mércores, 28 de febreiro de 2018

Alepo, o berro de Leiro

Francisco Leiro soubo, a través da potencia da súa escultura, dar conta dunha das traxedias máis miserábeis do noso mundo desapiadado


Talla o cambadés Francisco Leiro o horror e o noxo da guerra de Siria reflectida nese Alepo devastado. Unha devastación miserábel que estes días volve á actualidade polos civís mortos en Guta, na que hoxe permitirase abrir un corredor humanitario para calibrar a deshumanización á que foi sometida nas últimas xornadas. As bombas sobre nenos trouxéronnos de novo esas portadas de días pasados, coas que o primeiro mundo lava as súas conciencias durante dous ou tres días, ata que o paso do tempo ou algunha das nosas parvadas decote afasten o foco da traxedia. Agora é Guta, pero antes foi Alepo, e nela fixouse o noso protagonista para facer coas súas mans berro. Para levar ata ARCO, feira das vaidades, a capacidade da arte para reflectir o noso mundo, para revolverse ante o que acontece, para xerar dúbidas e axitar así a unha sociedade que debe ter na arte un medio de excitación e alarma. Desacougadoramente hai moitos que non o entenden así, e ven a arte como un perigoso elemento de subversión social, algo que rasca a súa fina pel, e obrigan a que a arte se meta en caixóns. Censura en forma de libros, censura en forma de obras que se descolgan das paredes dunha exposición ou censura tapándolle a boca dende a cadea a algún rapeiro que non pasa de ser un maleducado, pero non un delincuente.
A tensión deses corpos enfiados ao longo desas columnas, corpos tinxidos polo brancor dun pó que emerxe das ruínas da destrución, é a tensión que lle falta ao noso mundo para respostar axeitadamente ás súas obrigas morais. A vergoña da interminábel guerra de Siria, esquecida tralo show da imbecilidade do presidente dos Estados Unidos, acougada baixo a complicidade do presidente Putin e narcotizada por unha Europa preocupada nas súas leas domésticas, converteuse en inspiración para ese ‘Sísifo confuso’ con que o creador, Aser Álvarez, nomeou nun filme a súa figura e o traballo, reflectido na teima diaria por enfrontarse ao material, para ser quen de contar cousas a través dunha imaxe, un propósito tan sinxelo como complexo e que obriga, cada vez que se inicia unha obra, a pelexar co material, a tentar ver o que hai dentro del e desprezar todo aquilo que sobra.
Nese documental amósase como nunca antes a Francisco Leiro e, vendo esta instalación que a través da Galería Marlborough  situouse no stand do xornal  ‘El Mundo’, e que de xeito miope non se viu noutros xornais, agás o do organizador, decatámonos do poder da arte para visibilizar o que somos dende unha mitoloxía tantas veces empregada como esperanza na obra do escultor pero que cando se adica a mirarlle aos ollos ao noso mundo non fai máis que converterse en laio, nun berro orgánico que nos somerxe na nosa propia vergoña. A acta notarial tridimensional dun espazo de convivencia que nos adicamos a esnaquizar por unhas poucas moedas sen pensar no custo de vidas e de danos á nosa presuntuosa condición de especie evolucionada.
ARCO pechouse baixo o balbordo da censura e de alí saíu o traballo de Francisco Leiro, a recuperación da identidade do artesán dende a pegada do primitivo, quizais o mellor xeito de representar o inhumano que hai tras as cidades arrasadas, esculpidas polo terror do home na procura do dominio dunhas almas que aquí chántanse nun piar, como aquel no que viviu o santo Simón ata a súa morte nese mesmo Alepo do que xa só queda po, morte e agora unha escultura.


Publicado no Diario de Pontevedra/El Progreso de Lugo 28/02/2018. Fotografía: Zipi


A néboa como incerteza

 ‘Paisaxes mínimas’ de Juan Adrio é un achegamento fotográfico á néboa como parte dun proceso de análise da natureza que leva centrando o seu traballo dende hai anos. Néboa como sensación, pero tamén como identidade dunha terra que se envolve na bruma como indefinición.


