Rue Saint-Antoine nº 170
Arte
▶ O Museo de Pontevedra acolle a mostra de traballos de alumnos do
Máster en Arte Contemporánea, na súa derradeira edición, e dentro
dunha Facultade de Belas Artes en estado de convulsión ante os
últimos acontecementos que fixeron dimitir á decana e dentro dun
ambiente enrarecido pola devaluación dos estudos puramente
artísticos
Non
están sendo tempos sinxelos para a pontevedresa Facultade de Belas
Artes. Momentos de loitas internas, de bandos enfrontados, de
propostas que confrontan entre si e que levaron á recente dimisión
da decana da Facultade, Silvia García, ao non ser aceptada pola
Xunta de Persoal da Facultade a creación dun Grao de Deseño e
Creación. Un escenario de tensións que tamén se manifesta coa
desaparición do Máster en Arte Contemporánea, como se todo isto
formase parte dunha pelexa entre os estudos artísticos máis
tradicionais, baseados nas técnicas históricas, e as materias que
semella demandar a sociedade, vencelladas a disciplinas tecnolóxicas
ou dixitais.
Os
grandes prexudicados de todo isto son a propia Facultade, xa bastante
desenganchada do que é a cidade, da que non hai moito tempo era
parte activa do rexurdimento desta capital, e, como non, os seus
alumnos, que vense no medio dunha treboada de aínda imprevisíbeis
consecuencias. Con esta paisaxe un grupo de alumnos desenvolveu os
seus estudos e traballos que agora condénsanse nesta xa habitual
exposición do verán pontevedrés e co Museo de Pontevedra como
marco axeitado. Elena Álvarez Francisco, Loreto Arnaz Lara, Xosé
Eirín Sobral, Aida López Fernández, Alicia martínez Baz, Mario
Menéndez Martínez, Berta Pan Cambón, Brais Remiseiro Portela,
Diego del Río Comesaña e Alexandra Rodríguez Rey son os
protagonistas desta edición final que como sempre o que amosa é
unha diversidade de formas e linguaxes, de camiños polos que os
creadores se adentran para atopar o seu xeito de reflectir as súas
inquedanzas da mellor maneira. Estan son as luces entres as néboas
que abofé se atoparon nos últimos tempos, de aí a importancia de
acadar ese resultado. Obras que como acontece con este tipo de
exposicións colectivas poden ter máis ou menos interese, pero todas
elas responden a un efectivo discurso, a un concepto creativo que as
suxeita fronte ao espectador ao tempo que lle dá resposta ás
inquedanzas creativas de cada un deles.
A
instalación de Aída López Fernando, na que pintura, cerámica e
unha corda procedente doutra función, xeran unha instalación chea
de sensacións por cómo a materia represéntase de diferentes
maneiras, pero que ten na súa esencia a súa verdadeira identidade.
Diego del Río aposta tamén por unha mezcla de linguaxes, pintura
(benvida a pintura a este tipo de convocatorias) e fotografías
polaroid que rexistran un itinerario que semella ter a súa última
‘fotografía’ nesa gran pintura chea de materia. Tamén outros
dous creadores presentan traballos que teñen soportes diferentes,
Elena Álvarez e Mario Menéndez, presentan varias obras que van do
audiovisual á escultura, pasando polo son e unha interesante
‘pintura’ na que se integran labras de óxido.
Alexandra
RRey escultoriza o textil, cunha peza, ‘Decapar-se’, na que
semella presentar un corpo aberto, unha figuración do humano e do
seu interior ao que tamén nos enfronta de xeito directo Brais
Remiseiro, nunha obra que abofé busca que o espectador xire a mirada
ante o que nós mesmos somos, ante a nosa interioridade tan complexa
de ver de maneira directa. Alicia Martínez traballa coa cerámica, e
xera un fondo mariño con diferentes pezas que metaforizan a
vexetación. Chiño Eirín tamén fai unha proposta ben interesante
con esa araña ao Louise Bourgeois e unha furna con peixes. Un
audiovisual de Berta Pan, ‘Máis falaría o silencio’, e outro
diálogo con pezas de cerámica e ilustracións de Loreto Arnaz,
completan esta mostra de artistas dun futuro que eles mesmos, xunto
cos seus mestres, decidiron que fose xa un presente real e
engaiolante.
Dez
miradas que durante estes anos fixeron da Facultade de Belas Artes o
seu berce, o lugar onde fornecer as súas ideas para envorcarse no
fin último de todo artista, facer da súa obra, do seu traballo,
unha lectura da sociedade na que se move. Estas dez propostas
fálannos precisamente diso, de cómo o artista le a súa contorna e
o plantexa, de xeito plástico, cun fondo conceptual ante nós. Como
segunda parte dese contrato o espectador ten que ser quen complete
ese proceso coa súa visita, coa súa mirada dirixida a unhas obras
que non lles deixarán indiferentes, nin máis nin menos que o que
leva facendo a arte dende a súa orixe, provocar a nosa mirada.
Publicado no Diario de Pontevedra 15/07/2019
Fotografías. David Freire
Ningún comentario:
Publicar un comentario