HAI
MOMENTOS que son clave en calquera institución. Instantes que a
historia pon ante ela mesma e nos que conflúen unha serie de
situacións que nos levan a afirmar que se chega a unha encrucillada
na que se plantexa cómo se quere que sexa o seu futuro.
Os
últimos meses foron moi convulsos no Museo de Pontevedra. A marcha
do seu director durante 32 anos, Carlos Valle, o nomeamento do seu
substituto, José Manuel Rey; xunto ao cambio na cabeza visíbel da
súa xestión dende a Deputación Provincial, que pasa de Xosé Leal
a César Mosquera, plantexa un deses momentos nos que hai que pensar
de xeito rigoroso cómo se quere afrontar o futuro do gran Museo de
Galicia e un dos máis importantes do Estado, polo seu tamaño, pero,
sobre todo, polos seus fondos, que van do artístico a toda unha
inxente cantidade de materiais bibliográficos sen parangón en
Galicia.
O
anuncio inesperado de César Mosquera o pasado mércores puxo sobre a
mesa tres cuestións ás que ata o de agora se estivo de costas, e
que son de gran trascendencia para a entidade. En primeiro lugar o
que sempre chama máis a atención, a creación dun novo edificio,
algo xa moi demandado case dende o mesmo día en que se inaugurou o
Sexto Edificio (arquitectura con moitas eivas para certos proxectos
expositivos) precisamente por esa cantidade de fondos que, ou están
agochados nos almacéns, falamos de pezas tan fulcrais na nosa arte
como os profetas do Pórtico da Gloria, ou outros como as coleccións
de miliarios, nunha situación que se podería calificar polos
expertos como desesperada.
Está
claro que unha ampliación da superficie expositiva non só
permitiría amosar mellor eses materiais, senón que deixaría espazo
para aliviar outras coleccións. Agardemos que ese edificio estea
atento á especificidade do seu futuro contido arqueolóxico e que
ese novo espazo non sexa un obstáculo para a conservación e
observación deses materiais pétreos. Entre as posibilidades
plantexadas parece a máis factíbel a de recuperar un dos terreos a
carón do Lérez, onde se atopaba a antiga Tafisa, o que podería
levar engadido unha nova lectura temporal desa arte en pedra que
tanto nos constitúe dende o pasado ata hoxe, se dalgún xeito se
apostase por poñela en relación coa Illa das Esculturas (outro
espazo con moitas carencias de coñecemento das súas pezas) na que
se plantexa tamén o granito como base da súa achega artística,
neste caso contemporánea.
A
segunda das cuestións propostas por César Mósquera é a apertura
dos dous edificios máis antigos do Museo, o García Flórez e o
Castro Monteagudo, que levan demasiados anos pechados e que foron
sempre o corazón do Museo e o motivo de visita de milleiros de
turistas e dos propios veciños. A necesaria reformulación deses
espazos e das súas coleccións e a obrigada mellora da
accesibilidade teñen que asumirse xa, polo que, xunto aos cartos
precisos, necesítase dunha clara vontade de facerse. Agardamos que
esta sexa unha vontade real. Eliminouse a Bienal Internacional de
Arte, toda unha referencia única na península, por aforrar cartos
dirixidos a estes proxectos, e agora non temos nin Bienal nin
corazón. E por último o vicepresidente da Deputación falou da
creación dun consello asesor e de dar os pasos para recuperar a
autonomía do Museo. Unha obriga que ten que avergonzar aos que
pasaron antes por un cargo de responsabilidade nesa entidade.
O
Museo está ante unha das súas grandes encrucilladas na historia.
Saibamos estar á altura.
Publicado no Diario de Pontevedra 12/07/2019
Fotografía. Os profetas Enoc e Elías nos depósitos do Museo de Pontevedra. (Gonzalo García)
Ningún comentario:
Publicar un comentario