Hai diferentes maneiras de achegarse á nosa contorna dende calquera eido artístico. Uns creadores diríxense directamente á realidade, sen darlle acubillo á incerteza. Outros mergúllanse no ámbito do abstracto, onde todo pode acontecer. Pero no caso do traballo fotográfico de Juan Adrio este móvese nese gume, nese espazo limiar, onde unha cousa é para deixar de ser. Así o fixo nun expectacular proxecto executado fai anos sobre a liña do horizonte visto dende toda a costa galega. Arame no que o mar remata para abrirse ao descoñecido. Agora, a través dunha escolma de fotografías e diapositivas, realizadas ao longo de numerosos desprazamentos entre Ourense e Vigo, xorde outro deses ámbitos de dúbida, cando a néboa invade montes e bosques, cando o branco imponse ao verde, cando o que está diante de nós comeza a desaparecer.
Paisaxes mínimas’, na compostelana galería Luisa Pita e exposta ata o 2 de marzo, é unha atinada reflexión sobre como a natureza modifica as nosas percepcións, como o mutante, o cambiante, participa da nosa realidade provocando un espazo de transformación que, máis aló da súa compoñente conceptual, ten unha alta capacidade estética que se reformula unha e outra vez. Unha néboa que nega a realidade, que disfraza a identidade da mirada orixinal e cada instante que un pasa ante cada unha destas fotografías ten a sensación de que dentro delas estase aínda producindo ese devir natural. Unha captura que o fotógrafo pon ante nós como un instante que se volve eterno. Unha atemporalidade que se metaforiza nese branco que se vai apoderando do conxunto da fotografía producindo unha nova realidade coa que o espectador enfróntase nun desafío.
O emprego do papel fotográfico así como doutro papel empregado habitualmente para facer acuarelas, aquí é readaptado intégrandose nesa mesma percepción producindo no visitante unha dúbida sobre se o que ten diante é unha pintura, unha acuarela ou unha fotografía. Un xogo plantexado polo artista que tamén enreda co visitante da exposición cunhas caixiñas de luz que amosan unha diapositiva que activa a súa presenza co paso dese visitante por diante da obra. Neboeiros que te asaltan cando pasas fronte a eles, permanecendo agochados ata entonces.
O paisaxe convértese así nunha sensación mínima, nunha experiencia que se vai reducindo a medida que a néboa vaise facendo máis mesta e envolvéndoo todo con maior firmeza. Todo un eloxio da néboa como disfrace e confusión, a dúbida que todo artista debería artellar na súa obra para enchela de riqueza. Juan Adrio emprega a súa mirada para dubidar e para facernos dubidar tamén a nós, para facer da néboa parte de nós, como ao final é. Unha néboa que caracteriza a Galicia, que se pega a ela para mudarlle a pel, para facela levitar, para movela de sitio, para xogar cunha maxia que buscar noutro espazo límite, o do real e o irreal.
A fotografía, nacida precisamente para deixar constancia do que se ve, é dicir, do real, serve agora precisamente para todo o contrario, para cuestionar o que nós mesmos estamos vendo. Unha condensación do intanxible, daquilo que non deixa de ser un efecto pasaxeiro, fugaz e etéro. Unha compoñente poética da natureza que tamén aquí queda rexistrada na fotografía. A paisaxe como unha caricia, como unha experiencia que está a pasar para caducar ben cedo. E aí é a arte a que plantexa a dúbida, a néboa como incerteza, como loita coa realidade.
Juan Adrio segue a facer da fotografía un xeito de vencellarse co seu tempo e, a partir da natureza, xerar unha plástica que engaiola, non só polo cuidado e mimo á hora de producir unha exposición, senón polas suxerencias que provoca nun espectador que se sinte obrigado a estar alí onde abondan as dúbidas, que é o mesmo que poñerse onde nada é o que parece. Onde sempre debe estar o ser humano.



Publicado no suplemento cultural Táboa Redonda. Diario de Pontevedra/El Progreso de Lugo 11/02/2018


martes, 27 de febreiro de 2018

Comisarios de mañá que xa son hoxe

Rue Saint-Antoine nº 170
Arte. Dentro do proxecto pedagóxico ‘Somos do sexto’ que se desenvolve no Museo de Pontevedra esta exposición é unha máis que fermosa e axeitada aproximación dun grupo de nenos de primaria ao mundo da arte. O seu traballo, de coñecemento das coleccións do propio Museo así como o seu plantexamento expositivo fronte ao público, é admirábel.



