Rue Saint-Antoine nº 170
Arte. A
pontevedresa sala Nemonon acolle ata o 3 de marzo o traballo de Baldo
Ramos. Un exercicio visual e literario no que o libro funciona como
soporte, non só conceptual, senón tamén físico, dunha serie de
sensacións que amplían as capacidades do libro para artellar un
fermoso discurso poético e cheo de sensibilidades abraiantes.
A proposta de Baldo
Ramos na galería Nemonon é unha feliz achega ao mundo da arte a
partir dun cambio do soporte tradicional. Un cambio que se pousa no
libro, onde o poeta Baldo Ramos plantexa un fermoso discurso visual
que vai máis alá dunha simple experimentación plástica.
Arames, niños,
zapatos, raíces, fotografías, algodóns, flores... materiais que
acougan a súa historia ao acubillo da páxina, ao caloriño das
capas duns libros que se constrúen como artefacto artístico na
exploración de novos territorios da estética, plantexados sempre
dende unha fonda sensibilidade. A colocación dos elementos sobre a
superficie deses libros enchen de beleza estas composicións que se
completan coa palabra, xa que Baldo Ramos é un extraordinario poeta,
e a palabra convértese, a carón de cada unha das pezas, nunha
especie de compás que nos deixa o rumbo a seguir no interior de cada
obra. Aí, neses rumbos é onde nos atopamos o tempo, a memoria, o
esquecemento e as pegadas de todo iso enxeridas en todo: nas
palabras, pero tamén na propia peza artística. As flores murchas, o
ferruxe nos metais, os liques nas polas son as condensacións visuais
da capacidade do tempo para modificar as percepcións, do natural,
pero tamén do humano. Feliz metáfora do que acontece en nós mesmos
ante o fuxir da vida, ante as eivas que o tempo plantexa ante nós.
Uns ingredientes que
tamén plantexa Baldo Ramos no afoutado poemario que vén de saír do
prelo da editorial Galaxia baixo o nome de ‘Cartas dende o
esquenzo’. Un libro que ten tamén moito de experimentación ao
plantexarse dende a escrita de diferentes voces que asoman a un mesmo
tempo polas páxinas dun poemario no que a perda da memoria é a
cerna arredor da cal se moven esas voces. Un camiño cara á amnesia,
«o tempo pesou como unha culpa», escribe o poeta. Pouco máis que
apuntar dende estas palabras que teñen peso de seu, como todo o
poemario de Baldo Ramos, palabras que agochan a pegada da dor e do
sufrimento, pero palabras que son a raíz que nos suxeita á vida, á
existencia, ao que ao final somos:unha expresión.
Esa expresión tamén
está presente nas pezas da exposición que leva o título de ‘Libros
con memoria’, conténdose todo nel. O libro como soporte, a memoria
como reflexión. A memoria, xérmolo do tempo; a memoria, raíz de
nós mesmos. Somos tempo pero necesitamos ser memoria. Con todo iso
traballa Baldo Ramos, dende a plástica, pero tamén dende a súa
poética. Dous camiños que xuntos son invencíbeis, como vemos na
sala Nemonón, e como todos podemos experimentar nun obradoiro que se
está a desenvolver no Pazo da Cultura de Pontevedra organizado pola
Asociación de Escritores en Lingua Galega da man firme de Baldo
Ramos.
Publicado no Diario de Pontevedra 19/02/2018
Fotografía Gonzalo García
Ningún comentario:
Publicar un comentario