luns, 15 de xullo de 2019

O Museo na encrucillada


HAI MOMENTOS que son clave en calquera institución. Instantes que a historia pon ante ela mesma e nos que conflúen unha serie de situacións que nos levan a afirmar que se chega a unha encrucillada na que se plantexa cómo se quere que sexa o seu futuro.
Os últimos meses foron moi convulsos no Museo de Pontevedra. A marcha do seu director durante 32 anos, Carlos Valle, o nomeamento do seu substituto, José Manuel Rey; xunto ao cambio na cabeza visíbel da súa xestión dende a Deputación Provincial, que pasa de Xosé Leal a César Mosquera, plantexa un deses momentos nos que hai que pensar de xeito rigoroso cómo se quere afrontar o futuro do gran Museo de Galicia e un dos máis importantes do Estado, polo seu tamaño, pero, sobre todo, polos seus fondos, que van do artístico a toda unha inxente cantidade de materiais bibliográficos sen parangón en Galicia.
O anuncio inesperado de César Mosquera o pasado mércores puxo sobre a mesa tres cuestións ás que ata o de agora se estivo de costas, e que son de gran trascendencia para a entidade. En primeiro lugar o que sempre chama máis a atención, a creación dun novo edificio, algo xa moi demandado case dende o mesmo día en que se inaugurou o Sexto Edificio (arquitectura con moitas eivas para certos proxectos expositivos) precisamente por esa cantidade de fondos que, ou están agochados nos almacéns, falamos de pezas tan fulcrais na nosa arte como os profetas do Pórtico da Gloria, ou outros como as coleccións de miliarios, nunha situación que se podería calificar polos expertos como desesperada.
Está claro que unha ampliación da superficie expositiva non só permitiría amosar mellor eses materiais, senón que deixaría espazo para aliviar outras coleccións. Agardemos que ese edificio estea atento á especificidade do seu futuro contido arqueolóxico e que ese novo espazo non sexa un obstáculo para a conservación e observación deses materiais pétreos. Entre as posibilidades plantexadas parece a máis factíbel a de recuperar un dos terreos a carón do Lérez, onde se atopaba a antiga Tafisa, o que podería levar engadido unha nova lectura temporal desa arte en pedra que tanto nos constitúe dende o pasado ata hoxe, se dalgún xeito se apostase por poñela en relación coa Illa das Esculturas (outro espazo con moitas carencias de coñecemento das súas pezas) na que se plantexa tamén o granito como base da súa achega artística, neste caso contemporánea.
A segunda das cuestións propostas por César Mósquera é a apertura dos dous edificios máis antigos do Museo, o García Flórez e o Castro Monteagudo, que levan demasiados anos pechados e que foron sempre o corazón do Museo e o motivo de visita de milleiros de turistas e dos propios veciños. A necesaria reformulación deses espazos e das súas coleccións e a obrigada mellora da accesibilidade teñen que asumirse xa, polo que, xunto aos cartos precisos, necesítase dunha clara vontade de facerse. Agardamos que esta sexa unha vontade real. Eliminouse a Bienal Internacional de Arte, toda unha referencia única na península, por aforrar cartos dirixidos a estes proxectos, e agora non temos nin Bienal nin corazón. E por último o vicepresidente da Deputación falou da creación dun consello asesor e de dar os pasos para recuperar a autonomía do Museo. Unha obriga que ten que avergonzar aos que pasaron antes por un cargo de responsabilidade nesa entidade.
O Museo está ante unha das súas grandes encrucilladas na historia. Saibamos estar á altura.



Publicado no Diario de Pontevedra 12/07/2019
Fotografía. Os profetas Enoc e Elías nos depósitos do Museo de Pontevedra. (Gonzalo García)


Ningún comentario:

Publicar un comentario