Poucas obrigas deben ser máis urxentes para un centro cultural que o de ir facendo semente. Deixar unha pegada naqueles máis novos que os leve a interesarse pola cultura e pola arte. O Museo de Pontevedra leva desenvolvendo ao longo destes últimos anos diferentes proxectos didácticos en forma de talleres que pouco a pouco foron medrando, desestacionalizándose desas típicas datas de verán ou Nadal no que moitos pais teñen nestas actividades un espazo de lecer para os seus cativos, plantexándose así iniciativas moito más ambiciosas. Da man de ‘Taller Abierto’ xerouse unha vía de traballo que vén de dar os seus froitos da mellor maneira posíbel coa inauguración dunha exposición que, baixo o título de ‘A beleza oculta’, amosa o quefacer dun grupo de nenos de primaria á hora de traballar cunha colección artística, facer unha escolla é achegala ao público, isto é, un ensaio de comisariado que lonxe de verse como un proxecto de futuro xa é unha realidade hoxe.
Antía González Arias, Clara Prado Barros, Emilio Basanta Vázquez, Guillermo Lariño Salaberri, Inés Fariña González, Iria Flavia Mesa Zaldívar, Manuela Alfaro Manovel, Manuela Sendín Caneda, Nicolás Rozas Martínez, Nuria García González, Pablo Paz Dias, Pelayo Mesa Zaldívar e Quique Muiños Couto son os nomes dos que comezaron, abofé que unha especie de xogo e, á medida que pasaban as sesións de traballo, entenderon as posibilidades da arte como xeito de comunicación e de relación coa contorna, tanto física como histórica. A todos eles os parabéns polo feito, polo ben feito, tamén ás monitoras de ‘Taller Abierto’ por facer que todo ese esforzo se converta nunha exposición que vai moito máis alá de ser unha búsqueda da beleza como nos quere achegar o título da mesma, xa que é toda unha auténtica lección de cómo a arte pode amosarse de moitas maneiras, afastándose de esquemas abrurridos e monótonos. A disposición das pezas, a rotulación da sala, ata a propia iluminación das obras, son unha auténtica gozada da que todos os participantes poden gabarse.
Pois nese ambiente é onde debemos fixarnos na proposta que se lles fixo aos novos comisarios, que non é nin máis nin menos que esa eterna pregunta que tanto confunde arredor da arte: o que é fermoso ou o que non é. Unha cuestión tan persoal que fai da arte ese engaiolante territorio de atraccións e repulsións que moitos son incapaces de respectar como parte da súa esencia, algo do que esta pasada semana tivemos exemplos dabondo, por desgraza na nosa sociedade. Unha subxectividade que é a que desenvolven estes comisarios, capaces, baixo a dirección axeitada, de establecer os seus propios parámetros de traballo e plantexar as súas conclusións a través da observación e a reflexión sobre unha serie de obras da colección do Museo de Pontevedra escollidas para formar parte desta mostra da que poderemos gozar no Sexto Edificio ata o 18 de marzo.
Espazo, tempo e corpo, son as tres estacións polas que se nos conduce a través de nomes tan senlleiros da arte como Manuel Torres, Luis Seoane, Carlos de Haes, Corredoyra, Lago Rivera ou Rusiñol, entre outros. Toda unha experiencia que traballa dende o que se ve, pero tamén, e esta é outra das súas achegas, dende o que non se ve, daquilo que a arte agocha do que pode ser unha mera visión contemplativa mergullándose noutros territorios da exploración artística. Pegadas que seguir dende o lenzo cara aquilo do que nós somos parte esencial, isto é, a nosa experiencia persoal fronte á arte, un ámbito de complexidade para o traballo dos rapaces que se viron afastados de compoñentes máis lúdicas ou sinxelas para eles, como puidera ser traballar con obras máis vencelladas ao universo infantil, porén, o traballo aquí ía por outros camiños, por terreos nos que xorde a aprendizaxe e o estudo dunhas obras de arte que forman parte do que todos nós somos.
Novos comisarios que traballan cara un futuro, pero que agora, tras o feito e visto, convértese en presente, un presente do que todos nós podemos participar para darlle sentido ao seu traballo. Xa que tanto a crítica, como a súa plasmación na prensa, e a necesaria visita do público, son tamén parte do que é un comisariado que non é algo nada sinxelo, pero que, con aprendizaxes como o que estes cativos levaron a cabo no Museo de Pontevedra da man de ‘Taller Abierto’ teñen xa moito adiantado para entender a arte, xa non só como experiencia e aprendizaxe persoal, senón como posibilidade para desenvolver un traballo marabilloso.



Publicado no Diario de Pontevedra 26/02/2018
Fotografía. Rafa Fariña


sábado, 24 de febreiro de 2018

Rosalía, sempre




Cúmprense 181 anos do nacemento dunha poeta que foi máis alá dunha xeografía ou dun sentimento limitado só ao noso territorio, xa que falamos dunha das autoras máis sobranceiras da historia da literatura universal. Unha muller que fixo da palabra e da súa escrita, á que nunca renunciou, un xeito de afirmarse no mundo, cando iso para unha muller non era nada doado, ou cando menos, era algo ben máis difícil do que aínda o é hoxe. Agora, á súa afouta literatura, engádeselle esa mirada ao compromiso dende a sensibilidade coa muller que, abeizoadamente, aumenta de xeito progresivo nesta sociedade, e aí poucas figuras tan simbólicas como a da nosa poeta.
Cada acto, cada iniciativa artellada arredor da súa figura, excede xa o literario, que sempre debe servir de base, xa que aí é onde realmente está ela, e plantéxase como a simbolización da muller ante tantas ‘negras sombras’ como voan sobre moitas, demasiadas delas. Pontevedra, dende os colexios ou ás institucións, estes días, refuxiase no recordo da autora de ‘Follas Novas’ para poñer en valor a súa figura. Ben feito! Músicas e poemas que nas nosas rúas terán hoxe o escenario perfecto, nesa rúa que leva o seu nome, para orgullo da cidade e desterro dos medos do pasado. Esa mesma rúa á que un dos seus veciños, o mesmiño presidente do Goberno, M. Rajoy, segue coñecendo como Salvador Moreno, incapaz de mudar os canóns polo “olido de rosas” ou o “orballo da tarde”, unha situación que tanto reflicte de tantas cousas desprezábels como acontecen neste país.
Arredor desa tertulia de homes chantada na praza de San Xosé o Concello de Pontevedra representará ese papel da muller fronte ao home. Unha muller brillante, intelixente, dunha fonda sensibilidade e coa xenialidade coñecida da súa obra, abríndose paso entre todos eles para reclamar o seu lugar, a súa pertenza á eternidade, dende a súa poesía, pero tamén dende a súa condición de muller. Cando escoitemos aos nosos fillos chegar do colexio coa ladaíña do «Adios ríos, adios fontes;  adios regatos pequenos...», cando onte escoitamos a mulleres de diferentes eidos sociais na Deputación recitando os seus poemas, ou cando hoxe os actos do Concello nos enfronten coa súa figura, darémonos conta de que algo está a mudar nesta sociedade, de que estamos dando pasos para a recuperación de todo un universo perdido, ou polo menos desprezado. Unha muller diferente, rebelde, que fixo da súa poesía parte dese compromiso para entenderse, pero tamén para entender a moitas outras mulleres: «Daquelas que cantan as pombas i as frores,/todos din que teñen alma de muller./Pois eu, que non as canto, Virxe da Paloma, ai! de que a terei?».
Rosalía, sempre.


