luns, 29 de xullo de 2019

Leituras para partilhar!


'Confluências’ é a nova colección que propón a editorial Kalandraka para que libros en portugués sexan publicados en castelán e libros en castelán superen a raia e se convertan en textos en portugués. Unha fantasía editorial que subliña a capacidade da escrita para xuntar persoas.


Poucas ambicións tan xigantes como a que a literatura contén en si mesma ao servir para disolver fronteiras, a mellor ferramenta posíbel para abolir distancias e liñas entre xeografías e persoas. Baixo esa premisa traballou dende a súa bendita orixe a editorial Kalandraka e, dende hai un tempo, materializouse de xeito aínda máis concreto cunha nova colección dentro da súa ámplia órbita literaria, que vai ben máis alá do territorio infantil, polo que quizais sexa máis coñecida, e por suposto premiada. A colección 'Confluências' convértese nun apagar esa raia que divide a Península Ibérica en dous anacos que o tempo e a historia xustificou, pero que a razón non o fai tanto. En 'Confluências', autores dun lado e doutro intercambian as súas linguas e, libros de autores portugueses, publícanse en castelán, e outros en castelán pasan ao portugués.
Se en meses pasados foron títulos como ‘O último día de Terranova’ de Manuel Rivas, ‘Sete casas em França’ de Bernardo Atxaga e As meninas-prodígio’ de Sabina Urraca os que se publicaron en portugués, e que nos falan de títulos moi determinados que definen unha liña clara na escolla dos autores, agora son dous libros os que veñen de volta: ‘Sobre las ruinas del mundo’ de Patrícia Reis e ‘Medio hombre mitad ballena’ de José Gardeazabal, seudónimo de José Tavares. Esta «fantasía editorial», como ela mesma se define nos propios libros é unha aperta entre linguas, a demostración absoluta da capacidade vehicular da literatura para non deixarse pechar polas linguas propias ou polas condicións físicas e humanas dos países en que foron escritas.
Os novos textos saídos do prelo amosan, en primeiro lugar o amor desta editorial polo libro, o seu sempre presente coidado no deseño que, neste caso, complétase con dúas espectaculares capas con deseño de Ramón Trigo. Os libros tamén teñen unha certa relación entre eles en canto ao seu contido, ao plantexar dúas narracións en mundos distópicos, o de Patrícia Reis, ‘Sobre las ruinas del mundo’, amosa unha Lisboa arrasada por un desastre e convertida nun espazo de destrución no que a amizade e a memoria amósanse como o fío para a esperanza. Mentres, o de José Gardeazabal, ‘Medio hombre mitad ballena’, traducido por Inmaculada González, basea ese carácter distópico na deconstrución dos lugares de Occidente tradicionalmente vencellados ao confort.
Tal e como adoita acontecer con este tipo de iniciativas hai outra cuestión que se agocha tras ela, como é o feito da descuberta, o de asomarnos a autores que están incríblemente preto de nós pero por esas barreiras invisíbeis que tantas veces se poñen ante nós non chegamos a coñecer. Así é posíbel que sucedese cos nosos embaixadores literarios, con eses tres libros que agora pódense ler en portugués, e é o mesmo que acontece con estes dous autores portugueses pouco coñecidos na nosa terra, pero cunha potente capacidade narrativa. Tras ler ‘Sobre las ruinas del mundo’, un ten xa a Patrícia Reis (Lisboa, 1970) como un nome deses que se din de cabeceira. Historiadora da Arte e xornalista o libro é unha mestura desa abafante atmosfera xerada tras un desastre, do que non coñecemos moito, pero que converte a Lisboa nunha apocalipse na que a memoria, a través dun editor que asiste a unha aniquilación de todo o que ten que ver co espírito da civilización, será o que nos suxeite á necesaria esperanza fronte ao caos. As descripcións de toda esa situación e o simbolismo dos protagonistas e das súas accións, enchen esta narración de poderosas imáxenes, de suxerencias para que o lector compoña a súa propia relación co texto e propoña esas visións que nos falan tamén dunha sociedade que puido ser arrasada por esa individualidade ou polo consumismo, males dos que podemos falar hoxe en día como unha apocalipse real.
Confluências’ é, polo tanto, esa ponte que tantas veces xerou a literatura para achegarnos uns aos outros, para sentir como a palabra pode levarnos ata onde a imaxinación de calquera escritor do mundo é quen de levarnos, en definitiva, para seguir camiñando pola escrita como aperta que compartir.



Publicado no suplemento cultural Táboa Redonda. Diario de Pontevedra/El Progreso de Lugo 21/07/2019 


Murmurios na historia


'Seique’ primeiro, e agora, en castelán, ‘Dicen’, de Susana Sánchez Aríns convértense nun xeito de escoitar alí onde só tiñamos silencio. O silencio do esquecemento, do medo, e da vergonza dos que despois da guerra fixeron do segredo o pano de fondo de toda unha vida.


