A editora Chan da
Pólvora vén de cumprir un ano de vida. Un ano que serve para
reafirmar un proxecto cultural de creación multidisciplinar que
dialoga cunha sociedade que precisa deste tipo de iniciativas para
coñecerse mellor a si mesma, isto é, para explicarse.
VÉN DE cumprir un ano
o milagre da pólvora que non ten que ver cos chineses senón cos
habitantes dese país da poesía que cada vez axita, coa forza dun
vento maior, a súa bandeira en Galicia. Un país de poetas cada vez
más afoutos que se fixeron fortes nun espazo da compostelá rúa de
San Pedro para levar a cabo un soño, unha ilusión tan tola como que
a poesía fose visíbel entre a nosa sociedade e, máis aínda, que
servise como plataforma cultural, case de resistencia.
Certo é que a poesía
deambula sempre polos vieiros da resistencia, isto é, ao moverse por
uns camiños nada cómodos, entre a escaseza de lectores e a
descofianza de moitos outros, pero unha iniciativa como esta de Chan
da Pólvora é precisamente a proba da necesidade deses soños, desas
resistencias precisas para xerar espazos no gume da sociedade nos que
soster o traballo de moita xente que non tería a posibilidade de
amosar o seu traballo noutras editoriais, con miras e percepcións
ben diferentes das que xorden deste colectivo que fixo inzar a poesía
na procura dun milagre. E ese milagre materializouse xa ao longo de
todo un ano, ano no que entre a chea de actividades promovidas dende
ese espazo dirixidas á promoción, tanto da lectura como da escrita,
ata a presentación de libros ou diálogos cos autores sobresae a
publicación de diferentes textos imperdíbeis xa para o noso sistema
literario.
Dende 'Querido Eduardo.
Cartas de Suárez Picallo a Blanco Amor' ata 'Camuflaxe' de Lupe
Gómez, pasando por 'Suicidas' de Fran Cortegoso e 'Urania' de Chus
Pato, temos un póker poético que fala precisamento diso, da
necesidade da poesía en toda a sociedade, das oportunidades que
precisan os nosos autores, e do tempo que vivimos, no que creadores e
artistas xa están cansos de agardar ou de cobixarse baixo un cómodo
sistema institucional co que non sempren concordan. Así, ao non
precisar dese acubillo, a súa maior liberdade rexístrase neses
libros fermosamente editados que teñen moito desa idea libertaria de
ilusións que voan entre as palabras inscritas neses volumes, poesía
envolta nun pano de sofisticación necesaria, en absoluto
superficial, para xuntarse a tentar explicar ao ser humano.
Individualidades existenciais que se abren ao colectivo, tantas veces
ausente, pero que nesta vez respaldou propostas e actividades,
converténdose no axente preciso para ser o sustento dese traballo.
Vexo comprar poemarios,
vexo unha fermosa axenda de actos ao longo do ano, vexo proxectos
novos, vexo ilusións, vexo paredes que se cubren, vexo compromiso e
vexo creadores que se pousan nese Chan da Pólvora como aquel espazo
insular ao que se asomaron unha xeración de soñadores para
albiscar, sobre ese illote, onde o horizonte volve a ser gume entre o
real e o irreal, entre o tanxible e o intanxible, acadando unha
vitoria reafirmada ao cumprirse o primeiro ano de todo. Alicia
Fernández, Gonzalo Hermo, Eduard Velasco, Antón Lopo e Manolo
Martínez, impulsores deste proxecto seguen, con cada libro que sacan
do prelo, promovendo novos horizontes, novas achegas que, sobre todo,
teñen o valor engadido de que a cultura prenda nas fendas da
sociedade, da rúa de San Pedro cara o mundo, sen fronteiras nin
condicións, simplemente a necesidade de falar dende o seu eu cara
unha sociedade que se está amosando como a interlocutora precisa
ante todos estes proxectos.
Cun ano cumprido as
expectativas non poden ser mellores, cada actividade, cada proxecto,
cada persoa que entra nesa tenda, convértese nun afoutado chanzo do
que todos temos que sentirmos orgullosos xa que fala tamén dun
proceso de muda dentro da propia sociedade, da necesidade de buscar
novos vieiros, respostas fronte as dúbidas, pero sobre todo da
capacidade dunha nova xeración por explorarse a si mesma, sen
prexuízos, ollando en fite a aquilo que os rodea e que tantas veces
os xulgou con anterioridade. Agora todos estes libros que xa comezan
a ser un monllo son a mellor presentación de moito do feito ao longo
destes meses, pero tamén deben ser o pulo preciso para seguir
movendo esa bandeira dun novo país, dun país de esperanzas que xa
son realidades dende o milagre da Pólvora.
Publicado no suplemento cultural Táboa Redonda. Diario de Pontevedra/El Progreso de Lugo 2/07/2017
Ningún comentario:
Publicar un comentario