Publicado no Diario de Pontevedra 24/02/2018
Foto: Gonzalo García


martes, 20 de febreiro de 2018

Onde esquecer non é o principio

Rue Saint-Antoine nº 170
Arte. A pontevedresa sala Nemonon acolle ata o 3 de marzo o traballo de Baldo Ramos. Un exercicio visual e literario no que o libro funciona como soporte, non só conceptual, senón tamén físico, dunha serie de sensacións que amplían as capacidades do libro para artellar un fermoso discurso poético e cheo de sensibilidades abraiantes.



A proposta de Baldo Ramos na galería Nemonon é unha feliz achega ao mundo da arte a partir dun cambio do soporte tradicional. Un cambio que se pousa no libro, onde o poeta Baldo Ramos plantexa un fermoso discurso visual  que vai máis alá dunha simple experimentación plástica.
Arames, niños, zapatos, raíces, fotografías, algodóns, flores... materiais que acougan a súa historia ao acubillo da páxina, ao caloriño das capas duns libros que se constrúen como artefacto artístico na exploración de novos territorios da estética, plantexados sempre dende unha fonda sensibilidade. A colocación dos elementos sobre a superficie deses libros enchen de beleza estas composicións que se completan coa palabra, xa que Baldo Ramos é un extraordinario poeta, e a palabra convértese, a carón de cada unha das pezas, nunha especie de compás que nos deixa o rumbo a seguir no interior de cada obra. Aí, neses rumbos é onde nos atopamos o tempo, a memoria, o esquecemento e as pegadas de todo iso enxeridas en todo: nas palabras, pero tamén na propia peza artística. As flores murchas, o ferruxe nos metais, os liques nas polas son as condensacións visuais da capacidade do tempo para modificar as percepcións, do natural, pero tamén do humano. Feliz metáfora do que acontece en nós mesmos ante o fuxir da vida, ante as eivas que o tempo plantexa ante nós.
Uns ingredientes que tamén plantexa Baldo Ramos no afoutado poemario que vén de saír do prelo da editorial Galaxia baixo o nome de ‘Cartas dende o esquenzo’. Un libro que ten tamén moito de experimentación ao plantexarse dende a escrita de diferentes voces que asoman a un mesmo tempo polas páxinas dun poemario no que a perda da memoria é a cerna arredor da cal se moven esas voces. Un camiño cara á amnesia, «o tempo pesou como unha culpa», escribe o poeta. Pouco máis que apuntar dende estas palabras que teñen peso de seu, como todo o poemario de Baldo Ramos, palabras que agochan a pegada da dor e do sufrimento, pero palabras que son a raíz que nos suxeita á vida, á existencia, ao que ao final somos:unha expresión.
Esa expresión tamén está presente nas pezas da exposición que leva o título de ‘Libros con memoria’, conténdose todo nel. O libro como soporte, a memoria como reflexión. A memoria, xérmolo do tempo; a memoria, raíz de nós mesmos. Somos tempo pero necesitamos ser memoria. Con todo iso traballa Baldo Ramos, dende a plástica, pero tamén dende a súa poética. Dous camiños que xuntos son invencíbeis, como vemos na sala Nemonón, e como todos podemos experimentar nun obradoiro que se está a desenvolver no Pazo da Cultura de Pontevedra organizado pola Asociación de Escritores en Lingua Galega da man firme de Baldo Ramos.



Publicado no Diario de Pontevedra 19/02/2018
Fotografía Gonzalo García


luns, 19 de febreiro de 2018

Nas fauces do monstruo

Un breve poemario presentado en tres idiomas amosa a pegada que a cidade de Nova York deixou en Francisco Fernández Naval. Unha pegada que o escritor converte nun mazo de poemas que a súa vez referencian a marca que noutros poetas deixou a cidade dos rañaceos.