Aínda hoxe costa petar na porta do silencio, rachar ese borro negro que o medo deixa sobre os actos cometidos por unha humanidade á que costa moito chamarlle así. Estamos a presenciar nos últimos tempos unha revisión dos acontecementos que deixou a Guerra Civil na nosa terra, feita dende a valorización do testimonio, a recuperación dun tesouro sentimental que, en moitos casos, é a única porta acesa a aquel tempo escuro. As palabras dos que o viviron, o medo que, aínda pegado á pel e á alma, segue a complicar moito coñecer os testemuños do que pasou. Os feitos e os nomes tan precisos, obrigados, para coñecer e recoñecer ás vítimas, pero tamén aos criminais, aos asasinos que fixeron do seu ‘traballo’ ignominia para unha terra, para un pobo, para a veciñanza e para a propia familia.
Susana Sánchez Arins parte desa pequena célula que é a familia para falar do que ben pouco se falou. Neste caso dun familiar, o tío Manuel, tal e como aquí se lle nomea, falanxista e ruín, unha persoa mala, tal e como adoita lembrarnos o coro ‘grego’ desta traxedia cada certas páxinas, para que ese clamor de maldade non se borre da nosa mente ao tempo que lemos. De feito, esa é un das grandes achegas deste libro, editado por Através editora en 2015, e agora, en castelán, por De conatus, o cómo se constrúe esta narración, a mestura de palabras, de voces, de secuencias, en definitiva, de impactos que se suceden para compoñer unha paisaxe aproximada (imposible chegar a comprendelo realmente), do que se viviu nos anos da represión, e dese xeito de guerra tan específico como o que se viviu en Galicia, onde non houbo trincheiras nin batallas cheas de épica, polo menos non trincheiras físicas, aínda que si moitas humanas, sendo o fin último dos gañadores o da eliminación daqueles que pensaban diferente. Sen máis.
A esa eliminación física adicouse o tío Manuel e a autora somérxenos nun brutal relato de sinceridade, de valentía por parte da descendencia que pon a súa propia familia como obxectivo duha lupa que poucos queren poñer sobre eles mesmos. «Se fora assim tão mau como a família, porque não o havia de ser como estes vizinhos», repite o coro. A maldade como esencia da persoa envolta nunha serie de acontecementos que lle dan pé para lexitimar calquera atrocidade, e aquí cóntanse moitas: axustes de contas, paseos, vinganzas, crimes, fuxidas, roubos. A todo iso súmase a reflexión sobre de onde xorde o mal, e tamén como ese mal silénciase co tempo, pero xa non só nese ámbito familiar, senón dende o administrativo. Sen papeis que consultar, sen documentos que atopar sobre os feitos esvaecidos entre o terror impune, máis alá duns meses de alcalde. Pero as pistolas lémbranse aínda suxeitas no cinto, as muescas da morte na fibela, e o medo en pé aínda hoxe sen o amparo dunha lei de Memoria Histórica efectiva e real. O silencio permanece.
Pero dese silencio agroman certos murmurios, afoutados pasos como os de Susana Sánchez Arins que, dende esta polifonía do seique, do que se conta baixo corda, do que se di en voz baixa, do que o tempo modulou entre a realidade e a fabulación, entre a memoria e a desmemoria, esa mesma á que tanto se axudou dende as oligarquías, foi quen de artellar esta conxunción de xéneros que ten parte de novela, de ensaio, de patrimonio oral, e que entre todos fían unha crónica que emerxe como unha poderosa narración dun tempo tan determinado, nunha xeografía concreta, como a do val do Salnés con achegas tamén a Pontevedra e ás atrocidades da Garda Cívica, a morte de Bóveda, as cortizas do piñeiro onde foi fusilado que falan da memoria das árbores, eterna fronte a nosa. Un libro imprescindíbel.



Publicado no suplemento cultural Táboa Redonda. Diario de Pontevedra/El Progreso de Lugo 14/07/2019


venres, 26 de xullo de 2019

Unha 'volta de olhos'




Acostumados a mirar cara nós mesmos tantas veces na procura de solucións as nosas eivas culturais, non estaría de máis botarlle unha ollada, nestes días de reflexións sobre cara onde ir, a ese territorio tan próximo ao noso, pero que, polo propio comportamento que mantemos con el, semella estar a milleiros de kilómetros.
Portugal leva moito tempo converténdose en diferentes ámbitos da sociedade e, por suposto, tamén no cultural, nunha referencia que chama máis a atención lonxe dese país que aos seus propios veciños. Cando aquela sentenza saramagiana de que “Portugal e España son dous irmáns xemelgos pegados polas costas que nunca se miran á cara”, tería xa que ser só unha frase máis do longo catálogo da lucidez do escritor de Azinhaga, é que a realidade a negase, pois resulta que os pasiños que damos para abolila son tan cativos que semella agrandarse.
Tan preto do territorio luso, Galicia podería aproveitarse das sinerxias creativas dun país que mantén en pé moita da súa identidade, pero que soubo incorporala a un hábitat internacional grazas a súa mirada cosmopolita do día a día. O coñecemento de idiomas dende a infancia, un secular interese por coñecer a vida máis alá das súas fronteiras, o recente interese do turismo estranxeiro polas vilas portuguesas e a mantenza da cultura como un dos grandes referentes do país, converten a Portugal nunha alfaia cultural que enche de orgullo a un pobo xa de por si sempre orgulloso de si mesmo e que nos tería que empurrar a artellar dende Galicia conexións moito máis intensas que as que adoitamos ter.
Traballar nas relacións xeográficas tería que ser un primeiro chanzo, agora que xa coñecemos o interese dunha nova liña de ferrocarril, nun sector próximamente liberalizado, para competir no trazado atlántico que iría dende A Coruña ata Porto, reducindo tempos e fatigas, para así ir esvaecendo esa 'raia' que semella estar máis nas nosas mentes que sobre o territorio físico. Vilas como a propia 'invicta' de Porto, Vilanova de Cerveira, Guimarães, Braga ou Póvoa de Varzim, só por citar algunhas do norte do país, son fortes xeradores de cultura que semellan estar moi afastadas das nosas propostas culturais. Tecer redes de traballo entre creadores, institucións públicas ou privadas co noso ámbito creativo sería unha excelente liña de actuación para o noso sector, que tantas veces perde demasiado tempo buscándose a si mesmo sen sacar a cabeza fóra da súa contorna máis inmediata. Portugal é unha boa proba de que se pode reivindicar o propio, pero que, posto en relación a un altofalante externo, as súas consecuencias e dimensións son moito máis interesantes que as intencións de estar afastados do resto do mundo nunha especie de reduccionismo cultural que nos reafirme como colectivo, o que tamén se pode levar a cabo pero sempre se poderá facer de xeito máis intelixente e produtivo en relación a outras culturas.
A nosa lingua é tamén unha enorme ferramenta de achegamento á realidade portuguesa á hora de establecer canles de comunicación co que acontece nela. Aínda que moito máis alonxadas entre si do que nos pode parecer nunha apresurada aproximación, si que é unha vantaxe o noso manexo do galego fronte a outras linguas que, sin embargo, son moito máis accesibles a un ámbito cultural acostumado a manexarse noutros idiomas, empurrado por esa sensibilidade que dende nenos se recoñece en Portugal de poñer en disposición da infancia ferramentas útiles e prácticas para o dominio do inglés. Potenciar o portugués nos nosos centros de ensino sería unha máis que interesante vía de aproximación.
Non só as nosas administracións terían que motivar os contactos entre axentes culturais galegos e portugueses, senón que os propios creadores terían que amosar un maior interese polo que acontece en Portugal, onde hai moitas programacións culturais envexables dende a nosa terra, e que, pola proximidade xeográfica, permitirían a súa chegada ou incorporación ao noso propio sistema artístico ou cultural. Pintura, cine, música, deseño, teatro... son parte cotiá do que acontece en moitas vilas portuguesas, non só as de gran tamaño, senón que outras máis pequenas apostan en firme pola cultura como parte importante do seu latexto diario e como referente para seguir medrando como sociedade, con proxectos ben consolidados como a Bienal artística de Vilanova da Cerveira ou a 'Correntes d'Escritas' de Póvoa de Varzim.
As letras galegas semellan ser as que están a dar uns primeiros pasos para achegarnos a esa realidade lusa, a coincidencia no tempo na designación de Carvalho Calero como homenaxeado no Día das Letras Galegas 2020, iso si, con moitos anos de retraso en relación aos seus merecementos na defensa da íntima relación entre a lingua portuguesa e a galega, ou a posta en marcha pola editorial Kalandraka dun camiño de ida e volta na tradución de libros da literatura portuguesa e española coa súa colección ‘Confluências’, semellan abrir unha pequena fiestra á esperanza para seguir na disolución de fronteiras e que agardamos que outros sectores como os da plástica cos centros museísticos á cabeza, cun papel clave nesta posibilidade de axitación, asumisen para, máis pronto que tarde, conformar entre Portugal e Galicia un motor cultural a nivel europeo e que por fin os dous xemelgos puidesen mirarse aos ollos, daríanse conta do ben bonitos que os teñen.


