LEVAMOS
VARIOS meses contemplando un dos fenómenos deportivos máis interesantes dos
últimos tempos, e que vén, dunha maneira moi clara, a impactar nun deses
espazos nos que o machismo ten o seu terreo abonado. O crecemento do fútbol
feminino, en atención mediática, en asistencia de espectadores aos terreos de
xogo, xunto á consecución de triunfos nas diferentes categorías da Selección
Nacional está, como diría Sés, a tronzar un dos valos masculinizados máis
firmes da nosa sociedade.
O mércores o
estadio de San Mamés, a ben (e feitos como este o ratifican) chamada
‘Catedral’, acolleu a 48.121 espectadores para presenciar un partido de fútbol
entre as seccións femininas do Athletic de Bilbao e do Atlético de Madrid,
nunha eliminatoria da Copa da Raíña, un récord de asistencia que superou o
anterior en máis de 13.000 espectadores, e que era de 35.000, nese mesmo terreo
de xogo. Unha entrada espectacular que supera a de moitos encontros de fútbol
da Liga masculina, desa liga das estrelas que esmaga cifras, non só de
seguidores ou de presenza nos medios de comunicación, senón de soldos, o
próximo terreo no que as mulleres terían que seguir derrubando valos para
acurtar as distancias que as separan nos seus ingresos.
Os
espectadores de San Mamés representan a toda esa xente que gusta do deporte sen
etiquetas e sen sexismos, simplemente procurando o goce dun espectáculo. Cada
vez máis o deporte énchese de mulleres que triunfan e así nos últimos xogos
olímpicos, os de Río de Janeiro, houbo máis medallas gañadas por mulleres para
España que as conseguidas por homes. Aínda así son moitos os pasos que quedan
por dar, visibilizar as mulleres en deportes tradicionalmente considerados
masculinos segue a ser complexo. Pais que non queren ver xogar as súas nenas
con nenos, ou un excesivo proteccionismo cara elas, impide, moitas veces, que
sexan máis as mulleres que dende pequenas practiquen deportes aos que non están
afeitas dentro do seus roles tradicionais pero cos que son felices, sen
entender de distincións por cuestións do seu sexo.
Pontevedra
tamén leva moitos anos facendo do deporte feminino bandeira. O labor do Arxil
no baloncesto ou do Poio Pescamar no fútbol sala, por citar dous equipos que
traballan con mulleres en espazos habitualmente masculinos, son quizais os máis
sobranceiros, pero sen esquecer a eses clubes de ximnasia ou natación que moven
un número altísimo de rapazas e doutras disciplinas deportivas nas que cada vez
máis esa presenza feminina está en alza, como tamén vemos nas páxinas deste
xornal no que cada vez máis mozas novas asoman por elas contando os seus éxitos
en deportes como o tiro con arco ou, hoxe mesmo, o squash, grazas a Marta
Domínguez.
O partido de
San Mamés pasará á historia non só por esa cifra, senón por simbolizar, nese
marabilloso estadio, case cheo, e coa presenza do lehendakari Urkullu, o elo
que ten que ter unha sociedade coas súas deportistas. A camiseta do Athletic de
Bilbao, chea de historia, de historias e de compromisos coa súa terra,
recordemos a primacía de xogadores vascos no seu equipo, por riba do desexo de
acadar títulos. Pois esa camiseta acada un chanzo máis no seu prestixio ao apoiar,
de xeito decidido, ao fútbol feminino e con ese apoio transmitir unha
visibilidade en numerosos medios de comunicación que permite o contacto
necesario con máis públicos que coa súa mente aberta noutra ocasión poderán ver
un partido de fútbol entre mulleres e de mulleres que xogan moi ben.
Publicado no Diario de Pontevedra 1/02/2019
Ningún comentario:
Publicar un comentario