'Confluências’
é a nova colección que propón a editorial Kalandraka para que
libros en portugués sexan publicados en castelán e libros en
castelán superen a raia e se convertan en textos en portugués. Unha
fantasía editorial que subliña a capacidade da escrita para xuntar
persoas.
Poucas ambicións tan
xigantes como a que a literatura contén en si mesma ao servir para
disolver fronteiras, a mellor ferramenta posíbel para abolir
distancias e liñas entre xeografías e persoas. Baixo esa premisa
traballou dende a súa bendita orixe a editorial Kalandraka e, dende
hai un tempo, materializouse de xeito aínda máis concreto cunha
nova colección dentro da súa ámplia órbita literaria, que vai ben
máis alá do territorio infantil, polo que quizais sexa máis
coñecida, e por suposto premiada. A colección 'Confluências'
convértese nun apagar esa raia que divide a Península Ibérica en
dous anacos que o tempo e a historia xustificou, pero que a razón
non o fai tanto. En 'Confluências', autores dun lado e doutro
intercambian as súas linguas e, libros de autores portugueses,
publícanse en castelán, e outros en castelán pasan ao portugués.
Se en meses pasados
foron títulos como ‘O último día de Terranova’ de Manuel
Rivas, ‘Sete casas em França’ de Bernardo Atxaga e As
meninas-prodígio’ de Sabina Urraca os que se publicaron en
portugués, e que nos falan de títulos moi determinados que definen
unha liña clara na escolla dos autores, agora son dous libros os que
veñen de volta: ‘Sobre las ruinas del mundo’ de Patrícia Reis e
‘Medio hombre mitad ballena’ de José Gardeazabal, seudónimo de
José Tavares. Esta «fantasía editorial», como ela mesma se define
nos propios libros é unha aperta entre linguas, a demostración
absoluta da capacidade vehicular da literatura para non deixarse
pechar polas linguas propias ou polas condicións físicas e humanas
dos países en que foron escritas.
Os novos textos saídos
do prelo amosan, en primeiro lugar o amor desta editorial polo libro,
o seu sempre presente coidado no deseño que, neste caso, complétase
con dúas espectaculares capas con deseño de Ramón Trigo. Os libros
tamén teñen unha certa relación entre eles en canto ao seu
contido, ao plantexar dúas narracións en mundos distópicos, o de
Patrícia Reis, ‘Sobre las ruinas del mundo’, amosa unha Lisboa
arrasada por un desastre e convertida nun espazo de destrución no
que a amizade e a memoria amósanse como o fío para a esperanza.
Mentres, o de José Gardeazabal, ‘Medio hombre mitad ballena’,
traducido por Inmaculada González, basea ese carácter distópico na
deconstrución dos lugares de Occidente tradicionalmente vencellados
ao confort.
Tal e como adoita
acontecer con este tipo de iniciativas hai outra cuestión que se
agocha tras ela, como é o feito da descuberta, o de asomarnos a
autores que están incríblemente preto de nós pero por esas
barreiras invisíbeis que tantas veces se poñen ante nós non
chegamos a coñecer. Así é posíbel que sucedese cos nosos
embaixadores literarios, con eses tres libros que agora pódense ler
en portugués, e é o mesmo que acontece con estes dous autores
portugueses pouco coñecidos na nosa terra, pero cunha potente
capacidade narrativa. Tras ler ‘Sobre las ruinas del mundo’, un
ten xa a Patrícia Reis (Lisboa, 1970) como un nome deses que se din
de cabeceira. Historiadora da Arte e xornalista o libro é unha
mestura desa abafante atmosfera xerada tras un desastre, do que non
coñecemos moito, pero que converte a Lisboa nunha apocalipse na que
a memoria, a través dun editor que asiste a unha aniquilación de
todo o que ten que ver co espírito da civilización, será o que nos
suxeite á necesaria esperanza fronte ao caos. As descripcións de
toda esa situación e o simbolismo dos protagonistas e das súas
accións, enchen esta narración de poderosas imáxenes, de
suxerencias para que o lector compoña a súa propia relación co
texto e propoña esas visións que nos falan tamén dunha sociedade
que puido ser arrasada por esa individualidade ou polo consumismo,
males dos que podemos falar hoxe en día como unha apocalipse real.
‘Confluências’ é,
polo tanto, esa ponte que tantas veces xerou a literatura para
achegarnos uns aos outros, para sentir como a palabra pode levarnos
ata onde a imaxinación de calquera escritor do mundo é quen de
levarnos, en definitiva, para seguir camiñando pola escrita como
aperta que compartir.
Publicado no suplemento cultural Táboa Redonda. Diario de Pontevedra/El Progreso de Lugo 21/07/2019