luns, 8 de xullo de 2013

Un anxo na vida


Eva ten trece anos, bueno, case, quédanlle poucos días para chegar a esa idade. Non son anos fáciles para unha moza, unha época de descubrimentos, de loitas e conquistas que van ser inesquecibles para o resto da súa vida, pero tamén unha época chea de medos e temores. Eva ten que falar, necesita contar o que sinte, e a súa familia non é xustamente un mar calmo onde afogar penas. Eva ten unha amiga imaxinaria coa que fala a escondidas, pero tamén ten unha boa amiga de carne e oso, pero sobre todo, Eva ten un anxo. Sí, así como o len, un ser con ás que a visita regularmente para entre ambos contarse a súa vida, falar daquelo que lles preocupa e que os leva a ter unhas vidas que non están tan afastadas a unha da outra. Unha relación que irá medrando ata un punto de non retorno no que familia, amigos, anxo e máis Eva irán descubrindo non só todo aquelo que os rodea, senón a eles mesmos.
Cada vez que aparece unha cunchiña na terraza de Eva é a sinal convenida para que apareza ese fermoso anxo que parece estar máis cómodo entre os humanos que preto da divinidade. Un anxo que agocha toda unha vida entre os homes que falan desas ás case como dun accidente máis que dun atributo que o identifique como esa presenza que enche un vacío entre o Deus trascendente e a simplicidade do home, que é a súa simboloxía dende que o home e home e os anxos son anxos. Esa humanización do mito é o que o achega a esa rapaza sumida nunhas relacións familiares cada cal máis extrana, cos seus pais separados, e a súa nai xunto cun home enamorado dela pero non a inversa, unha avoa que fala co seu marido falecido, un irmán pendente da súa exótica noiva e un pai do que leva tempo afastada.
Eva necesita artellar o seu propio mundo, un universo no que sobrevivir no tempo da adolescencia. Unha amiga imaxinaria, e a presenza deste anxo, son as válvulas de escape desa existencia que ela cada vez máis sente como angustiosa. Pero a vida ten a cualidade de ir complicando as cousas, pouco sabe ela de anxos ou outras leas, o paso do tempo e a alquimia cos sentimentos son quen de facer que todo mude case sen darnos conta, sen pretendelo para sentir nun instante que nada é xa como o era fai so intre, e que o destino é o que nos atrapa sen poder facer nada para evitalo.
Marina Mayoral coa súa habitual beleza narrativa é quen de configurar toda esta paisaxe humana na que poderíamos distinguir dous fíos narrativos que sosteñen a novela: un sería a relación de Eva co anxo, e o outro, coido que máis interesante, é a relación de Eva cos integrantes da súa propia familia e como as situacións particulares de cada un deles interveñen de xeito directo no conxunto do grupo. Falamos, polo tanto, de dous mundos, o da imaxinación a carón do da realidade, aquelo que nós podemos construir ao noso xeito grazas ao maxín da mente xunto  a aquel no que estamos obrigados a permanecer. Ese encaixe tan fabuloso é dende o que a autora nos envolve nesta narración chea dunha maxia case infantil, un lugar a onde fuxir da man desa Eva que a un lle da ten moito de como podía ser a Marina Mayoral cativa, o polo menos a un gústalle pensar nesa rapaza, que co tempo sería unha formidable escritora, compoñendo todo o seu mundo en base a esa arma indestructible que é a imaginación.
Entren no mundo de Eva, acompáñena á súa terraza para compartir eses encontros co seu anxo e descubrirán como se perde a inocencia, pero tamén como se gaña a experiencia e a pel se endurece para camiñar pola vida, todo cunha fonda sensibilidade que só é quen de acadar a gran Marina Mayoral. Palabras maiores.

Publicado en Revista. Diario de Pontevedra 7/0/2013 e Progreso de Lugo

Ningún comentario:

Publicar un comentario