luns, 10 de xullo de 2017

O milagre da pólvora


A editora Chan da Pólvora vén de cumprir un ano de vida. Un ano que serve para reafirmar un proxecto cultural de creación multidisciplinar que dialoga cunha sociedade que precisa deste tipo de iniciativas para coñecerse mellor a si mesma, isto é, para explicarse.



VÉN DE cumprir un ano o milagre da pólvora que non ten que ver cos chineses senón cos habitantes dese país da poesía que cada vez axita, coa forza dun vento maior, a súa bandeira en Galicia. Un país de poetas cada vez más afoutos que se fixeron fortes nun espazo da compostelá rúa de San Pedro para levar a cabo un soño, unha ilusión tan tola como que a poesía fose visíbel entre a nosa sociedade e, máis aínda, que servise como plataforma cultural, case de resistencia.
Certo é que a poesía deambula sempre polos vieiros da resistencia, isto é, ao moverse por uns camiños nada cómodos, entre a escaseza de lectores e a descofianza de moitos outros, pero unha iniciativa como esta de Chan da Pólvora é precisamente a proba da necesidade deses soños, desas resistencias precisas para xerar espazos no gume da sociedade nos que soster o traballo de moita xente que non tería a posibilidade de amosar o seu traballo noutras editoriais, con miras e percepcións ben diferentes das que xorden deste colectivo que fixo inzar a poesía na procura dun milagre. E ese milagre materializouse xa ao longo de todo un ano, ano no que entre a chea de actividades promovidas dende ese espazo dirixidas á promoción, tanto da lectura como da escrita, ata a presentación de libros ou diálogos cos autores sobresae a publicación de diferentes textos imperdíbeis xa para o noso sistema literario.
Dende 'Querido Eduardo. Cartas de Suárez Picallo a Blanco Amor' ata 'Camuflaxe' de Lupe Gómez, pasando por 'Suicidas' de Fran Cortegoso e 'Urania' de Chus Pato, temos un póker poético que fala precisamento diso, da necesidade da poesía en toda a sociedade, das oportunidades que precisan os nosos autores, e do tempo que vivimos, no que creadores e artistas xa están cansos de agardar ou de cobixarse baixo un cómodo sistema institucional co que non sempren concordan. Así, ao non precisar dese acubillo, a súa maior liberdade rexístrase neses libros fermosamente editados que teñen moito desa idea libertaria de ilusións que voan entre as palabras inscritas neses volumes, poesía envolta nun pano de sofisticación necesaria, en absoluto superficial, para xuntarse a tentar explicar ao ser humano. Individualidades existenciais que se abren ao colectivo, tantas veces ausente, pero que nesta vez respaldou propostas e actividades, converténdose no axente preciso para ser o sustento dese traballo.
Vexo comprar poemarios, vexo unha fermosa axenda de actos ao longo do ano, vexo proxectos novos, vexo ilusións, vexo paredes que se cubren, vexo compromiso e vexo creadores que se pousan nese Chan da Pólvora como aquel espazo insular ao que se asomaron unha xeración de soñadores para albiscar, sobre ese illote, onde o horizonte volve a ser gume entre o real e o irreal, entre o tanxible e o intanxible, acadando unha vitoria reafirmada ao cumprirse o primeiro ano de todo. Alicia Fernández, Gonzalo Hermo, Eduard Velasco, Antón Lopo e Manolo Martínez, impulsores deste proxecto seguen, con cada libro que sacan do prelo, promovendo novos horizontes, novas achegas que, sobre todo, teñen o valor engadido de que a cultura prenda nas fendas da sociedade, da rúa de San Pedro cara o mundo, sen fronteiras nin condicións, simplemente a necesidade de falar dende o seu eu cara unha sociedade que se está amosando como a interlocutora precisa ante todos estes proxectos.
Cun ano cumprido as expectativas non poden ser mellores, cada actividade, cada proxecto, cada persoa que entra nesa tenda, convértese nun afoutado chanzo do que todos temos que sentirmos orgullosos xa que fala tamén dun proceso de muda dentro da propia sociedade, da necesidade de buscar novos vieiros, respostas fronte as dúbidas, pero sobre todo da capacidade dunha nova xeración por explorarse a si mesma, sen prexuízos, ollando en fite a aquilo que os rodea e que tantas veces os xulgou con anterioridade. Agora todos estes libros que xa comezan a ser un monllo son a mellor presentación de moito do feito ao longo destes meses, pero tamén deben ser o pulo preciso para seguir movendo esa bandeira dun novo país, dun país de esperanzas que xa son realidades dende o milagre da Pólvora.




Publicado no suplemento cultural Táboa Redonda. Diario de Pontevedra/El Progreso de Lugo 2/07/2017

Ningún comentario:

Publicar un comentario