Poucos perfís máis sobranceiros que o de Nova York. Poucos horizontes lévannos a pensar máis fondamente na relación do home coa súa contorna como o que acontece ao poñerse fronte a este rebumbio de rañaceos e edificios que pelexan coa horizontalidade e converten á cidade nunha forza ascensional que nos coloca ante o abraio, pero tamén ante unha dimensión do ser humano certamente perigosa polo que reflicte dun poder que as máis das veces vólvese contra nós mesmos.
Cun fermoso prólogo de Eva Veiga e a traducción ao inglés a cargo de Craig Patterson os poemas de Chisco Fernández Naval convértense nunha aproximación dende a experiencia vivida e a compaña ética e estética de varios autores aos que a pegada desta metrópole mudou o camiño plantexado pola súa obra. Adonis, Mark Strand, José Hierro, Luis Alberto Ambroggio, Celso Emilio Ferreiro, Federico García Lorca ou Antonio Hernández son eses compañeiros de viaxe a partir dos que se amplían as posibilidades dos poemas, un enxerto nas sensacións que ofrece a cidade e que agroma nas novas composicións do autor ourensán.
Ao tempo que publica a súa última novela ‘Alma e o mar’ (Editorial Galaxia), na que a cidade de Nova York ten unha forte presenza, chega a nós este poemario ‘Nova York: ceo e mazá’ (Artepoetica press) que é unha especie de contrapeso desa outra obra. Unha mirada obtida a pé de campo, nas fauces dese monstruo en que se converte unha cidade inmensa e cun fondo peso na cultura e na vida social, xa non só dos Estados Unidos, senón do mundo enteiro. A aposta por domesticar a fera por parte de Chisco Fernández Naval é unha xesta emocionante polo que se acada a través duns versos longos, polos que se moven, como no arame dun equilibrista, moitas das eivas daquela sociedade, como pode ser a súa relación de poder con outros estados, o racismo, o capitalismo, a relación co xudaísmo, a pobreza nas súas rúas. Un lado oscuro que se move nun abraiante escenario de rúas e arquitecturas: a ponte de Brooklyn, o Rockefeller Center ou o Chrysler Building, isto é, «a faciana do poder» fronte as «bochas no rostro»: Siria, Irak, Sahara Occidental, Palestina e Afganistán e, xunto a elas, «o cancro de América Latina e a gangrena de África». Pero todo iso de fronteiras cara fóra ten tamén nas propias veas do monstruo as súas doenzas: «Nas rúas o vento varre as follas outonizas dos dereitos civís». Dereitos dos negros, dereitos dos desterrados, «Os desterrados percorren as rúas convivindo co estrés, co rillar das sombras». Esa simbiose está apegada á pel de aceiro, cristal e neons con que se recubre Nova York, alí onde outros moitos poetas enfrontaron tamén á súa alma a unha chea de sensacións que agromaron en poemas que agoran serven de ronsel polo que seguir. Fragmentos que dan pé aos textos do noso protagonista prolongando unha liña temporal a través do gume da poesía.
E nese gume, tamén a ferida, a dor sofrida por unha cidade que nun setembro de maldade enfrontouse co «fume do silencio» que se foi corporizando en dor, unha dor universal que foi máis aló do Hudson para atinxirnos a todos aos que nese intre, e fronte as pantallas de televisión, convertémonos na sombra dos emigrantes que dende unha multiplicidade de xeografías chegaron ata aqueles portos trasantlánticos para facer medrar unha nación que fai desta cidade un dos seus mastros.
Chisco Fernández Naval semella subir a un deses mastros para ollar cara a realidade, a de hoxe, pero tamén a que foi levedando dende tantas outras presenzas sen as que non se entendería por completo o que alí se agocha, o que alí se exhibe: «Brooklyn, un tempo de alcanfor e de memoria/no labirinto da ponte e da cidade apócrifa».



Publicado no suplemento cultural Táboa Redonda. Diario de Pontevedra/El Progreso de Lugo 28/01/2018


venres, 16 de febreiro de 2018

Ravachol volve ás andadas

     


