luns, 1 de xullo de 2019

Amores entre iguais

Os rastros, os mercados de antigüidades, as tendas de vello ou as plataformas dixitais foron nutrindo a espléndida colección de fotografía antiga de Xose M. Buxán Bran, que amosa agora unha parte vencellada ao carácter homosexual de moitas delas como reivindicación dos retratados.



É certo que a recente película de Isabel Coixet na que se conta a historia de Marcela e Elisa, pioneiras do matrimonio entre persoas do mesmo sexo no comezo do século XX, puxo de actualidade o interese por esas historias agochadas pola intransixencia e a falla de liberdades, pero Xosé M. Buxán Bran leva dende hai xa varios anos mergullándose en diferentes arquivos e coleccións, de todo tipo, para atopar e plantexar os seus proxectos de investigación e expositivos a partir da reinvindicación desa condición da homosexualidade de sentirse agochada nunhas sociedades dunha enorme descofianza cara esa condición. Publicacións como o fotolibro ‘Bellos y desconocidos’ (2015), ou a exposición celebrada no CGAC en 2017, ‘Bañistas. Fotografía encontrada’, amosaron xa o rigor e o bo traballo deste profesor da Facultade de Belas Artes de Pontevedra, adicado tamén ao coleccionismo e a curadoría de exposicións, e que agora preséntanos nunha doble sede na cidade da Coruña, na Casa Museo Casares Quiroga e na Fundación Luis Seoane da Coruña, os seus últimos achádegos.
Co título ‘De par en par. Amores entre iguais’ atopámonos unha serie de fotografías tomadas en estudios fotográficos nos que diferentes parellas dos dous sexos amosan a súa afectividade, unha relación sexa do tipo que sexa, sen medos e temores, co desexo de manter fixado no tempo ese vencello. Sería elucubrar plantexar un ou outro tipo de relación con só observar esas imaxes, pero si que se temos en conta as posicións, os xestos, ou as miradas, quedámonos con esa expresión pública dos afectos que leva a posar públicamente a dúas persoas en tempos como os que se enmarcan cronolóxicamente na exposición, isto é, entre 1880 e 1947.
Estas fotografías, normalmente agochadas no seo das familias, co paso do tempo, e coñecendo como a historia se comportou, e en tantos casos aínda se comporta cos desexos entre as persoas do mesmo sexo, revelan unha enorme forza e intensidade, unha superficie de resistencia fronte a tantos menosprezos. Buxán Bran plantexa cómo estas imaxes «queren amosar a súa especial comuñón para superaren as súas individualidades, da que nace esa arela de compartiren o mesmo escenario, de fundiren as súas almas nun único retrato». Ese desexo de unicidade é o que fai de cada unha das fotografías algo especial, dúas vidas que se converten nunha soa nalgún momento das súas historias, un desafío que, lonxe da súa intención inicial, convértese hoxe nunha lexitimación desas historias na procura da liberdade.
Parellas de homes, parellas de mulleres ou parellas travestidas xeran, fronte ao visitante á mostra, unha reflexión sobre a cultura LGBT e a súa relación coa sociedade, pero tamén lévanos a unha reflexión sobre o propio material, sobre a fotografía, neste caso encontrada, e a recuperación dunha serie de materiais que supuxeron moito para os seus propietarios e cos que o tempo non foi moi xeneroso, por esa perda, por esa ausencia dos seus donos, aínda que tamén, podemos valorar o seu carácter testemuñal e, como tantos anos despois, asumen un novo papel na sociedade, o de visibilizar tantas historias afundidas na escuridade do medo e a sinrazón.
Situadas en espazos moi concretos das dúas sedes da exposición, nos lugares de tránsito, tamén hai dende esa ubicación unha especie de normalización do seu contido. Ao non estar no espazo puramente expositivo, as fotografías teñen esa natureza do cotiá, de atopar todas esas persoas coas súas historias comúns coas que poder compartir os seus desexos e intencións na vida. Elas quixeron partillar un mesmo escenario, un estudio fotográfico cun pano de fondo que os distanciaba da realidade, esa á que agora volven para que os coñezamos e saibamos, non tanto deles, como dos seus afectos e orgullos.



Publicado no suplemento cultural Táboa Redonda. Diario de Pontevedra/El Progreso de Lugo 16/06/2019  

Ningún comentario:

Publicar un comentario