Tempo
de Entroido e tempo de que Ravachol siga a facer das súas. O espírito do
papagaio máis coñecido do Entroido pon, de novo, en xaque á realidade, a
encerellar alí onde sabe que o seu humor pode sacar máis proveito e incluso as
cores a algúns. O pobriño do paxaro dende a súa inconsciencia volveu a poñer
dos nervos aos seus veciños e a repetir as fazañas que o consagraron como o
mellor símbolo do noso Entroido e un dos feitos máis sobranceiros dunha cidade
que ten na historia deste plumífero chocalleiro un dos capítulos máis
salientábeis da súa historia, e do que penso aínda no fomos quen de sacarlle o
partido que merecía a un relato que deixa en panos menores aos dadaístas que
non dubidarían en acoller a Ravachol coma un máis.
Como
fixo en vida, agora coa súa morte, renovada cada ano, (o que aínda ten máis
mérito), Ravachol volve a voar arredor dos cregos e dos rosarios e o papagaio
de novo obrigou a que a ‘Igrexa’ tivese que chamar a policía para poñer orde,
para que todo siga en silencio, que nin no Entroido xa se pode facer algo de
balbordo! Os cofrades do Santuario da Virxe Peregrina chegaron a chamar á
policía para denunciar a presenza da botica de don Perfecto a carón do seu
adro. Alí ata onde Ravachol tantas veces
fuxiu, para brincar, para estirar as súas ás, ou para sacar a súa lingua afiada
a pasear, é ata onde o destino quixo que volvese o paxaro neste Entroido por
culpa dunhas obras. Non lle podía saír mellor a xogada aos que puxeron alí a
Botica, seguindo os voos de Ravachol, co que non contaban era que, máis de cen
anos despois, volvesen a rosmar contra o paxariño (que se debe estar
escarallando no ceo dos paxaros) por ter durante unha semana, toda unha longa
semana de Entroido, as pedras da Peregrina como acubillo do paxaro infiel que,
ao parecer, aínda non se redimiu na súa outra vida dos pecados cometidos na
primeira.
¡Cousas
veredes! Pensarán don Perfecto Feijoo e don Víctor Cervera-Mercadillo ao ver
que a súa Pontevedra aínda repite moito daquilo do que eles mesmos se riron no
propio faladoiro da Botica xunto a Francisco Portela, Torcuato Ulloa, Enrique
Campos, Demetrio Durán, Diego Pazos, Miguel Sánchez ou Javier Pintos, nuns
tempos en que levou a Ravachol ao Teatro Principal no Entroido de 1900 para
avergoñar a aquela Pontevedra burguesa a través do bico do paxaro. Eles mesmos
puideron ser os que lle contaron aos redactores do Progreso, o xornal da rúa
Pasantería, algunhas das aventuras de Ravachol e que se publicaron nos días de
loito que viviu a cidade polo seu pasamento, en 1913, sendo unha delas unha que
ven moi ao caso do que aconteceu estes días de 2018: “Unha noite logrou saír á
rúa, chegou ata o adro da capela da Peregrina, moi preto do sereno que
descansaba e dende a porta comezou a saudalo, e este, despois de mirar arredor
para saber quen lle falaba, sen obter resultado algún, cheo de medo,
imaxinándose ante unha alma en pena e como idem, correu ata a Ferraría, buscou
un compañeiro e xuntos regresaron ata o lugar do suceso. A mesma soidade e a
mesma voz humana que o seguía saudando, ata que Ravachol foi denunciado pola
cadea que arrastraba. Entonces, valentes e decididos, os gardas procederon a
súa detención e o levaron ata o depósito municipal onde pasou a noite”.
Agora
parece que o papagaio salvouse da cadea pero non de reverdecer os seus
loureiros como intelixente símbolo do noso Entroido, axudado por unha
complicidade coa que era difícil contar, pero que se agradece para botar todos
unhas risas, así como a de quen continúa a broma nas páxinas dos xornais
(porque no fondo todo era unha broma, verdade?), dándolle unha severidade
sonroxante ao que no pasa de ser unha anécdota duns poucos días moi sinalados.
O certo é que Pontevedra, aquela e esta, é así, todo vale para saír á escena,
para axitar a vara contra os de sempre, gastando as forzas en miudezas cando
abofé os empeños, por exemplo da confraría, podían adicarse á mellora da
contorna do templo e a tentar empurrar por unha solución para esas medianeiras
que realmente afean ao Santuario, e non só uns días, senón durante semanas,
meses, anos e décadas.
O
luns a Botica desaparecerá e as novenas e rezos do rosario, así como os
milleiros de peregrinos que estes días cruzan a nosa cidade baixo a chuvia,
recuperarán a súa calma e o seu sosego. Esquecerán os sobresaltos provocados
polo papagaio e o seu cortexo de dor e todo voltará á tranquilidade dunha
pequena capital chea destas pequenas cousas que ao fin e ao cabo son as que lle
dan ese belisco de vida ao cotiá. Mentres, Ravachol voltará ao seu ceo, cargado
de risas para todo o ano, e alí pousarase no ombreiro de Perfecto Feijoo para
contarlle aos do faladoiro todo o que pasou ao longo destes días de Entroido,
do seu cárcere lumínico e de que volveron a denuncialo ante a policía, de que a
prensa púxose moi seria ante uns feitos de suma gravidade e de que moita xente
de Pontevedra hoxe non é moi diferente á que todos eles coñeceron.
Publicado no Diario de Pontevedra 16/02/2018
Fotografía. Gonzalo García
Ningún comentario:
Publicar un comentario