     Tempo de Entroido e tempo de que Ravachol siga a facer das súas. O espírito do papagaio máis coñecido do Entroido pon, de novo, en xaque á realidade, a encerellar alí onde sabe que o seu humor pode sacar máis proveito e incluso as cores a algúns. O pobriño do paxaro dende a súa inconsciencia volveu a poñer dos nervos aos seus veciños e a repetir as fazañas que o consagraron como o mellor símbolo do noso Entroido e un dos feitos máis sobranceiros dunha cidade que ten na historia deste plumífero chocalleiro un dos capítulos máis salientábeis da súa historia, e do que penso aínda no fomos quen de sacarlle o partido que merecía a un relato que deixa en panos menores aos dadaístas que non dubidarían en acoller a Ravachol coma un máis.
     Como fixo en vida, agora coa súa morte, renovada cada ano, (o que aínda ten máis mérito), Ravachol volve a voar arredor dos cregos e dos rosarios e o papagaio de novo obrigou a que a ‘Igrexa’ tivese que chamar a policía para poñer orde, para que todo siga en silencio, que nin no Entroido xa se pode facer algo de balbordo! Os cofrades do Santuario da Virxe Peregrina chegaron a chamar á policía para denunciar a presenza da botica de don Perfecto a carón do seu adro. Alí ata onde  Ravachol tantas veces fuxiu, para brincar, para estirar as súas ás, ou para sacar a súa lingua afiada a pasear, é ata onde o destino quixo que volvese o paxaro neste Entroido por culpa dunhas obras. Non lle podía saír mellor a xogada aos que puxeron alí a Botica, seguindo os voos de Ravachol, co que non contaban era que, máis de cen anos despois, volvesen a rosmar contra o paxariño (que se debe estar escarallando no ceo dos paxaros) por ter durante unha semana, toda unha longa semana de Entroido, as pedras da Peregrina como acubillo do paxaro infiel que, ao parecer, aínda non se redimiu na súa outra vida dos pecados cometidos na primeira.
     ¡Cousas veredes! Pensarán don Perfecto Feijoo e don Víctor Cervera-Mercadillo ao ver que a súa Pontevedra aínda repite moito daquilo do que eles mesmos se riron no propio faladoiro da Botica xunto a Francisco Portela, Torcuato Ulloa, Enrique Campos, Demetrio Durán, Diego Pazos, Miguel Sánchez ou Javier Pintos, nuns tempos en que levou a Ravachol ao Teatro Principal no Entroido de 1900 para avergoñar a aquela Pontevedra burguesa a través do bico do paxaro. Eles mesmos puideron ser os que lle contaron aos redactores do Progreso, o xornal da rúa Pasantería, algunhas das aventuras de Ravachol e que se publicaron nos días de loito que viviu a cidade polo seu pasamento, en 1913, sendo unha delas unha que ven moi ao caso do que aconteceu estes días de 2018: “Unha noite logrou saír á rúa, chegou ata o adro da capela da Peregrina, moi preto do sereno que descansaba e dende a porta comezou a saudalo, e este, despois de mirar arredor para saber quen lle falaba, sen obter resultado algún, cheo de medo, imaxinándose ante unha alma en pena e como idem, correu ata a Ferraría, buscou un compañeiro e xuntos regresaron ata o lugar do suceso. A mesma soidade e a mesma voz humana que o seguía saudando, ata que Ravachol foi denunciado pola cadea que arrastraba. Entonces, valentes e decididos, os gardas procederon a súa detención e o levaron ata o depósito municipal onde pasou a noite”.
     Agora parece que o papagaio salvouse da cadea pero non de reverdecer os seus loureiros como intelixente símbolo do noso Entroido, axudado por unha complicidade coa que era difícil contar, pero que se agradece para botar todos unhas risas, así como a de quen continúa a broma nas páxinas dos xornais (porque no fondo todo era unha broma, verdade?), dándolle unha severidade sonroxante ao que no pasa de ser unha anécdota duns poucos días moi sinalados. O certo é que Pontevedra, aquela e esta, é así, todo vale para saír á escena, para axitar a vara contra os de sempre, gastando as forzas en miudezas cando abofé os empeños, por exemplo da confraría, podían adicarse á mellora da contorna do templo e a tentar empurrar por unha solución para esas medianeiras que realmente afean ao Santuario, e non só uns días, senón durante semanas, meses, anos e décadas.
     O luns a Botica desaparecerá e as novenas e rezos do rosario, así como os milleiros de peregrinos que estes días cruzan a nosa cidade baixo a chuvia, recuperarán a súa calma e o seu sosego. Esquecerán os sobresaltos provocados polo papagaio e o seu cortexo de dor e todo voltará á tranquilidade dunha pequena capital chea destas pequenas cousas que ao fin e ao cabo son as que lle dan ese belisco de vida ao cotiá. Mentres, Ravachol voltará ao seu ceo, cargado de risas para todo o ano, e alí pousarase no ombreiro de Perfecto Feijoo para contarlle aos do faladoiro todo o que pasou ao longo destes días de Entroido, do seu cárcere lumínico e de que volveron a denuncialo ante a policía, de que a prensa púxose moi seria ante uns feitos de suma gravidade e de que moita xente de Pontevedra hoxe non é moi diferente á que todos eles coñeceron.

Publicado no Diario de Pontevedra 16/02/2018
Fotografía. Gonzalo García


mércores, 14 de febreiro de 2018

Ordesa o no ser

     Convertido en el libro revelación de principio de año, ‘Ordesa’, es un abrupto y valiente descenso al interior del ser humano.



     Pues sí, yo también voy a escribir de ‘Ordesa’. De ese texto del que todo el mundo habla y no deja de llenar páginas y páginas, un libro que cuenta sus días de publicación en casi una nueva edición por semana. Seguramente sea poco original al hablarles de él, ante el regocijo general y el aplauso unánime, pero lo que a ciencia cierta seré es extremadamente apasionado, porque ‘Ordesa’ es uno de esos libros que te hacen sujetarte a lo que uno calibra como más interesante y atractivo de la literatura: el despejar las dudas sobre el ser humano y ubicarse entre el ser o no ser shakesperiano para hacer de esa duda el alambre en el que moverse, siendo capaz de equilibrar todos los pesos que la vida va colocando sobre nuestro cuerpo, nuestra mente y nuestra alma.
     Hablo de un libro que se mueve en ese triángulo puramente humano de cuerpo, mente y alma para examinar lo sufrido por el primero, conocer lo exigido a la segunda y aliviar las penas de la tercera. Eso sólo es capaz de conseguirlo la buena literatura y ‘Ordesa’, firmado por Manuel Vilas y editado por Alfaguara, que aún no se lo había dicho, es uno de los ejercicios más valientes y decididos sobre cómo la escritura puede servir para descender allí donde nadie quiere bajar y de donde pocos pueden regresar sin más daños que los a priori conocidos.
     El escritor, nacido en Barbastro en 1962, entra y sale de su interior a través de la pérdida de su padre y de su madre. Ausencias que lastran un futuro, sobre todo si uno se para a pensar en sus actos junto a ellos, la mayoría inherentes a la edad y a sus caprichos, más que a una consciencia plena sobre cómo se actuaba, para enfrentarse así al dolor y la emoción de un pasado que, sin embargo, forja mucho de lo que hoy somos. Y es aquí cuando se produce el cambio del yo al nosotros, porque este libro, a poco que uno se deje llevar, más que la historia de Manuel Vilas, es la historia de muchos de nosotros, de una generación que creció en los estertores de una dictadura gris y miserable que se interiorizaba en los hogares de millones de familias que formaban parte de un país narcotizado por él mismo.
     Manuel Vilas hace de Ordesa, el valle pirenaico, el ser, el refugio de la memoria y de aquella presencia junto a su padre, mucho más poderosa que cualquier otra situación de la vida, el anclaje con aquella dimensión familiar que el tiempo ha ido sedimentando. Las palabras del poeta Manuel Vilas (acérquense a su poesía completa editada por Visor), tiñen todo aquel tiempo de esas dudas tan necesarias sobre nuestras propias vidas, dudas que se transmiten a quien lea el libro  por cómo son sus relaciones con sus padres, con los que están y los que se han ido de una manera física, aunque como nos enseña el autor, siempre estarán presentes de una manera u otra, a través de fotografías, objetos (qué maravilla como se trata aquí a los objetos y lo que hay tras ellos) o de hechos de los que nunca podremos escapar, ya que están en nosotros mismos. Ese hálito poético es el que permite desterrar los fantasmas, el que hace que acariciando una cocina acaricies a tu madre, o que viendo un coche en un garaje recubierto de polvo adivines el triste final. Es la ficción de un hombre asustado, como él mismo escribe, en un libro lleno de palabras, frases, párrafos y páginas brutales, que se hacen escalofrío y revelan como sincerarse consigo mismo para un escritor es el ejercicio más real y comprometido con su profesión y con las dudas para ser o no ser. 