Publicado no suplemento 25 de xullo de Diario de Pontevedra/El Progreso de Lugo/Atlántico Diario/La Región




mércores, 24 de xullo de 2019

Faílde, anatomía da pedra


Dentro do chamado ‘Ano Faílde’ a Fundación Laxeiro de Vigo acolle unha mostra de quince esculturas da colección persoal do autor, que amosan o seu tratamento da pedra e esa mezcla de tradición e modernidade que o integrou no grupo artístico de ‘Os novos’


Esquecido durante moito tempo, a celebración do ‘Ano Faílde’, promovido polo concello de Ourense co apoio da Xunta de Galicia, está levando a cabo unha serie de actividades para dar a coñecer a súa figura e redimensionar o seu traballo escultórico. As obras, seleccionadas dende o comisariado de Natalia Figueiras, forman parte dunha serie de pezas moi persoais, xa que foron feitas sen ser encargas, sendo todas elas iniciativas do creador e das que nunca se quixo desfacer.
Todas elas chegan a nós grazas ao traballo de conservación do seu fillo, Miguel Ángel Faílde, recentemente falecido, de aí que a mostra teña tamén ese carácter de reivindicar ese labor de conservación e custodia das obras. Nado en Ourense en 1907, Antonio Faílde iniciou a súa aprendizaxe como escultor en Piñor. Aos doce anos xa traballa como canteiro e matricúlase na Escola de Artes e Oficios. A finais dos anos vinte ten o seu propio taller, o que o leva a apostar non só polo oficio máis artesanal, senón por unha achega creativa que singularice o seu labor. A catedral de Ourense convértese nunha escola permanente na que Antonio Faílde atopa as formas da tradición galega xurdida do círculo do mestre Mateo. No seu xeneroso Museo atopa máis camiños da pedra, os do seu valor histórico que vai dende as formulacións íberas ata a excelencia do mundo do Barroco. Bolseiro da Deputación de Ourense seguirá os seus estudos na Real Academia de Belas Artes de San Fernando, na que, co paso do tempo, nomearase académico. Despois da Guerra Civil regresa a Ourense onde gaña a praza de profesor na Escola de Artes e Oficios, na que el mesmo estudara. Tardou moito en expoñer, abofé que debido a esa loita permanente co material para tentar coñecelo a fondo e poder achegarse ao que el pretendía atopar no seu interior. Ourense en 1949, Vigo en 1950 e Bos Aires en 1951 foron as súas primeiras mostras públicas. Nesta última, celebrada na Galería Velázquez e organizada polo Centro Gallego de Bos Aires, foi o único escultor xunto aos Laxeiro, Maside, Díaz Pardo, Pesqueira ou Julia Minguillón. Estas exposicións comezaron a facer del un creador coñecido e admirado, a crítica gababa esa mestura da escultura tradicional cunha mirada vangardista no tratamento das formas. Madrid aplaude o seu traballo o que o leva a acceder á Academia de Belas Artes, mentras realiza diferentes exposicións entre as que destaca a monográfica na Dirección Xeral de Belas Artes en 1960. En 1979 morre no seu Ourense natal.
Anatomía da pedra’ é, polo tanto, un achegamento a esa relación tan especial que o artista mantivo cun material que estaba por riba de calquera outra cuestión. A materia en estado de espera. A pedra como acougo para as formas que nela se atopan á espera de que o escultor as libere. O adagio miguelangelesco tiña un firme defensor nas propostas do escultor ourensano. Figuras tenras, cheas dunha gran inxenuidade, nas que escenas cotiás e espidos femininos compoñen unha caricia dende a pedra á figura humana que, lonxe de procurar o detalle, aposta máis pola esencialidade das formas, pola suxerencia que nos leva ao universo do Románico. Esa esencia é precisamente a que, partindo da tradición, fixo del o único escultor que formou parte daquela xeración inesquecíbel da plástica galega, como foron ‘Os novos’, aqueles Renovadores da arte galega que, coñecendo as novas linguaxes dos anos vinte e trinta, formularon unha arte identitaria galega baseada na pureza desas formas que, dende a nosa tradición artística ou os elementos da natureza, falasen do que somos.
 Quince esculturas que saen do taller de Antonio Faílde para reivindicar ao seu creador, para sacalo do esquecemento, para corporeizalo ante nós. Aquilo que tanto fixo el coas súas obras agora son esas mesmas pezas as que o fan por el.



Publicado no suplemento cultural Táboa Redonda. Diario de Pontevedra/El Progreso de Lugo 7/07/2019


O equilibrio da luz


Sandalias verdes’ de Pilar García Rego é un valente poemario no que a autora deixa ao aire as feridas que o tempo, inevitabelmente, deixa en todos nós. Un laio que se converte en alento fronte ao recordo, pero tamén nunha necesaria redención que só a escrita é quen de acadar.


