Poucos escritores do noso tempo teñen a capacidade de compoñer un retablo
de tanta actualidade nas súas novelas como Diego Ameixeiras. Os seus últimos
proxectos literarios procuran o capricho da inspiración nas nosas rúas, nas
páxinas dos nosos xornais, nas imaxes dos noticieiros ou nas conversas ao pé da
rúa compoñendo, deste xeito, un fresco da actualidade dende o vigor que so a
literatura é quen de acadar. Fain uns poucos días a escritora brasileira Nélida
Piñón nun faladoiro en Pontevedra dixo que a literatura necesita do tempo para
interpretar o que acontece no noso contorno, e que esa visión é moi necesaria
para entender uns feitos que moitas veces non somos quen de albiscar. Diego
Ameixeiras ten, dende o meu punto de vista, o mérito de desfacerse dese paso do
tempo, facendo a súa interpretación da realidade dende o intre mesmo no que
suceden os feitos que forman parte do relato.
Coas súas derradeiras publicacións o autor pon de relevo como un escritor
anda sempre na procura da mellora, de facer co seu ecosistema literario medre e
se vaia facendo máis sólido. Cando un recupera o folgo ao rematar de ler
‘Matarte lentamente’, dase conta da capacidade que Diego Ameixeiras ten para
acadar esa meta, para amosar unha evolución na súa escrita que o fai manterse
dentro deste xénero como o máis sobranceiro das nosas letras. A recreación de
ambientes, o perfil dos personaxes, a implicación das tramas entre sí, e esa
suxeición permanente coa realidade, son armas máis que suficientes para
defender esa posición de primacía.
Adoita Diego Ameixeiras plantexar as súas historias dende a confluencia
de relatos. Do mesmo xeito que na propia vida temos un ir e vir de xentes, de
protagonistas tantas veces anónimos nas historias do real, neste libro
acrecéntase esa sensación de historias anudadas e de camiños que se van
mergullando uns nos outros para chegar a un foz que debemos atravesar obrigados
polo autor. O paso por ese desfiladeiro vainos a enchoupar en sangue, pero
tamén na miseria dunha sociedade condenada a súa propia mutilación. Nela, a
xente vese atrapada polas súas conductas, polos seus actos, aínda que sempre
aparezan sometidos polas leis que emanan do conxunto. Un insectario onde o
canibalismo dos protagonistas agroma de xeito abraiante dende o cotián.
Nestas historias nas que asoman clara filias tarantinianas dende a súa formalidade,
despréndese ese arrecendo de fondo que sempre deixa a novela negra á que sempre
aparece vencellado Diego Ameixeiras. Bo lector de clásicos, poñamos á cabeza a
Dashiell Hammett, o cortante fío dunha contundente linguaxe fai abrollar esa
percepción de sequedade que tamén busca como asfixia necesaria dentro dunha
pretendida atmosfera. Unha linguaxe que vai deixar ante nós historias de
abortos en adolescentes, de tráfico de drogas, de accións preferentes, de
pasados que regresan ao presente ou de relacións que van podrecendo... en
definitiva, toda unha xeira de accións que van achegando o caudal necesario ao
río da vida. Un río que nos vai arrastrando e que Diego Ameixeiras converte en
novela. ‘Matarte lentamente’ convértese nun afluente máis nese proxecto case
amazónico de renovación dunha linguaxe narrativa que se botaba en falta na nosa
escrita como parte dun xénero, pero tamén un xérmolo máis no proxecto persoal
de afrontar a realidade dende os ollos do escritor, dende a mirada da
literatura, e que tan ben lle fai aos libros, pero tamén a esta sociedade cada
vez máis salvaxe e escura.
Publicado no Progreso de Lugo 21/12/2013
Ningún comentario:
Publicar un comentario