Publicado en Diario de Pontevedra/El Progreso de Lugo 13/02/2017. Fotografía Alejandro García.






Más sobre Manuel Vilas. América (Círculo de Tiza, 2017) http://ramonrozas.blogspot.com.es/2017/01/america.html

mércores, 7 de febreiro de 2018

Vivos y muertos




Enfangados como estamos en las redes sociales la literatura vuelve a venir a nuestro rescate. La propuesta del coruñés Agustín Fernández Mallo, ‘Trilogía de la guerra’, recompensada en Barcelona con el prestigioso premio Biblioteca Breve, nos sitúa ante la gran red que vincula a vivos y muertos desde hace siglos:la guerra. De alguna manera cada uno de nosotros estamos unidos a algún muerto de alguna guerra. Muertos que no mueren del todo y vivos que nunca están completamente vivos.
En el año 2013 Agustín Fernández Mallo participó como invitado en un congreso sobre redes sociales en la isla de San Simón. Paradójicamente, en ese islote de la memoria en la ría de Vigo, se hablaba de comunicaciones globales, y todo ello desde el más completo aislamiento. Hasta allí el escritor se desplazó, en previsión del aburrimiento que se esconde bajo estos encuentros, con el libro ‘Aillados: A memoria dos presos de 1936 na Illa de San Simón’ bajo el brazo, dedicándose con su móvil a repetir algunas de las fotografías de reclusos incluidas en ese libro, pero en las localizaciones de hoy. El resultado fue el origen de esta novela, una ausencia capaz de conectar dos tiempos. Esa no presencia que, sin embargo, estaba aún presente en cada una de las nuevas imágenes. Agustín Fernández Mallo a partir de ahí amplía el foco a otros dos escenarios que arrastran conflictos bélicos: Estados Unidos y la Guerra de Vietnam; y las playas de Normandía, durante la II Guerra Mundial, en las que cien mil varones fallecieron y hasta las que se desplaza una mujer en la búsqueda de una percepción no muy alejada de la que el propio Agustín Fernández Mallo pudo haber experimentado en la isla pontevedresa. Y es en esos tres ciclos en los que el escritor sitúa contra las cuerdas a la propia literatura, tal y como hace en sus obras anteriores, buscando una serie de límites que se conducen por la antropología, la ciencia, el consumo, la publicidad y todo ello sin perder ese permanente hálito poético que deja esa pátina de duda por donde quiera que pasa.
«Solo por los contornos últimos de las cosas podemos entender las cosas», descerrajó, en la comparecencia del jurado para presentar al ganador, uno de sus miembros, el escritor Manuel Longares. Y ahí, precisamente es donde nos coloca Agustín Fernández Mallo, en ese contorno de los muertos necesario para entender a los vivos: Dalí entre la basura de Nueva York, García Lorca agitando un poema inédito de su cumbre neoyorquina y Carlos Oroza, sí, nuestro Oroza, declamando entre la herrumbre de un pasado que nunca se clausura del todo. Protagonistas que, junto a otros personajes generados por el autor, participan de este caleidoscopio literario, heterodoxo y ambicioso al que ayer dio la bienvenida el orbe literario nacional.
Vivos y muertos también se citaron en un evento capaz de reunir en el Museo Marítimo de Barcelona a numerosas personalidades de la cultura, en una edición que conmemoró 60 años de premios y de premiados. Varios de ellos ya fallecidos, otros, muertos en vida. Escritores, cineastas, actores, actrices, editores, periodistas, críticos... protagonistas de una danza festiva que organiza de manera ejemplar la editorial Seix Barral comandada por Elena Ramírez como líder de un bendito matriarcado literario que cuida hasta el más mínimo detalle para, durante unas horas, aplacar egos, miserias y maldades en torno al nacimiento de una nueva novela. Una novela para vivos y muertos.



Publicado en Diario de Pontevedra y El Progreso de Lugo 7/02/2018


martes, 6 de febreiro de 2018

Feridas sen orificio de saída

Rue Saint-Antoine nº 170
Literatura ▶ A presentación do poemario gañador do XX Premio Francisco Añón de poesía, ‘Deshabitar unha casa’ de Miriam Ferradáns, deixa, de novo, a presenza afouta dunha poeta que se vén a sumar á boa colleita de novos poetas que enchen Galicia dun veludo da palabra que, neste caso, traduce a muda da infancia cara o mundo adulto.