Os versos tecen a dor, pero tamén son o conforto que xorde da palabra. Nomear a mágoa é procurar o equilibro da luz. Converter a escrita nun territorio de expiación íntimo fronte ao tempo, o auténtico ring de boxeo no que a vida solta os seus golpes.
Ler a Pilar García Rego é atoparse cunha poeta que debuta, pero tamén cunha muller capaz de facer da vida poesía dende ben atrás, lonxe das páxinas, apegada ao día a día e co caderno como compás. Non deixa de sorprender un primeiro libro como este, pleno de achegas, de palabras que definen tantas situacións. tanto de xeito directo como indirecto. Imaxes que se van enguedellando no ronsel das palabras, na teima por atopar ese equilibrio que nos devolva á normalidade do cotiá. Dende o primeiro poema a autora sitúanos no arame do tempo, movéndonos por el coa memoria e co fío que nos une aos nosos como rede. Dende aí o poemario vai construíndo o seu propio territorio, o dos afectos, o dos sentimentos cara as persoas, pero tamén cara a contorna, a forza case telúrica do natural, a natureza como deidade dende a que permanecer ergueitos ante o medo. Porque no libro hai moito medo, cans negros que andan pegados ás pernas. «Hai días de cans negros», escribe Pilar García Rego, e todo muda no labirinto da vida no que «o medo, as veces, é o silencio». O medo é sentir a ausencia, unha evocación que enfía boa parte do poemario nese tecido da memoria no que se sente o alento dos que non están. As manchas de Berta Cáccamo. As derrotas inevitábeis da vida. A anguria do náufrago.
Páxina tras páxina o lector sente as emocións que levaron a autora a deixala súa pegada no que agora convértese nun primeiro poemario publicado por Xerais na súa colección de poesía co título de ‘Sandalias verdes, zapatos azuis e cans negros», e é que na vida as cores son ben importantes. As cores son sinais e pegadas que se manteñen firmes dende o simbólico, por moito tempo que pase na nosa travesía dende a infancia, esa travesía que se pode facer por mar ou pola terra. Son as cousas da poesía, a capacidade para darlle unha volta á realidade e poñela ante nós do xeito máis gráfico posíbel, da forma máis convulsa para que sintamos o arreguizo co que a palabra nos pode amosar un espazo paralelo ao visíbel. «Navegar polas leiras de estalotes e pampullos amarelos,/desenfreados,/esgotados de tanta luz». Unha navegación que belisca a pel, que se comporta como unha proposta chea de audacia por traer á terra o espírito da mar, a conquista como parte dun eu que se enfronta ao seu destino. O crepitar da terra.
E de novo o silencio para rematar. O silencio ante o fin. «O silencio de antes da morte é moito máis pezoñento/que o que vén despois». O veleno da vida. A catarse. Rematou. O corazón fixo «Crac..!
Pilar García Rego compón deste xeito un tránsito de pés nus pola existencia, dende a consciencia do que se sente, do que se ten, máis tamén do que se perde. A vida como un cesto cheo de cereixas do que sacas, enguedelladas, cousas boas e malas, como parte desa travesía no que cada chanzo é parte do noso propio proceso de crecemento, de enfrontar a vida sen máis equipaxe que o que nós mesmos somos. Fronte a todo iso a palabra, o verso, a sinalización da experiencia que se comunica con todos nós facéndonos parte desa viaxe na que tamén sentírmonos descalzos.
A xornalista, coñecida no mundo cultural por ser a cara visíbel dese oasis na Televisión de Galicia que é o Zigzag, sube, de xeito firme, un deses chanzos que a vida é quen de poñer ante nós. A súa proposta literaria entendémola como un primeiro paso neste territorio da poesía á que é benvida por esta achega valente e decidida por amosar unha íntima conquista da luz cando a escuridade traba nas pernas.



Publicado no suplemento cultural Táboa Redonda. Diario de Pontevedra/El Progreso de Lugo 30/06/2019


mércores, 17 de xullo de 2019

Luces na néboa


Rue Saint-Antoine nº 170
Arte ▶ O Museo de Pontevedra acolle a mostra de traballos de alumnos do Máster en Arte Contemporánea, na súa derradeira edición, e dentro dunha Facultade de Belas Artes en estado de convulsión ante os últimos acontecementos que fixeron dimitir á decana e dentro dun ambiente enrarecido pola devaluación dos estudos puramente artísticos



Non están sendo tempos sinxelos para a pontevedresa Facultade de Belas Artes. Momentos de loitas internas, de bandos enfrontados, de propostas que confrontan entre si e que levaron á recente dimisión da decana da Facultade, Silvia García, ao non ser aceptada pola Xunta de Persoal da Facultade a creación dun Grao de Deseño e Creación. Un escenario de tensións que tamén se manifesta coa desaparición do Máster en Arte Contemporánea, como se todo isto formase parte dunha pelexa entre os estudos artísticos máis tradicionais, baseados nas técnicas históricas, e as materias que semella demandar a sociedade, vencelladas a disciplinas tecnolóxicas ou dixitais.
Os grandes prexudicados de todo isto son a propia Facultade, xa bastante desenganchada do que é a cidade, da que non hai moito tempo era parte activa do rexurdimento desta capital, e, como non, os seus alumnos, que vense no medio dunha treboada de aínda imprevisíbeis consecuencias. Con esta paisaxe un grupo de alumnos desenvolveu os seus estudos e traballos que agora condénsanse nesta xa habitual exposición do verán pontevedrés e co Museo de Pontevedra como marco axeitado. Elena Álvarez Francisco, Loreto Arnaz Lara, Xosé Eirín Sobral, Aida López Fernández, Alicia martínez Baz, Mario Menéndez Martínez, Berta Pan Cambón, Brais Remiseiro Portela, Diego del Río Comesaña e Alexandra Rodríguez Rey son os protagonistas desta edición final que como sempre o que amosa é unha diversidade de formas e linguaxes, de camiños polos que os creadores se adentran para atopar o seu xeito de reflectir as súas inquedanzas da mellor maneira. Estan son as luces entres as néboas que abofé se atoparon nos últimos tempos, de aí a importancia de acadar ese resultado. Obras que como acontece con este tipo de exposicións colectivas poden ter máis ou menos interese, pero todas elas responden a un efectivo discurso, a un concepto creativo que as suxeita fronte ao espectador ao tempo que lle dá resposta ás inquedanzas creativas de cada un deles.
A instalación de Aída López Fernando, na que pintura, cerámica e unha corda procedente doutra función, xeran unha instalación chea de sensacións por cómo a materia represéntase de diferentes maneiras, pero que ten na súa esencia a súa verdadeira identidade. Diego del Río aposta tamén por unha mezcla de linguaxes, pintura (benvida a pintura a este tipo de convocatorias) e fotografías polaroid que rexistran un itinerario que semella ter a súa última ‘fotografía’ nesa gran pintura chea de materia. Tamén outros dous creadores presentan traballos que teñen soportes diferentes, Elena Álvarez e Mario Menéndez, presentan varias obras que van do audiovisual á escultura, pasando polo son  e unha interesante ‘pintura’ na que se integran labras de óxido.
Alexandra RRey escultoriza o textil, cunha peza, ‘Decapar-se’, na que semella presentar un corpo aberto, unha figuración do humano e do seu interior ao que tamén nos enfronta de xeito directo Brais Remiseiro, nunha obra que abofé busca que o espectador xire a mirada ante o que nós mesmos somos, ante a nosa interioridade tan complexa de ver de maneira directa. Alicia Martínez traballa coa cerámica, e xera un fondo mariño con diferentes pezas que metaforizan a vexetación. Chiño Eirín tamén fai unha proposta ben interesante con esa araña ao Louise Bourgeois e unha furna con peixes. Un audiovisual de Berta Pan, ‘Máis falaría o silencio’, e outro diálogo con pezas de cerámica e ilustracións de Loreto Arnaz, completan esta mostra de artistas dun futuro que eles mesmos, xunto cos seus mestres, decidiron que fose xa un presente real e engaiolante.
Dez miradas que durante estes anos fixeron da Facultade de Belas Artes o seu berce, o lugar onde fornecer as súas ideas para envorcarse no fin último de todo artista, facer da súa obra, do seu traballo, unha lectura da sociedade na que se move. Estas dez propostas fálannos precisamente diso, de cómo o artista le a súa contorna e o plantexa, de xeito plástico, cun fondo conceptual ante nós. Como segunda parte dese contrato o espectador ten que ser quen complete ese proceso coa súa visita, coa súa mirada dirixida a unhas obras que non lles deixarán indiferentes, nin máis nin menos que o que leva facendo a arte dende a súa orixe, provocar a nosa mirada.



