martes, 9 de xullo de 2019

Oxalá, M.!

"A Fundación Manuel Moldes ocupará o último andar do edificio da Xunta en Benito Corbal" (Diario de Pontevedra 9/07/2019)

Oxalá, M.!


Oxalá querido Manolo esto chegue a bo porto. Oxalá dentro dun tempo podamos asomarnos de novo a túa obra e facelo a carón do teu estudio, onde a luz segue acesa, aínda que moitos non o saiban. Os teus avós seguen no sofá cos seus grandes ollos ben abertos, os lobos seguen oubeando, as bañistas, nas que traballabas como un rapaz que comeza, están desexando que os ollos se posen nelas e os soños que emerxen da túa Pontevedra seguen a bulir entre cadros, debuxos e pinceis. Todos eles queren honrarte estando de novo fronte á xente, fronte a xente de Pontevedra, que foi a túa inspiración irrenunciábel, nos bos e nos malos momentos.
Ese círculo xeográfico que trazaches arredor da túa vida tiña na súa circunferencia toda unha serie de paradas que ían do carballo de Santa Margarida, ao Lérez, pasando pola Alameda, a Ferrería ou Pasarón. Escenarios dunha ‘Pontevedra suite’ (tal e como se chamou a túa derradeira exposición) que fronte a cada cadro convertíanse en pintura. Misterio máis luz igual a arte e a vida. Non, non nos esquecemos Manolo, e aí andamos, tentando que as partes da ecuación se axusten para poñer ante Pontevedra de novo a túa obra ergueita.
Sabemos que a través dela podemos chegar a comprendernos moito mellor, que poucas obras da pintura en Galicia explican, de xeito máis lúcido, a nosa identidade que a túa, que tanto lle debía ao territorio, que tanto se enfiaba co que o tempo puxo ante os teus ollos cada vez que saías fóra do estudio. E agora, dende ese mesmo estudio albíscase un futuro de esperanza no reformado edificio da Xunta de Galicia en Benito Corbal. Na súa derradeira planta, ben cerca do ceo, a túa obra voltará a respirar, e todos nós con ela.
Toca aínda traballar arreo, plantexar un proxecto expositivo axeitado, que o espazo acolla do xeito máis profesional posíbel a túa obra, e moitas, moitas cousas máis, pero xa subimos un primeiro chanzo, e un ben complicado, o de atopar quen aposte pola túa obra e o de poñer un espazo á disposición da arte, co que nos costa iso ultimamente.
Oxalá todo siga polo seu rego, que as vontades sigan sumando para que podamos chegar a ese derradeiro chanzo e volver a sentir ese arreguizo que nos estremecía o corpo cando as túas pinceladas, as túas materias ou as túas formas nos falaban dende o cadro, poñéndonos ante un espello no que o tempo e a historia conxugábanse nunha mitoloxía común que ti fuches quen de xerar.
A nosa obriga como sociedade é que esta ilusión que arrinca non esvaeza e remate fronte aos teus cadros, fronte ao teu mundo inspirado no noso. Oxalá, M.!

Publicado en Diario de Pontevedra 9/07/2019
Fotografía. Manolo Moldes en su estudio (Séguez)

Ningún comentario:

Publicar un comentario