O debut no eido da novela de Xosé Enrique Acuña deixa nas nosas mans a
paisaxe dunha época chea de soños desfeitos polo paso pola cadea, tamén das
ansias por acadar a independencia dun país e quizás, sobre todo, por escribir
unha novela. Abofé que tras esta obra hai unha longa historia de preparación,
de axustes nas palabras, de ensaios ante a perspectiva, cada vez máis
meritoria, da súa posterior publicación. O camiño da protagonista, Zelia Ogando,
pode ter certa similitude coas ansias de Enrique Acuña por sacar do prelo un
texto como este, tan alonxado doutras facianas da cultura nas que o autor xa
ten unha longa traxectoria.
Atopámonos, desta volta, cunha historia que nos leva a reflectir un tempo
vivido: o pulo da mocidade independentista, os anos de estudos, a droga e o que
supuxo nesta terra, as músicas, as lecturas... un equipo de fútbol e os seus
siareiros...todo eso vai agromando ao longo das diferentes páxinas para
compoñer así un relato que se lee moi ben, e co que o lector enseguida atopa
pequenos fíos dos que quedar suxeito na narración. Máis aínda se un é de
Pontevedra ou se ten certa relación con esta cidade. Xosé Enrique Acuña é bo
coñecedor da historia e da intrahistoria da cidade do Lérez, das súas xentes,
do que se fixo e se falou durante moitos anos. A súa inclusión de numerosos
feitos, para os que viven en Pontevedra, é un emocionante percorrido por
escearios como o café Carabela ou por personaxes como o debuxante Conde Corbal,
que tan ben ilustrou ese local emblemático da cidade senón tamén as páxinas do
Diario de Pontevedra durante os anos sesenta. Pero aínda saen moitos máis que
non lles vou contar para que os descubran vostedes.
O certo é que Enrique Acuña atina co xeito de compoñer esa paisaxe dun
tempo e uns feitos de xeito apaixoado nos que non se evitan certas reprobacións
a situacións da realidade ante as que o autor non elude unha posición crítica.
Onde si que pode resultar un pouco curto é na profundización dos protagonistas nos
que un pode intuír moitas posibilidades que semellan quedar sen explorar, porén
o conxunto funciona bastante ben a partir dese centro de intrigas como é unha
cafetaría, o Café do idioma, que lle da título ao libro, e no que ao final se
espera a presentación desa desexada novela arredor da que todo se move nesta outra
novela, tamén de estrea. Ogallá esta primeira obra sexa o punto de partida para
novas historias e situacións, para conducirnos a través do maxín da literatura
polos senlleiros vieiros dos que tantas cousas sabe Enrique Acuña grazas aos
seus coñecementos, un xérmolo que producirá novas novelas das que disfrutar do
mesmo xeito que o fixemos con esta obra que amosa, como acontece no caso da
protagonista, o desexo por escribir unha vida e por facernos a todos parte dela.
Publicado en Diario de Pontevedra e El Progreso de Lugo 19/01/2014
Ningún comentario:
Publicar un comentario