Publicado no Diario de Pontevedra 15/07/2019
Fotografías. David Freire

luns, 15 de xullo de 2019

O Museo na encrucillada


HAI MOMENTOS que son clave en calquera institución. Instantes que a historia pon ante ela mesma e nos que conflúen unha serie de situacións que nos levan a afirmar que se chega a unha encrucillada na que se plantexa cómo se quere que sexa o seu futuro.
Os últimos meses foron moi convulsos no Museo de Pontevedra. A marcha do seu director durante 32 anos, Carlos Valle, o nomeamento do seu substituto, José Manuel Rey; xunto ao cambio na cabeza visíbel da súa xestión dende a Deputación Provincial, que pasa de Xosé Leal a César Mosquera, plantexa un deses momentos nos que hai que pensar de xeito rigoroso cómo se quere afrontar o futuro do gran Museo de Galicia e un dos máis importantes do Estado, polo seu tamaño, pero, sobre todo, polos seus fondos, que van do artístico a toda unha inxente cantidade de materiais bibliográficos sen parangón en Galicia.
O anuncio inesperado de César Mosquera o pasado mércores puxo sobre a mesa tres cuestións ás que ata o de agora se estivo de costas, e que son de gran trascendencia para a entidade. En primeiro lugar o que sempre chama máis a atención, a creación dun novo edificio, algo xa moi demandado case dende o mesmo día en que se inaugurou o Sexto Edificio (arquitectura con moitas eivas para certos proxectos expositivos) precisamente por esa cantidade de fondos que, ou están agochados nos almacéns, falamos de pezas tan fulcrais na nosa arte como os profetas do Pórtico da Gloria, ou outros como as coleccións de miliarios, nunha situación que se podería calificar polos expertos como desesperada.
Está claro que unha ampliación da superficie expositiva non só permitiría amosar mellor eses materiais, senón que deixaría espazo para aliviar outras coleccións. Agardemos que ese edificio estea atento á especificidade do seu futuro contido arqueolóxico e que ese novo espazo non sexa un obstáculo para a conservación e observación deses materiais pétreos. Entre as posibilidades plantexadas parece a máis factíbel a de recuperar un dos terreos a carón do Lérez, onde se atopaba a antiga Tafisa, o que podería levar engadido unha nova lectura temporal desa arte en pedra que tanto nos constitúe dende o pasado ata hoxe, se dalgún xeito se apostase por poñela en relación coa Illa das Esculturas (outro espazo con moitas carencias de coñecemento das súas pezas) na que se plantexa tamén o granito como base da súa achega artística, neste caso contemporánea.
A segunda das cuestións propostas por César Mósquera é a apertura dos dous edificios máis antigos do Museo, o García Flórez e o Castro Monteagudo, que levan demasiados anos pechados e que foron sempre o corazón do Museo e o motivo de visita de milleiros de turistas e dos propios veciños. A necesaria reformulación deses espazos e das súas coleccións e a obrigada mellora da accesibilidade teñen que asumirse xa, polo que, xunto aos cartos precisos, necesítase dunha clara vontade de facerse. Agardamos que esta sexa unha vontade real. Eliminouse a Bienal Internacional de Arte, toda unha referencia única na península, por aforrar cartos dirixidos a estes proxectos, e agora non temos nin Bienal nin corazón. E por último o vicepresidente da Deputación falou da creación dun consello asesor e de dar os pasos para recuperar a autonomía do Museo. Unha obriga que ten que avergonzar aos que pasaron antes por un cargo de responsabilidade nesa entidade.
O Museo está ante unha das súas grandes encrucilladas na historia. Saibamos estar á altura.



