Cúmprense 181 anos do
nacemento dunha poeta que foi máis alá dunha xeografía ou dun sentimento
limitado só ao noso territorio, xa que falamos dunha das autoras máis sobranceiras
da historia da literatura universal. Unha muller que fixo da palabra e da súa
escrita, á que nunca renunciou, un xeito de afirmarse no mundo, cando iso para
unha muller non era nada doado, ou cando menos, era algo ben máis difícil do
que aínda o é hoxe. Agora, á súa afouta literatura, engádeselle esa mirada ao
compromiso dende a sensibilidade coa muller que, abeizoadamente, aumenta de
xeito progresivo nesta sociedade, e aí poucas figuras tan simbólicas como a da
nosa poeta.
Cada acto, cada iniciativa
artellada arredor da súa figura, excede xa o literario, que sempre debe servir
de base, xa que aí é onde realmente está ela, e plantéxase como a simbolización
da muller ante tantas ‘negras sombras’ como voan sobre moitas, demasiadas
delas. Pontevedra, dende os colexios ou ás institucións, estes días, refuxiase
no recordo da autora de ‘Follas Novas’ para poñer en valor a súa figura. Ben
feito! Músicas e poemas que nas nosas rúas terán hoxe o escenario perfecto,
nesa rúa que leva o seu nome, para orgullo da cidade e desterro dos medos do
pasado. Esa mesma rúa á que un dos seus veciños, o mesmiño presidente do
Goberno, M. Rajoy, segue coñecendo como Salvador Moreno, incapaz de mudar os
canóns polo “olido de rosas” ou o “orballo da tarde”, unha situación que tanto
reflicte de tantas cousas desprezábels como acontecen neste país.
Arredor desa tertulia de
homes chantada na praza de San Xosé o Concello de Pontevedra representará ese
papel da muller fronte ao home. Unha muller brillante, intelixente, dunha fonda
sensibilidade e coa xenialidade coñecida da súa obra, abríndose paso entre
todos eles para reclamar o seu lugar, a súa pertenza á eternidade, dende a súa
poesía, pero tamén dende a súa condición de muller. Cando escoitemos aos nosos
fillos chegar do colexio coa ladaíña do «Adios ríos, adios fontes; adios regatos pequenos...», cando onte
escoitamos a mulleres de diferentes eidos sociais na Deputación recitando os
seus poemas, ou cando hoxe os actos do Concello nos enfronten coa súa figura,
darémonos conta de que algo está a mudar nesta sociedade, de que estamos dando
pasos para a recuperación de todo un universo perdido, ou polo menos
desprezado. Unha muller diferente, rebelde, que fixo da súa poesía parte dese
compromiso para entenderse, pero tamén para entender a moitas outras mulleres:
«Daquelas que cantan as pombas i as frores,/todos din que teñen alma de
muller./Pois eu, que non as canto, Virxe da Paloma, ai! de que a terei?».
Rosalía, sempre.
Publicado no Diario de Pontevedra 24/02/2018
Foto: Gonzalo García
Ningún comentario:
Publicar un comentario