Referencia da pintura en España, a
intelixente aproximación proposta dende o CGAC á figura de Luis Gordillo abarca
toda a súa dimensión como creador. Sen acotacións temporais a obra de arte
enténdese como un proxecto global cheo de referencias entre as diferentes
etapas.
BAIXO O comisariado de Juan Antonio
Álvarez Reyes e Santiago Olmo o máis complexo á hora de artellar unha
exposición arredor de Luis Gordillo, sobranceira figura da nosa pintura, é o
modo de amosala, pero sobre todo de reflexionar sobre a súa obra a partir da
composición da mostra. De poucos pintores se ten escrito tanto, como de Luis
Gordillo, de poucos tamén se ten exposto tanto como arredor do seu traballo,
por iso, á hora de facer unha exposición hoxe o máis importante non é o feito
de amosar a súa obra, senón as conclusións que nos pode deixar o seu visionado
e o contacto coas pezas expostas.
A planta primeira, a planta baixa e o
dobre espazo do Centro Galego de Arte Contemporáneo énchense do universo
plantexado pola pintura de Luis Gordillo. Énchense dunha comprensión total da
súa obra que nos leva a percorrer o seu traballo dende a década dos anos
cincuenta ata os nosos días. Autor dunha obra única, moi difícil de incluir en
istmos ou correntes pictóricas, o labor de Luis Gordillo amósase nesta mostra
cunha intención globalizadora, isto é, diluíndo fronteiras temporais ou etapas
creativas e recuperando aquelas estratexias de representación que se mantiveron
como alicerce de toda a súa pintura. O diálogo entre as obras, e entre esas
obras e o espectador conflúe nesa organicidade do discurso, nese senso
arquitectónico dunha obra xerada dende o rigor e a consistencia dunha aposta
irrenunciábel pola liberación dunha pintura á que se suxeitaron posteriormente,
nos anos oitenta, toda unha corrente de pintores que lexitimaron un discurso
pictórico propio que, con figuración ou sen ela, plantexaron un necesario
debate dende o visual para acadar un rescate das posibilidades da pintura tras
o letargo do franquismo.
Luis Gordillo estaba tras todos eles
como unha sorte de rede ante as piruetas. O evidente goce pictórico da súa obra
enguedéllase coa súa capacidade analítica da pintura, plantexada dende unha
permanente contradición entre xeometría, abstracción, tonos e planos que conflúen
nunha simboloxía que enche de posibilidades a súa pintura. As deformacións, as
duplicacións, as manchas, limitan cunha sorte de surrealismo ou de pintura
psicolóxica que tende pontes á iconografía pop. Todo irase complicando coas
transferencias procedentes doutras técnicas artísticas: fotografías, colaxes,
debuxos... para xerar así un espazo propio, de rebelións e liberacións que
loitan contra si mesmas pero tamén coa propia identidade da pintura. Un dos
comisarios da mostra é o propio director do CGAC que no texto curatorial
plantéxanos a cerna da exposición: «Entre as distintas series establécense
relacións de filiación e diálogo, e entre as distintas épocas establécense en
cambio friccións paradoxais e violentas que se recompoñen en sorprendentes diálogos».
Isto é realmente interesante, sendo o que xustifica a exposición, a análise de
recursos que se moven entre as obras, afastándose do momento en que son
concebidas pero que, cando se observan dende esa temporalidade, amosan unha
distorsión que non é tal. É un pouco como se as obras fuxisen do seu carácter
cronolóxico, refuxiándose na súa propia concepción, sendo partes dun proxecto
de autor que non precisa do aserto temporal.
Esa situación é a que fai de Luis
Gordillo unha especie única, un creador de seu, este tipo de artista non se ven
influidos, eles son os que inflúen. Pero isto, que sería o lóxico cando un
creador está nos momentos finais da súa traxectoria, no caso que nos ocupa xa
se produce dende as súas primeiras inquedanzas pictóricas, facendo en numerosas
ocasións da súa pintura un camiño aberto en diferentes direccións polas que
moitos foron camiñando a risco de enfrontarse ás complexidades da súa obra, que
as hai e moitas. Pero ese tamén é o reto da pintura, o de suxerir e xerar
problemas aos demais, o de propoñer territorios indómitos cos que desafiar aos
demais e de paso á propia pintura. Esta ‘Confesión xeral’ que aquí se plantexa
pon de relevo moitos destes desafíos dende alguén do que tanto se dixo que xa o
que nos queda é ver, e aquí hai moito que ver.
Publicado no suplemento cultural Táboa Redonda 16/07/2017. Diario de Pontevedra/El Progreso de Lugo
Ningún comentario:
Publicar un comentario