Publicado no Diario de Pontevedra 12/07/2019
Fotografía. Os profetas Enoc e Elías nos depósitos do Museo de Pontevedra. (Gonzalo García)


mércores, 10 de xullo de 2019

Vetas profundas

Fernando Aramburu nos presenta un puñado de poemas para que sintamos la capacidad de la poesía para desencadenar experiencias


SÍ, FERNANDO Aramburu, el autor de ‘Patria’. Pero antes de ‘Patria’ y después de ‘Patria’ hay toda una vida volcada en la palabra, en la escritura, pero también en la lectura. Y son, precisamente esas lecturas, las que pone ante nosotros este autor amante de la poesía y de su capacidad para provocar la catarsis en el lector, seleccionando cuarenta poemas y otros tantos autores para reflexionar, a partir de uno de sus poemas, sobre esas posibilidades de la poesía para provocar el pellizco, para suscitar la emoción, para redimensionar nuestro mundo.
Vetas profundas’, editado por Tusquets (¡felicidades por estos cincuenta años de libros!) compila esa selección de poemas de grandes de nuestras letras acompañados por un comentario de Fernando Aramburu, en unos textos que ya fueron publicados en el suplemento cultural ‘Territorios de la cultura’ en el periódico ‘El Correo’. Ahora, aquí agrupados, bajo una cuidada edición, conforman un todo, un hatillo al que volver de vez en cuando para comprender la poesía como un itinerario de vivencias y sensaciones, como un diapasón de sentimientos que emergen de la palabra escrita, de la imagen provocada, del abisal silencio del interlineado, en definitiva, del poema como océano para la navegación del lector.
Así es como Fernando Aramburu dispone una procesión de autores que van de Garcilaso de la Vega a Pablo Neruda, de Rubén Darío a Gil de Biedma, de Luis de Góngora a Francisco Casanova, de Quevedo a Miguel Hernández, y así se conforma una Santa Compaña que con sus poemas ponen luz allí donde suele haber oscuridad. Fernando Aramburu vincula cada uno de esos puntos de luz seleccionados con su propia vida, con ese momento en que se depositaron ante su vista para ser ya una mirada permanente hacia la poesía. Esa mirada se vuelve compartida en una acción impagable para el lector que regresa a palabras ya conocidas y descubre otras que ya forman parte del viaje. Junto a los poemas, las palabras de Fernando Aramburu, con su prosa clara, aquí didáctica, completa textos y autores explicando muchas de las variables que se esconden bajo la obra y la vida de todos ellos.
Nuestro paisano, el ourensano, José Ángel Valente, decía que «el poeta tiene que vaciarse de su yo», desprendiéndose así de la carga íntima para poder leer el universo. Esta frase inicia la entrada en el libro de otro poeta inmenso, afortunadamente en proceso de legitimación de su obra, Juan Ramón Jiménez, que según Fernando Aramburu procedía a la manera contraria. Ese equilibrio entre el yo y el todo, es lo que va a marcar la obra de los poetas, el alambre en el que hacer equilibrios para proponer un verso, para descifrar la realidad como una suerte de terapia. Y es que la poesía tiene mucho de eso, de alivio ante el luto, incluso de bálsamo ante la excesiva felicidad que ciertos sentimientos nos conceden. Entiendan la poesía como una medicina y en estas noches de verano hagan como este lector e ingieran una de estas propuestas, de verso y prosa, antes de acostarse, les auguro un efecto beneficioso desde la primera toma, desde que la poesía se haga sitio en su interior y les convierta en seres mejores.



Publicado en Diario de Pontevedra 10/07/2019

martes, 9 de xullo de 2019

Oxalá, M.!

"A Fundación Manuel Moldes ocupará o último andar do edificio da Xunta en Benito Corbal" (Diario de Pontevedra 9/07/2019)

Oxalá, M.!


Oxalá querido Manolo esto chegue a bo porto. Oxalá dentro dun tempo podamos asomarnos de novo a túa obra e facelo a carón do teu estudio, onde a luz segue acesa, aínda que moitos non o saiban. Os teus avós seguen no sofá cos seus grandes ollos ben abertos, os lobos seguen oubeando, as bañistas, nas que traballabas como un rapaz que comeza, están desexando que os ollos se posen nelas e os soños que emerxen da túa Pontevedra seguen a bulir entre cadros, debuxos e pinceis. Todos eles queren honrarte estando de novo fronte á xente, fronte a xente de Pontevedra, que foi a túa inspiración irrenunciábel, nos bos e nos malos momentos.
Ese círculo xeográfico que trazaches arredor da túa vida tiña na súa circunferencia toda unha serie de paradas que ían do carballo de Santa Margarida, ao Lérez, pasando pola Alameda, a Ferrería ou Pasarón. Escenarios dunha ‘Pontevedra suite’ (tal e como se chamou a túa derradeira exposición) que fronte a cada cadro convertíanse en pintura. Misterio máis luz igual a arte e a vida. Non, non nos esquecemos Manolo, e aí andamos, tentando que as partes da ecuación se axusten para poñer ante Pontevedra de novo a túa obra ergueita.
Sabemos que a través dela podemos chegar a comprendernos moito mellor, que poucas obras da pintura en Galicia explican, de xeito máis lúcido, a nosa identidade que a túa, que tanto lle debía ao territorio, que tanto se enfiaba co que o tempo puxo ante os teus ollos cada vez que saías fóra do estudio. E agora, dende ese mesmo estudio albíscase un futuro de esperanza no reformado edificio da Xunta de Galicia en Benito Corbal. Na súa derradeira planta, ben cerca do ceo, a túa obra voltará a respirar, e todos nós con ela.
Toca aínda traballar arreo, plantexar un proxecto expositivo axeitado, que o espazo acolla do xeito máis profesional posíbel a túa obra, e moitas, moitas cousas máis, pero xa subimos un primeiro chanzo, e un ben complicado, o de atopar quen aposte pola túa obra e o de poñer un espazo á disposición da arte, co que nos costa iso ultimamente.
Oxalá todo siga polo seu rego, que as vontades sigan sumando para que podamos chegar a ese derradeiro chanzo e volver a sentir ese arreguizo que nos estremecía o corpo cando as túas pinceladas, as túas materias ou as túas formas nos falaban dende o cadro, poñéndonos ante un espello no que o tempo e a historia conxugábanse nunha mitoloxía común que ti fuches quen de xerar.
A nosa obriga como sociedade é que esta ilusión que arrinca non esvaeza e remate fronte aos teus cadros, fronte ao teu mundo inspirado no noso. Oxalá, M.!

