Rue Saint-Antoine nº 170
Arte. Dentro do
proxecto pedagóxico ‘Somos do sexto’ que se desenvolve no Museo
de Pontevedra esta exposición é unha máis que fermosa e axeitada
aproximación dun grupo de nenos de primaria ao mundo da arte. O seu
traballo, de coñecemento das coleccións do propio Museo así como o
seu plantexamento expositivo fronte ao público, é admirábel.
Poucas obrigas deben
ser máis urxentes para un centro cultural que o de ir facendo
semente. Deixar unha pegada naqueles máis novos que os leve a
interesarse pola cultura e pola arte. O Museo de Pontevedra leva
desenvolvendo ao longo destes últimos anos diferentes proxectos
didácticos en forma de talleres que pouco a pouco foron medrando,
desestacionalizándose desas típicas datas de verán ou Nadal no que
moitos pais teñen nestas actividades un espazo de lecer para os seus
cativos, plantexándose así iniciativas moito más ambiciosas. Da
man de ‘Taller Abierto’ xerouse unha vía de traballo que vén de
dar os seus froitos da mellor maneira posíbel coa inauguración
dunha exposición que, baixo o título de ‘A beleza oculta’,
amosa o quefacer dun grupo de nenos de primaria á hora de traballar
cunha colección artística, facer unha escolla é achegala ao
público, isto é, un ensaio de comisariado que lonxe de verse como
un proxecto de futuro xa é unha realidade hoxe.
Antía González Arias,
Clara Prado Barros, Emilio Basanta Vázquez, Guillermo Lariño
Salaberri, Inés Fariña González, Iria Flavia Mesa Zaldívar,
Manuela Alfaro Manovel, Manuela Sendín Caneda, Nicolás Rozas
Martínez, Nuria García González, Pablo Paz Dias, Pelayo Mesa
Zaldívar e Quique Muiños Couto son os nomes dos que comezaron,
abofé que unha especie de xogo e, á medida que pasaban as sesións
de traballo, entenderon as posibilidades da arte como xeito de
comunicación e de relación coa contorna, tanto física como
histórica. A todos eles os parabéns polo feito, polo ben feito,
tamén ás monitoras de ‘Taller Abierto’ por facer que todo ese
esforzo se converta nunha exposición que vai moito máis alá de ser
unha búsqueda da beleza como nos quere achegar o título da mesma,
xa que é toda unha auténtica lección de cómo a arte pode amosarse
de moitas maneiras, afastándose de esquemas abrurridos e monótonos.
A disposición das pezas, a rotulación da sala, ata a propia
iluminación das obras, son unha auténtica gozada da que todos os
participantes poden gabarse.
Pois nese
ambiente é onde debemos fixarnos na proposta que se lles fixo aos
novos comisarios, que non é nin máis nin menos que esa eterna
pregunta que tanto confunde arredor da arte: o que é fermoso ou o
que non é. Unha cuestión tan persoal que fai da arte ese
engaiolante territorio de atraccións e repulsións que moitos son
incapaces de respectar como parte da súa esencia, algo do que esta
pasada semana tivemos exemplos dabondo, por desgraza na nosa
sociedade. Unha subxectividade que é a que desenvolven estes
comisarios, capaces, baixo a dirección axeitada, de establecer os
seus propios parámetros de traballo e plantexar as súas conclusións
a través da observación e a reflexión sobre unha serie de obras da
colección do Museo de Pontevedra escollidas para formar parte desta
mostra da que poderemos gozar no Sexto Edificio ata o 18 de marzo.
Espazo, tempo e corpo,
son as tres estacións polas que se nos conduce a través de nomes
tan senlleiros da arte como Manuel Torres, Luis Seoane, Carlos de
Haes, Corredoyra, Lago Rivera ou Rusiñol, entre outros. Toda unha
experiencia que traballa dende o que se ve, pero tamén, e esta é
outra das súas achegas, dende o que non se ve, daquilo que a arte
agocha do que pode ser unha mera visión contemplativa mergullándose
noutros territorios da exploración artística. Pegadas que seguir
dende o lenzo cara aquilo do que nós somos parte esencial, isto é,
a nosa experiencia persoal fronte á arte, un ámbito de complexidade
para o traballo dos rapaces que se viron afastados de compoñentes
máis lúdicas ou sinxelas para eles, como puidera ser traballar con
obras máis vencelladas ao universo infantil, porén, o traballo aquí
ía por outros camiños, por terreos nos que xorde a aprendizaxe e o
estudo dunhas obras de arte que forman parte do que todos nós somos.
Novos comisarios que
traballan cara un futuro, pero que agora, tras o feito e visto,
convértese en presente, un presente do que todos nós podemos
participar para darlle sentido ao seu traballo. Xa que tanto a
crítica, como a súa plasmación na prensa, e a necesaria visita do
público, son tamén parte do que é un comisariado que non é algo
nada sinxelo, pero que, con aprendizaxes como o que estes cativos
levaron a cabo no Museo de Pontevedra da man de ‘Taller Abierto’
teñen xa moito adiantado para entender a arte, xa non só como
experiencia e aprendizaxe persoal, senón como posibilidade para
desenvolver un traballo marabilloso.
Publicado no Diario de Pontevedra 26/02/2018
Fotografía. Rafa Fariña
Ningún comentario:
Publicar un comentario