Foguetes verdes (16)
A figura de Isaac Díaz Pardo non deixa de abraiar pola súa achega ao noso sistema cultural. Esta mostra amosa a plena modernidade da súa tarefa arredor do deseño industrial
APUNTAMENTOS sobre
arte, industria e deseño, é o subtítulo desta mostra que busca na
dupla Isaac Díaz Pardo e Sargadelos percorrer unha das aventuras
máis necesarias e solventes da identidade cultural galega, feita a
través da industria e do deseño como canles para levar a cultura e
a identidade dun país a un conxunto maior de poboación. Unha sorte
de democratización do artístico que bebe daquela Bauhaus que neste
ano cumpre un século do seu nacemento e na que diferentes artes
tiveron unha conciencia do cotiá e do traballo en común de
ensinantes e alumnos.
Cando Isaac Díaz Pardo
volta da Arxentina, crea en Sada a fábrica de Cerámicas do Castro,
que en 1955 xa contaba con cen empregados. O contacto con
intelectuais galegos do exilio, sobremaneira con Luis Seoane,
permitiríalle facer unha achega cunha gran forza intelectual a
través do chamado Laboratorio de Formas que, xunto ao Seminario de
Sargadelos, ían poñer en valor a antiga fábrica de Sargadelos en
Cervo. A comisaria da exposición, a decana da Facultade de Belas
Artes de Pontevedra, institución que acolle a mostra, salienta ese
«entrecruzamento entre artes, industria e deseño», ao que temos
que engadirlle a recuperación da memoria histórica e cultural que a
Guerra Civil esnaquizou en Galicia e que Isaac Díaz Pardo coñecía
ben, polo labor do seu pai, Camilo Díaz Baliño, asasinado trala
sublevación militar do 1936, e que tamén desenvolveu unha intensa
actividade cultural dende o debuxo, o deseño ou a ilustración,
entre outras actividades.
Percorrer esta mostra é
achegarse tamén a súa forte carga didáctica, o de ensinar un pouco
dun moito. Eses apuntamentos son, precisamente iso, portas abertas
para que en posteriores inquedanzas achegarnos máis de vagar á
tarefa de Isaac Díaz Pardo e os seus colaboradores en Sargadelos.
Aspectos biográficos, pensamentos e reflexións, mostras do seu
deseño de cerámicas, capas de libros, carteis ou mobiliario son
varios dos compoñentes que aquí se recollen como resumo dunha
filosofía de vida, tamén dun compromiso dun home que abandonou a
súa carreira como pintor para desenvolver un proxecto completo e
xeral de cultura coa esperanza de que esa inquedanza convertese a
Galicia nun espazo mellor. Un territorio e unha sociedade coñecedora
e defensora real do seu, chea de orgullo, sen baixar a cabeza ante
ninguén. Sabía Isaac Díaz Pardo, como tamén o soubo Castelao, da
importancia da arte como xerador e catalizador de emocións e de máis
compromisos que se podían gañar ao facer unha cultura chea de
interese e ao nivel de calquer outro sistema cultural dun país
desenvolto. O estilo internacional que acuñou a Escola de Deseño da
Bauhaus en Weimar e Dessau e que o nazismo tamén se levou por
diante, inzou en moitas outras mentes do mundo que desexaban facer da
cultura un elemento integral no que deseño e rigor plantexasen toda
unha serie de formas que dende o común se integrasen no proxecto
cotiá dos cidadáns.
Deseños gráficos,
ilustracións, tipografías vanse sucedendo cunha lóxica argumental
que define ese proxecto e que deixa ante nós unha paisaxe tamén de
ilusións rotas, ao ver como o tempo foi mudando esa idea orixinal
dándolle máis valor ao aspecto económico ou puramente mercantil.
Ata o 22 de febreiro
podemos recuperar aquelas arelas do inesquecible Isaac Díaz Pardo e
facelo a través da súa obra, daquilo que concretou nunhas formas
que nos explicaban e que pretendían achegarnos a unha modernidade
que, por desgraza, moitos estiveron obrigados a pelexar dende a
clandestinidade e a falta de apoios.
Publicado no Diario de Pontevedra/El Progreso de Lugo 15/02/2019
Ningún comentario:
Publicar un comentario