Publicado en Diario de Pontevedra 9/07/2019
Fotografía. Manolo Moldes en su estudio (Séguez)

mércores, 3 de xullo de 2019

Rojo y negro

La muerte de Julián Rodríguez nos deja sin uno de los editores más interesantes y comprometidos con la cultura en España


ES MUY POSIBLE que nunca hayan escuchado ese nombre, que esta sea la primera vez que Julián Rodríguez pasee ante sus ojos. Y es que es algo más que frecuente que los editores vivan ocultos bajo el peso de los escritores a los que ponen en circulación, más aún si hablamos de una editorial pequeña, alternativa, si se quiere, frente a los grandes grupos editoriales que, cada vez más, se asientan bajo un mismo paraguas.
A todo ello tenemos que unirle la personalidad del propio Julián Rodríguez, en absoluto mediática, deseoso de permanecer amparado bajo la emoción de la edición de nombres y títulos de autores que, como sucedía con él mismo, suelen ser poco conocidos en el panorama lector, pero siempre de una indiscutible calidad, y así, junto a Paca Flores, fundadora también de la editorial Periférica, construyeron uno de los ecosistemas literarios más interesantes y comprometidos con la escritura que nos podamos encontrar en España.
Los libros rojos de Periférica se han teñido de negro en estos días tras la inesperada muerte de Julián Rodríguez, con tan sólo cincuenta años y tanto, tanto, por hacer todavía. Cada vez que llega por esta redacción uno de esos libros rojos me alegra el día, primero por estar seguro de la calidad de la obra publicada, segundo por estar ante lo que se va a convertir en un descubrimiento-algo de lo más maravilloso que puede suceder en el universo de la cultura- y en tercer lugar porque esta editorial, con muchos menos recursos que otras con más posibilidades y pretensiones, tantas veces etéreas, no se olvidaba nunca de hacer llegar un ejemplar a un modesto cronista anclado en este periférico rincón. El agradecimiento a nivel personal es inmenso e impagable, por muchas páginas que pudiera escribir, hacia Julián Rodríguez y Paca Flores, pero más lo es, o lo debería ser, desde esta sociedad, normalmente desagradecida hacia quienes desempeñan una labor que excede en mucho lo puramente crematístico. Una editorial como Periférica es un bálsamo para autores y para un sistema editorial que en muchos casos lo fía todo a la esclavitud de las ventas, sustituyendo literatura por libros para consumo masivo. Cada libro de Periférica es casi una aventura, una apuesta por el valor primitivo del hecho de narrar y de contar historias y gracias a esa apuesta, y desde que aquel ya inolvidable texto de Elizabeth Smart ‘En Grand Central Station me senté y lloré’, llegase a mis manos, ha sido muy generoso el listado de escritores que ya forman parte de mi propia vida, como los de Vicente Valero, Carlos Pardo, Valentín Roma, Juan Cárdenas o Francesco Pecoraro, entre tantos otros, junto a la siempre necesaria revisión de textos de autores ya consagrados como Henry James, Thomas Wolfe o Charles Dickens.
Nunca llegué a conocer personalmente a Julián Rodríguez, pero a un editor, a un buen editor, se le conoce también por aquello que publica, por sus preferencias y compromisos con la palabra y por ese catálogo de autores que funcionan como una pandilla con la que compartir la vida. Amistades que ahora son también las nuestras. Esa impresión, recibida a través de su trabajo, se confirma ahora con la repercusión que ha tenido su fallecimiento entre el sector. Obituarios emocionados y comentarios en las redes que, todavía impactados por la brutal sorpresa, alaban, no sólo su actividad profesional, sino el cariz humano. Su gusto por la cotidianeidad, por el goce de la vida, el amor por la tierra, el placer de conocer y la curiosidad como principal brújula para el viaje en el que no sólo fue editor, sino también escritor de una original prosa, poeta, y galerista de arte. En definitiva, un abanderado de la cultura y de las manifestaciones artísticas como respiradero del ser humano.
Desde Cáceres llegan esos libros, desde una de esas periferias geográficas a las que nunca renunció, como lo eran las de tantos escritores a los que publicó Julián Rodríguez, moviendo así la punta del compás para abrir nuevas perspectivas, para hacer eje en el centro del mundo de tantos autores y así englobar a más y más gente bajo esas tapas rojas que resplandecen ahora en nuestras estanterías como una señal de atención hacia la buena literatura y, desde ahora, como recuerdo a un editor inolvidable.



Publicado en Diario de Pontevedra 3/07/2019
Fotografía: Rafa Fariña

martes, 2 de xullo de 2019

Destacadísimos no MARCO


O Museo de Arte Contemporánea de Vigo arrinca unha nova etapa, e o fai dende a base, amosando o traballo dos que ao longo do século XX foron contemporáneos e estableceron os alicerces de moitos dos discursos creativos que chegan ata os nosos días.


Hai cadros que un non se cansa nunca de mirar para eles. Obras de arte que non entenden do paso do tempo ou se iso pode facerlle dano as súas posibilidades. A eternidade esta feita para a arte, e a arte, a boa arte, dende a disciplina que sexa, fai do tempo un engadido máis á súa capacidade de trascendencia.
Percorrer a exposición ‘Destacados’ da Colección Teléfonica que ata o 15 de setembro pódese visitar nas salas do MARCO, é volverse a atopar con algunhas das obras máis senlleiras da arte do século XX. Un percorrido a través do traballo de artistas esenciais para coñecer as diferentes posibilidades de moitos dos momentos e istmos da plástica no pasado século, permitindo acadar unha panorámica do que foi ese axitado século artístico. Do mesmo xeito, e como interesante achega, complétase a mostra cunha selección dos ricos fondos pictóricos das coleccións do Concello de Vigo, para plantexar como os nosos artistas tamén formaron parte desa paisaxe, e como se integraron nas diferentes correntes para facer dende Galicia unha arte propia, con referencias á súa identidade, pero fiándoo todo as novas posibilidades de expresión que xurdían dos grandes focos artísticos europeos.
Artellada en catro espazos, o primeiro deles ‘O signo e a forma’, céntrase no traballo da santísima Trinidade do Informalismo español: Tápies, Saura e Chillida, un berro artístico no tempo do Franquismo capaz de xerar un universo simbólico e xestual que converte as súas obras en pura emoción. Algúns dos Tápies aquí expostos son parte dese territorio emocional que loitou contra a escuridade daquel tempo e que aínda hoxe contén e transmite toda a súa forza creativa.
O segundo dos espazos e o das 'Vangardas do século XX'. Picasso, Juan Gris, Magritte, Delvaux, Daniel Vázquez Díaz, entre outros, cadros e propostas engaiolantes para o espectador que no se aburre ao observar as disolucións de formas do cubismo de Juan Gris, as paisaxes de Vázquez Díaz ou ese espazo entre onírico e metafísico que amosa o espectacular cadro de Paul Delvaux, ‘L’apell’.
Unha terceira sala, máis heterodoxa achégase a España e a arte da segunda metade do século XX. Nomes como Eduardo Arroyo, Luis Gordillo, Darío Villalba, Pérez Villalta, Soledad Sevilla, Luis Feito ou Menchu Lamas convértese nesa procura por diferentes territorios, individualidades dentro dun contexto cada vez máis libre e no que as pezas convértense sempre nunha búsqueda das posibilidades de expresión da arte.
A cuarta sala, é o espazo adicado á plastica galega, a cómo os nosos artistas souberon interpretar e adaptar discursos formais a toda unha concepción nova da arte. E se nos ámbitos anteriores atopamos a xenios universais os autores aquí representados non o son menos. E de novo un asómase aos inabarcábeis cadros de Lugris, e aos nosos vangardistas: Maside, Souto, Torres, Colmeiro e Laxeiro, que foron os que mellor souberon integrar o de fóra co noso, a partir da semente de Castelao, deixando un campo aberto para sucesivos creadores. Aí temos aos Díaz Pardo, a Granell e, como non, a Luis Seoane, cuxas formas e plantexamentos souberon xerar unha nova concepción artística en Galicia, tan audaz coma moderna, e que serviu de comezo á plástica das derradeiras décadas do século XX, vencelladas tambén ao mundo do deseño.
Nunca está de máis, polo tanto, achegarse a revisar estas obras que, grazas a súa boa disposición, permiten facer ese varrido artístico a todo o século XX a partir de moitos dos seus creadores fulcrais. Comeza así, a nova etapa do MARCO, coa nova dirección de Miguel Fernández-Cid que, dende esta exposición, coloca un firme tronco dende o que xurdirán numerosas polas creativas nos próximos tempos que, no ámbito da pintura, non o dubiden, ten nestas obras moitas das súas referencias e explicacións.



