luns, 18 de febreiro de 2019

Proxecto

Foguetes verdes (16)
A figura de Isaac Díaz Pardo non deixa de abraiar pola súa achega ao noso sistema cultural. Esta mostra amosa a plena modernidade da súa tarefa arredor do deseño industrial


APUNTAMENTOS sobre arte, industria e deseño, é o subtítulo desta mostra que busca na dupla Isaac Díaz Pardo e Sargadelos percorrer unha das aventuras máis necesarias e solventes da identidade cultural galega, feita a través da industria e do deseño como canles para levar a cultura e a identidade dun país a un conxunto maior de poboación. Unha sorte de democratización do artístico que bebe daquela Bauhaus que neste ano cumpre un século do seu nacemento e na que diferentes artes tiveron unha conciencia do cotiá e do traballo en común de ensinantes e alumnos. 
Cando Isaac Díaz Pardo volta da Arxentina, crea en Sada a fábrica de Cerámicas do Castro, que en 1955 xa contaba con cen empregados. O contacto con intelectuais galegos do exilio, sobremaneira con Luis Seoane, permitiríalle facer unha achega cunha gran forza intelectual a través do chamado Laboratorio de Formas que, xunto ao Seminario de Sargadelos, ían poñer en valor a antiga fábrica de Sargadelos en Cervo. A comisaria da exposición, a decana da Facultade de Belas Artes de Pontevedra, institución que acolle a mostra, salienta ese «entrecruzamento entre artes, industria e deseño», ao que temos que engadirlle a recuperación da memoria histórica e cultural que a Guerra Civil esnaquizou en Galicia e que Isaac Díaz Pardo coñecía ben, polo labor do seu pai, Camilo Díaz Baliño, asasinado trala sublevación militar do 1936, e que tamén desenvolveu unha intensa actividade cultural dende o debuxo, o deseño ou a ilustración, entre outras actividades.
Percorrer esta mostra é achegarse tamén a súa forte carga didáctica, o de ensinar un pouco dun moito. Eses apuntamentos son, precisamente iso, portas abertas para que en posteriores inquedanzas achegarnos máis de vagar á tarefa de Isaac Díaz Pardo e os seus colaboradores en Sargadelos. Aspectos biográficos, pensamentos e reflexións, mostras do seu deseño de cerámicas, capas de libros, carteis ou mobiliario son varios dos compoñentes que aquí se recollen como resumo dunha filosofía de vida, tamén dun compromiso dun home que abandonou a súa carreira como pintor para desenvolver un proxecto completo e xeral de cultura coa esperanza de que esa inquedanza convertese a Galicia nun espazo mellor. Un territorio e unha sociedade coñecedora e defensora real do seu, chea de orgullo, sen baixar a cabeza ante ninguén. Sabía Isaac Díaz Pardo, como tamén o soubo Castelao, da importancia da arte como xerador e catalizador de emocións e de máis compromisos que se podían gañar ao facer unha cultura chea de interese e ao nivel de calquer outro sistema cultural dun país desenvolto. O estilo internacional que acuñou a Escola de Deseño da Bauhaus en Weimar e Dessau e que o nazismo tamén se levou por diante, inzou en moitas outras mentes do mundo que desexaban facer da cultura un elemento integral no que deseño e rigor plantexasen toda unha serie de formas que dende o común se integrasen no proxecto cotiá dos cidadáns.
Deseños gráficos, ilustracións, tipografías vanse sucedendo cunha lóxica argumental que define ese proxecto e que deixa ante nós unha paisaxe tamén de ilusións rotas, ao ver como o tempo foi mudando esa idea orixinal dándolle máis valor ao aspecto económico ou puramente mercantil.
Ata o 22 de febreiro podemos recuperar aquelas arelas do inesquecible Isaac Díaz Pardo e facelo a través da súa obra, daquilo que concretou nunhas formas que nos explicaban e que pretendían achegarnos a unha modernidade que, por desgraza, moitos estiveron obrigados a pelexar dende a clandestinidade e a falta de apoios.



Publicado no Diario de Pontevedra/El Progreso de Lugo 15/02/2019


Ningún comentario:

Publicar un comentario