Vítima mortal da
violencia de xénero as palabras de Sesé Mateo chegan a nós en
forma dun libro que recolle os seus poemas. Os ingresos acadados coa
súa venda irán ao apoio de orfos e orfas dese tipo de violencia
Sesé Mateo na praia de Barra en 1999 (Fotografía procedente do Arquivo familiar) |
A SÚA FOI unha
cicatriz máis na nosa sociedade a través desa noxenta listaxe de
mulleres mortas pola violencia de xénero. O 20 de febreiro de 2017 a
súa vivenda de Chapela saltaba polos aires pola acción da súa
exparella ao detonar dúas bombonas de butano coas que esperaba a
chegada de María José Mateo, coñecida como Sesé. Entre as ruínas
daquela acción e xunto aos corpos sen vida de ambos unha libreta
vermella acollía, como unha caixa de Pandora, os sentimentos de Sesé
convertidos en palabra, feitos poemas ou breves textos, todos eles
agochando unha impactante forza. Foron escritos entre 2006 e esa data
que nunca temos que esquecer, e viñan a completar unha serie de
textos anteriores que esta muller, cunha vida chea de loitas
individuais e compromisos colectivos, elaborou dende os oitenta.
Agora, xuntos, e da man de mulleres como Helena Torres, Olga
Nogueira, Sonia Díaz, Anxos Sumai e Carme Vidal, ven a luz nun libro
titulado ‘No camiño do vento’.
“A derradeira palabra
de Sesé aínda non se pronunciou”, escribe nun luminoso texto
sobre a súa escrita a poeta Miriam Ferradáns. Certo, a súa palabra
é unha desas palabras que quedan suxeitas no aire como globos de
dignidade que poder baixar de cando en cando para ben de todos nós.
A saída do prelo deste libro é precisamente iso, un globo de
honestidade, tamén de forza, dunha muller que fixo da súa forza
para enfrontarse ás labazadas que lle deu a vida o seu sangue. En
Venezuela, onde criou dous fillos, ou en Chapela, onde tivo outro, e
onde se involucrou na loita feminista a través da defensa do aborto,
o dereito ao divorcio, a visibilidade da muller e a vida sen
violencia, así como en diferentes entidades culturais de Vigo que
fixeron do seu activismo unha referencia a favor da Memoria o Nunca
Máis ou a Marcha Mundial das Mulleres.
Arredor de todas esas
accións móvese a palabra como o fío que Sesé Mateo plantexou
entre o que acontecía ao seu arredor e o seu interior. “Si no me
dejas la palabra/si ni siquiera las sílabas,/entonces esta
locura/saltará de una a otra flor/en busca del polen,/de amor”,
escribiu Sesé en 1989. Versos en castelán, versos en galego, que
podemos mercar en www.sesemateo.es,
ou nas próximas presentacións do libro. Esperas, vértixes,
feridas, lembranzas, silencios, sucédense nos seus escritos. «Esta
noche, aquella noche,/la noche», presaxio lorquiano ao que tamén se
suma a nosa poeta ante a presunción da dor. Unha rima da que non se
puido afastar durante a súa vida, só de cando en cando raiolas de
luz acariñaban a súa cara modelando o seu sorriso. O amor, si, o
amor pese a todo, sempre o amor. Os seus fillos, pero tamén pouco a
pouco a confianza plena na súa condición feminina: «Soy un ser
humano valioso y valorado/Siempre me tratan con respeto./Estoy
capacitada y tengo poder./Apoyo a las demás mujeres./Tengo derecho a
poner límites/con respeto al comportamiento de los demás./Todos
respetan mis límites (...) Soy libre para ser todo lo que puedo
ser».
Sesé Mateo superou o
seu destino dende a palabra, xa que cando lemos o que ela escribiu
apretamos os puños ante ese destino fatal, ante un final que agora o
vento move para poñernos aos lectores no seu camiño, descubrindo
como aquela muller que era unha cifra da violencia é unha vida á
que asomarnos neste libro de solidariedades e obrigas morais para
nós.
Publicado no Diario de Pontevedra/El Progreso de Lugo 26/02/2019