Publicado no suplemento cultural Táboa Redonda. Diario de Pontevedra/El Progreso de Lugo 23/06/2019
Fotografía: 'L'apell' de Paul Delvaux. 

luns, 1 de xullo de 2019

Amores entre iguais

Os rastros, os mercados de antigüidades, as tendas de vello ou as plataformas dixitais foron nutrindo a espléndida colección de fotografía antiga de Xose M. Buxán Bran, que amosa agora unha parte vencellada ao carácter homosexual de moitas delas como reivindicación dos retratados.



É certo que a recente película de Isabel Coixet na que se conta a historia de Marcela e Elisa, pioneiras do matrimonio entre persoas do mesmo sexo no comezo do século XX, puxo de actualidade o interese por esas historias agochadas pola intransixencia e a falla de liberdades, pero Xosé M. Buxán Bran leva dende hai xa varios anos mergullándose en diferentes arquivos e coleccións, de todo tipo, para atopar e plantexar os seus proxectos de investigación e expositivos a partir da reinvindicación desa condición da homosexualidade de sentirse agochada nunhas sociedades dunha enorme descofianza cara esa condición. Publicacións como o fotolibro ‘Bellos y desconocidos’ (2015), ou a exposición celebrada no CGAC en 2017, ‘Bañistas. Fotografía encontrada’, amosaron xa o rigor e o bo traballo deste profesor da Facultade de Belas Artes de Pontevedra, adicado tamén ao coleccionismo e a curadoría de exposicións, e que agora preséntanos nunha doble sede na cidade da Coruña, na Casa Museo Casares Quiroga e na Fundación Luis Seoane da Coruña, os seus últimos achádegos.
Co título ‘De par en par. Amores entre iguais’ atopámonos unha serie de fotografías tomadas en estudios fotográficos nos que diferentes parellas dos dous sexos amosan a súa afectividade, unha relación sexa do tipo que sexa, sen medos e temores, co desexo de manter fixado no tempo ese vencello. Sería elucubrar plantexar un ou outro tipo de relación con só observar esas imaxes, pero si que se temos en conta as posicións, os xestos, ou as miradas, quedámonos con esa expresión pública dos afectos que leva a posar públicamente a dúas persoas en tempos como os que se enmarcan cronolóxicamente na exposición, isto é, entre 1880 e 1947.
Estas fotografías, normalmente agochadas no seo das familias, co paso do tempo, e coñecendo como a historia se comportou, e en tantos casos aínda se comporta cos desexos entre as persoas do mesmo sexo, revelan unha enorme forza e intensidade, unha superficie de resistencia fronte a tantos menosprezos. Buxán Bran plantexa cómo estas imaxes «queren amosar a súa especial comuñón para superaren as súas individualidades, da que nace esa arela de compartiren o mesmo escenario, de fundiren as súas almas nun único retrato». Ese desexo de unicidade é o que fai de cada unha das fotografías algo especial, dúas vidas que se converten nunha soa nalgún momento das súas historias, un desafío que, lonxe da súa intención inicial, convértese hoxe nunha lexitimación desas historias na procura da liberdade.
Parellas de homes, parellas de mulleres ou parellas travestidas xeran, fronte ao visitante á mostra, unha reflexión sobre a cultura LGBT e a súa relación coa sociedade, pero tamén lévanos a unha reflexión sobre o propio material, sobre a fotografía, neste caso encontrada, e a recuperación dunha serie de materiais que supuxeron moito para os seus propietarios e cos que o tempo non foi moi xeneroso, por esa perda, por esa ausencia dos seus donos, aínda que tamén, podemos valorar o seu carácter testemuñal e, como tantos anos despois, asumen un novo papel na sociedade, o de visibilizar tantas historias afundidas na escuridade do medo e a sinrazón.
Situadas en espazos moi concretos das dúas sedes da exposición, nos lugares de tránsito, tamén hai dende esa ubicación unha especie de normalización do seu contido. Ao non estar no espazo puramente expositivo, as fotografías teñen esa natureza do cotiá, de atopar todas esas persoas coas súas historias comúns coas que poder compartir os seus desexos e intencións na vida. Elas quixeron partillar un mesmo escenario, un estudio fotográfico cun pano de fondo que os distanciaba da realidade, esa á que agora volven para que os coñezamos e saibamos, non tanto deles, como dos seus afectos e orgullos.



Publicado no suplemento cultural Táboa Redonda. Diario de Pontevedra/El Progreso de Lugo 16/06/2019