A sala Amalia Domínguez Búa de Bueu aparecía rodeada dunha néboa mesta que afundía o mar na terra. Aquel animal branco facía de barcos e árbores unha mesma identidade, un limiar entre realidades que permitía afundir dous mundos que renovaban en Bueu esa compoñente súa de espazo máxico para a imaxinación e o sentimento. Non son poucos os creadores que fixeron de Bueu acubillo, tamén inspiración. Escritores, pintores, arquitectos... artistas que entre o bulir das tarefas do mar e o latexar dun pobo alicerzaron o seu traballo. Fronte á sala o sábado pola mañá mulleres e homes saían do Mercado despois de mercar os agasallos dun mar que en Bueu é alento e axóuxere. Todos eles alleos a que unha das súas veciñas ía a presentar un libro de poemas. Unha ‘plaquette’ na que Miriam Ferradáns acollía un monllo de poemas que resultaron gañadores do Premio Francisco Añón de poesía que convoca o Concello de Outes. A vida transcurre así, entre o cotiá e o milagre que se agocha nos eidos da creación. Naquelas bolsas cheas de peixe fresco e saboroso, un pracer. No interior da Sala Domínguez Búa outro, coa forma do verso.
Alí estaba a autora Miriam Ferradáns, acompañada por outra poeta, Lucía Novas, e pola fotógrafa Alba Sotelo. A primera encargada do prólogo do libro, a segunda de facer un vídeo que poñía imaxes á palabra. Tres mulleres que xeran paixón a través da creación, a través do compromiso. Bravas. A carón delas Santiago Nieto, técnico de Cultura do Concello de Outes que chegou cun feixe de libros baixo o brazo cos que agasallar aos presentes. E claro, pensarán que quen ía ir un sábado pola mañá entre a néboa e a chuvia a escoitar poesía? Pois de novo Bueu acadou o milagre revelado da palabra e a pouco de comezar xa había que ir buscar cadeiras porque a sala estaba chea de xente e que a súa pel se convertese en gume, e amosar o orgullo polas tres bravas. Fernando Miranda, un deses trasnos da cultura que todo o que tocan o converten en ilusións, non paraba de carretar cadeiras. A sala estaba máis que chea de xente que quería latexar poesía. Beizóns!
A fascinación polas imaxes desa produción feita por Alba Sotelo xerou o ambiente necesario para adentrarse nas zonas da poesía. Alí onde todo pode pasar, onde cada un entende de significados e símbolos, xusto onde a poesía é como un paxaro de grandes ás imposíbel de enxaular. Pero a Miriam Ferradáns o que lle interesa é a cerna: «As verdades elementais caben nunha á de colibrí», escribe José Martí, e alí se pousa a poeta para abrir o seu libro.
Lucía Novas ponlle nomes a todos eses símbolos que coma fiestas abertas asoman no poemario. Un imaxinario escuro e cheo de desacougo. Paxaros, sangue, lobos, infancia. Feridas. Feridas que se quedan dentro dun. Unha escuridade do que unha nena desexa fuxir para ser muller. O tránsito da nenez ao mundo adulto. «Entraron os paxaros e deshabitei a casa». Tócalle falar á poeta. Traga cuspe (ese mesmo cuspe inxerido no poemario) para coller folgos e falar ante os seus. Alí onde o poemario ten valor de seu. Isto é fronte aqueles que saben da casa. E é que ‘Deshabitar unha casa’ é, do mesmo xeito que o seu libro ‘Nomes de fume’, un xeito de airear o eu. De poñela roupa fronte a veciñanza, de cumprir o rito de abrir as fiestras para que entre aire novo. Un poemario que se converte en ollos cara un interior que precisa da poesía para fuxir, para voar con ás de colibrí. Ás pequenas pero sinceiras. Miriam Ferradáns con ambos poemarios, escritos en apenas seis meses e caras dunha mesma moeda, o que fai e exhibir unha sinceridade brutal, convertendo a palabra en pedras que flotan sobre un río que pode ser o único acougo. Cada palabra pesa na poesía de Miriam Ferradáns, e pesa para acollérmonos a todos, para que nós tamén miremos cara o noso. Alí onde «a humidade xogaba co pan», alí onde «sempre tiñamos frío». Unha casa a deshabitar que non é máis que o desexo de despegármonos dos lobos e dos medos, de todo aquilo que é sombra e fai da infancia un ámbito de indefensión, pero ao mesmo tempo de aprendizaxe, de camiño a conquistar para facer medrar á persoa. Unha persoa que por moito que tente fuxir seguirá sendo tamén casa, xa que o que levamos con nós será o que nos habite sempre.
Miriam Ferradáns colleu o poemario e leu, e a pel de todos foi gume. Un fío co que cortármonos. Un fío co que sermos. A poeta citou ao vento e o vento fixo tremer as fiestas da sala. A natureza viña do mar para habitarnos, para darlle corpo a poesía, para que Bueu se convertese en casa. Así foi.



Publicado no Diario de Pontevedra 5/02/2018
Fotografías: Alba Sotelo