Acostumados a mirar cara nós mesmos
tantas veces na procura de solucións as nosas eivas culturais, non estaría de
máis botarlle unha ollada, nestes días de reflexións sobre cara onde ir, a ese
territorio tan próximo ao noso, pero que, polo propio comportamento que mantemos con el,
semella estar a milleiros de kilómetros.
Portugal leva moito tempo
converténdose en diferentes ámbitos da sociedade e, por suposto, tamén no
cultural, nunha referencia que chama máis a atención lonxe dese país que aos seus
propios veciños. Cando aquela sentenza saramagiana de que “Portugal e España
son dous irmáns xemelgos pegados polas costas que nunca se miran á cara”, tería
xa que ser só unha frase máis do longo catálogo da lucidez do escritor de Azinhaga,
é que a realidade a negase, pois resulta que os pasiños que damos para abolila
son tan cativos que semella agrandarse.
Tan preto do territorio luso, Galicia
podería aproveitarse das sinerxias creativas dun país que mantén en pé moita da
súa identidade, pero que soubo incorporala a un hábitat internacional grazas a
súa mirada cosmopolita do día a día. O coñecemento de idiomas dende a infancia,
un secular interese por coñecer a vida máis alá das súas fronteiras, o recente interese do turismo estranxeiro polas vilas portuguesas
e a mantenza da cultura como un dos grandes referentes do país, converten a
Portugal nunha alfaia cultural que enche de orgullo a un pobo xa de por si
sempre orgulloso de si mesmo e que nos tería que empurrar a artellar dende
Galicia conexións moito máis intensas que as que adoitamos ter.
Traballar nas relacións xeográficas
tería que ser un primeiro chanzo, agora que xa coñecemos o interese dunha nova
liña de ferrocarril, nun sector próximamente liberalizado, para competir no
trazado atlántico que iría dende A Coruña ata Porto, reducindo tempos e
fatigas, para así ir esvaecendo esa 'raia' que semella estar máis nas nosas
mentes que sobre o territorio físico. Vilas como a propia 'invicta' de Porto,
Vilanova de Cerveira, Guimarães, Braga ou Póvoa de Varzim, só por citar
algunhas do norte do país, son fortes xeradores de cultura que semellan estar
moi afastadas das nosas propostas culturais. Tecer redes de traballo entre
creadores, institucións públicas ou privadas co noso ámbito creativo sería unha
excelente liña de actuación para o noso sector, que tantas veces perde
demasiado tempo buscándose a si mesmo sen sacar a cabeza fóra da súa contorna
máis inmediata. Portugal é unha boa proba de que se pode reivindicar o propio,
pero que, posto en relación a un altofalante externo, as súas consecuencias e
dimensións son moito máis interesantes que as intencións de estar afastados do
resto do mundo nunha especie de reduccionismo cultural que nos reafirme como
colectivo, o que tamén se pode levar a cabo pero sempre se poderá facer de
xeito máis intelixente e produtivo en relación a outras culturas.
A nosa lingua é tamén unha enorme
ferramenta de achegamento á realidade portuguesa á hora de establecer canles de
comunicación co que acontece nela. Aínda que moito máis alonxadas entre si do
que nos pode parecer nunha apresurada aproximación, si que é unha vantaxe o
noso manexo do galego fronte a outras linguas que, sin embargo, son moito máis
accesibles a un ámbito cultural acostumado a manexarse noutros idiomas,
empurrado por esa sensibilidade que dende nenos se recoñece en Portugal de
poñer en disposición da infancia ferramentas útiles e prácticas para o dominio
do inglés. Potenciar o portugués nos nosos centros de ensino sería unha máis
que interesante vía de aproximación.
Non só as nosas administracións terían
que motivar os contactos entre axentes culturais galegos e portugueses, senón
que os propios creadores terían que amosar un maior interese polo que acontece
en Portugal, onde hai moitas programacións culturais envexables dende a nosa
terra, e que, pola proximidade xeográfica, permitirían a súa chegada ou
incorporación ao noso propio sistema artístico ou cultural. Pintura, cine,
música, deseño, teatro... son parte cotiá do que acontece en moitas vilas
portuguesas, non só as de gran tamaño, senón que outras máis pequenas apostan
en firme pola cultura como parte importante do seu latexto diario e como
referente para seguir medrando como sociedade, con proxectos ben consolidados
como a Bienal artística de Vilanova da Cerveira ou a 'Correntes d'Escritas' de
Póvoa de Varzim.
As letras galegas semellan ser as que
están a dar uns primeiros pasos para achegarnos a esa realidade lusa, a
coincidencia no tempo na designación de Carvalho Calero como homenaxeado no Día
das Letras Galegas 2020, iso si, con moitos anos de retraso en relación aos
seus merecementos na defensa da íntima relación entre a lingua portuguesa e a
galega, ou a posta en marcha pola editorial Kalandraka dun camiño de ida e
volta na tradución de libros da literatura portuguesa e española coa súa
colección ‘Confluências’, semellan abrir unha pequena fiestra á esperanza para
seguir na disolución de fronteiras e que agardamos que outros sectores como os
da plástica cos centros museísticos á cabeza, cun papel clave nesta
posibilidade de axitación, asumisen para, máis pronto que tarde, conformar
entre Portugal e Galicia un motor cultural a nivel europeo e que por fin os
dous xemelgos puidesen mirarse aos ollos, daríanse conta do ben bonitos que os
teñen.
Publicado no suplemento 25 de xullo de Diario de Pontevedra/El Progreso de Lugo/Atlántico Diario/La Región
Ningún comentario:
Publicar un comentario