo de que Ravachol siga a facer das súas. O espírito do papagaio máis coñecido do Entroido pon, de novo, en xaque á realidade, a encerellar alí onde sabe que o seu humor pode sacar máis proveito e incluso as cores a algúns. O pobriño do paxaro dende a súa inconsciencia volveu a poñer dos nervos aos seus veciños e a repetir as fazañas que o consagraron como o mellor símbolo do noso Entroido e un dos feitos máis sobranceiros dunha cidade que ten na historia deste plumífero chocalleiro un dos capítulos máis salientábeis da súa historia, e do que penso aínda no fomos quen de sacarlle o partido que merecía a un relato que deixa en panos menores aos dadaístas que non dubidarían en acoller a Ravachol coma un máis.
     Como fixo en vida, agora coa súa morte, renovada cada ano, (o que aínda ten máis mérito), Ravachol volve a voar arredor dos cregos e dos rosarios e o papagaio de novo obrigou a que a ‘Igrexa’ tivese que chamar a policía para poñer orde, para que todo siga en silencio, que nin no Entroido xa se pode facer algo de balbordo! Os cofrades do Santuario da Virxe Peregrina chegaron a chamar á policía para denunciar a presenza da botica de don Perfecto a carón do seu adro. Alí ata onde  Ravachol tantas veces fuxiu, para brincar, para estirar as súas ás, ou para sacar a súa lingua afiada a pasear, é ata onde o destino quixo que volvese o paxaro neste Entroido por culpa dunhas obras. Non lle podía saír mellor a xogada aos que puxeron alí a Botica, seguindo os voos de Ravachol, co que non contaban era que, máis de cen anos despois, volvesen a rosmar contra o paxariño (que se debe estar escarallando no ceo dos paxaros) por ter durante unha semana, toda unha longa semana de Entroido, as pedras da Peregrina como acubillo do paxaro infiel que, ao parecer, aínda non se redimiu na súa outra vida dos pecados cometidos na primeira.
     ¡Cousas veredes! Pensarán don Perfecto Feijoo e don Víctor Cervera-Mercadillo ao ver que a súa Pontevedra aínda repite moito daquilo do que eles mesmos se riron no propio faladoiro da Botica xunto a Francisco Portela, Torcuato Ulloa, Enrique Campos, Demetrio Durán, Diego Pazos, Miguel Sánchez ou Javier Pintos, nuns tempos en que levou a Ravachol ao Teatro Principal no Entroido de 1900 para avergoñar a aquela Pontevedra burguesa a través do bico do paxaro. Eles mesmos puideron ser os que lle contaron aos redactores do Progreso, o xornal da rúa Pasantería, algunhas das aventuras de Ravachol e que se publicaron nos días de loito que viviu a cidade polo seu pasamento, en 1913, sendo unha delas unha que ven moi ao caso do que aconteceu estes días de 2018: “Unha noite logrou saír á rúa, chegou ata o adro da capela da Peregrina, moi preto do sereno que descansaba e dende a porta comezou a saudalo, e este, despois de mirar arredor para saber quen lle falaba, sen obter resultado algún, cheo de medo, imaxinándose ante unha alma en pena e como idem, correu ata a Ferraría, buscou un compañeiro e xuntos regresaron ata o lugar do suceso. A mesma soidade e a mesma voz humana que o seguía saudando, ata que Ravachol foi denunciado pola cadea que arrastraba. Entonces, valentes e decididos, os gardas procederon a súa detención e o levaron ata o depósito municipal onde pasou a noite”.
     Agora parece que o papagaio salvouse da cadea pero non de reverdecer os seus loureiros como intelixente símbolo do noso Entroido, axudado por unha complicidade coa que era difícil contar, pero que se agradece para botar todos unhas risas, así como a de quen continúa a broma nas páxinas dos xornais (porque no fondo todo era unha broma, verdade?), dándolle unha severidade sonroxante ao que no pasa de ser unha anécdota duns poucos días moi sinalados. O certo é que Pontevedra, aquela e esta, é así, todo vale para saír á escena, para axitar a vara contra os de sempre, gastando as forzas en miudezas cando abofé os empeños, por exemplo da confraría, podían adicarse á mellora da contorna do templo e a tentar empurrar por unha solución para esas medianeiras que realmente afean ao Santuario, e non só uns días, senón durante semanas, meses, anos e décadas.
     O luns a Botica desaparecerá e as novenas e rezos do rosario, así como os milleiros de peregrinos que estes días cruzan a nosa cidade baixo a chuvia, recuperarán a súa calma e o seu sosego. Esquecerán os sobresaltos provocados polo papagaio e o seu cortexo de dor e todo voltará á tranquilidade dunha pequena capital chea destas pequenas cousas que ao fin e ao cabo son as que lle dan ese belisco de vida ao cotiá. Mentres, Ravachol voltará ao seu ceo, cargado de risas para todo o ano, e alí pousarase no ombreiro de Perfecto Feijoo para contarlle aos do faladoiro todo o que pasou ao longo destes días de Entroido, do seu cárcere lumínico e de que volveron a denuncialo ante a policía, de que a prensa púxose moi seria ante uns feitos de suma gravidade e de que moita xente de Pontevedra hoxe non é moi diferente á que todos eles coñeceron.

Publicado no Diario de Pontevedra 16/02/2018
Fotografía. Gonzalo García


Ningún comentario:

Publicar un comentario