mércores, 24 de xullo de 2019

Faílde, anatomía da pedra


Dentro do chamado ‘Ano Faílde’ a Fundación Laxeiro de Vigo acolle unha mostra de quince esculturas da colección persoal do autor, que amosan o seu tratamento da pedra e esa mezcla de tradición e modernidade que o integrou no grupo artístico de ‘Os novos’


Esquecido durante moito tempo, a celebración do ‘Ano Faílde’, promovido polo concello de Ourense co apoio da Xunta de Galicia, está levando a cabo unha serie de actividades para dar a coñecer a súa figura e redimensionar o seu traballo escultórico. As obras, seleccionadas dende o comisariado de Natalia Figueiras, forman parte dunha serie de pezas moi persoais, xa que foron feitas sen ser encargas, sendo todas elas iniciativas do creador e das que nunca se quixo desfacer.
Todas elas chegan a nós grazas ao traballo de conservación do seu fillo, Miguel Ángel Faílde, recentemente falecido, de aí que a mostra teña tamén ese carácter de reivindicar ese labor de conservación e custodia das obras. Nado en Ourense en 1907, Antonio Faílde iniciou a súa aprendizaxe como escultor en Piñor. Aos doce anos xa traballa como canteiro e matricúlase na Escola de Artes e Oficios. A finais dos anos vinte ten o seu propio taller, o que o leva a apostar non só polo oficio máis artesanal, senón por unha achega creativa que singularice o seu labor. A catedral de Ourense convértese nunha escola permanente na que Antonio Faílde atopa as formas da tradición galega xurdida do círculo do mestre Mateo. No seu xeneroso Museo atopa máis camiños da pedra, os do seu valor histórico que vai dende as formulacións íberas ata a excelencia do mundo do Barroco. Bolseiro da Deputación de Ourense seguirá os seus estudos na Real Academia de Belas Artes de San Fernando, na que, co paso do tempo, nomearase académico. Despois da Guerra Civil regresa a Ourense onde gaña a praza de profesor na Escola de Artes e Oficios, na que el mesmo estudara. Tardou moito en expoñer, abofé que debido a esa loita permanente co material para tentar coñecelo a fondo e poder achegarse ao que el pretendía atopar no seu interior. Ourense en 1949, Vigo en 1950 e Bos Aires en 1951 foron as súas primeiras mostras públicas. Nesta última, celebrada na Galería Velázquez e organizada polo Centro Gallego de Bos Aires, foi o único escultor xunto aos Laxeiro, Maside, Díaz Pardo, Pesqueira ou Julia Minguillón. Estas exposicións comezaron a facer del un creador coñecido e admirado, a crítica gababa esa mestura da escultura tradicional cunha mirada vangardista no tratamento das formas. Madrid aplaude o seu traballo o que o leva a acceder á Academia de Belas Artes, mentras realiza diferentes exposicións entre as que destaca a monográfica na Dirección Xeral de Belas Artes en 1960. En 1979 morre no seu Ourense natal.
Anatomía da pedra’ é, polo tanto, un achegamento a esa relación tan especial que o artista mantivo cun material que estaba por riba de calquera outra cuestión. A materia en estado de espera. A pedra como acougo para as formas que nela se atopan á espera de que o escultor as libere. O adagio miguelangelesco tiña un firme defensor nas propostas do escultor ourensano. Figuras tenras, cheas dunha gran inxenuidade, nas que escenas cotiás e espidos femininos compoñen unha caricia dende a pedra á figura humana que, lonxe de procurar o detalle, aposta máis pola esencialidade das formas, pola suxerencia que nos leva ao universo do Románico. Esa esencia é precisamente a que, partindo da tradición, fixo del o único escultor que formou parte daquela xeración inesquecíbel da plástica galega, como foron ‘Os novos’, aqueles Renovadores da arte galega que, coñecendo as novas linguaxes dos anos vinte e trinta, formularon unha arte identitaria galega baseada na pureza desas formas que, dende a nosa tradición artística ou os elementos da natureza, falasen do que somos.
 Quince esculturas que saen do taller de Antonio Faílde para reivindicar ao seu creador, para sacalo do esquecemento, para corporeizalo ante nós. Aquilo que tanto fixo el coas súas obras agora son esas mesmas pezas as que o fan por el.



Publicado no suplemento cultural Táboa Redonda. Diario de Pontevedra/El Progreso de Lugo 7/07/2019


Ningún comentario:

Publicar un comentario