sábado, 22 de marzo de 2014

Chourizos e libros


Coñezo un planeta no que vive un señor moi colorado. Nunca uliu unha flor. Nunca contemplou unha estrela. Nunca amou a ninguén. Nunca fixo outra cosa que sumas. Pasa o día dicindo: ‘Son un home serio, son un home serio’, o que lle fai encherse de orgullo. ¡Pero eso non é un home, é un fungo.» (‘O Principiño’. Antoine Saint-Exupéry) 


Cada ano o Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra non deixa de sorprendernos, de amosar como os vieros que xorden dos libros son quen de achegar insospeitadas conquistas. Este ano o Salón deu un chimpo e meteuse tamén nas nosas rúas, nesas canles de vida que en Pontevedra latexan a cotío para latexar tamén dende elas. Ademais de en librarías, nas que houbo sesións de contacontos para os rapaces, seguimos a súa pegada en diferentes establecementos que prestaron os seus escaparates para que varios artistas xoguen co seu maxín a partir do mundo dos libros.
A experiencia acada resultados abraiantes, máis cando é a primeira vez que ten lugar e, a vista dos diferentes proxectos, un non pode deixar de bendicir esta iniciativa polo que ten de impacto no espectador ademais da difusión do propio Salón. Cada un dos dez escaparates ten un punto singular, non desmerecendo ningún deles, pero hai un que ten un magnetismo especial. ¿Non me digan que esa fila de chourizos en forma de círculo pingando polo calor do sol enriba dun exemplar de ‘O Principiño’ no Ultramarinos ‘El Cisne’ non é irresistible? Os que coñecemos de tempo atrás ese espazo flipamos coa súa conversión dende local de viños, e o que quixeran tomar na súa trastenda, para agora converterse en espazo para a performance e a transgresión. Cousas desta Pontevedra que non a coñece xa nin a nai que a pariu.  E ahí é onde entra o actor principal desta historia o creador desa intervención que non é outro que un dos nosos máis salientables creadores, Manuel Moldes, a quen non lle fixeron falta pinceis nin óleos para compoñer este cadro tridimensional. Unha ofrenda que xorde, como as do resto dos participantes, de seguir aquelas fabulosas invencións do artista italiano Arcimboldo, quen compoñía os seus cadros a partir da conxunción de diferentes froitos. Cociñando cadros antes e cociñando escaparates agora.  É ben frecuente nas obras de Manuel Moldes atopar círculos, unha figura xeométrica chea de significacións e simboloxías, unha procura da igualdade humana a través da equidistancia de todos os puntos da súa circunferencia con respecto ao centro, todo un ideal que a nosa sociedade de hoxe cada vez máis corrompe demasiadas veces a través deses puntos do exterior aquí convertidos en chourizos, como eses que últimamente tanto dan que falar nestes tempos cheos de escuridade e dramatismo.  Con pouco lugar para un mellor futuro, cada vez máis eses chourizos van suando e pingando aos que están baixo eles, e aquí a quen nos atopamos?, pois uns froitos secos, que podemos ser nós mesmos, e ao seu carón nin máis nin menos que ese manual para a esperanza que é a creación inmortal de Antoine Saint-Exupéry, unha lectura obrigada para todo ser humano que teña a intención de vivir en común. Abofé que moitos deses chourizos que hoxe vemos en tratos coa xustiza, ou eses outros que precisamente son respaldados por esa mesma xustiza, non pasaron por diante dos seus ollos nin unha soa folla dese libro, seguro que, entre outras cousas, por estar ben ocupados en contar cartos, en usurpalos a quen en realidade os necesita e que nestes intres, debido a esa amoralidade duns poucos-ou non tan poucos-, o estan a pasar moi mal.
Asomados a este escaparate vemos a ese Principiño nun novo planeta, nun territorio estraño, unha máis das súas visitas a lugares para incitar a reflexión, o que tamén alenta Manuel Moldes dende o que poida semellar unha simple decoración feita ao chou, cando o que temos é unha interpretación da realidade a través das sensacións dun artista. E todo agromando dende as páxinas dos libros, berce de historias e leccións, dos que aínda podemos gozar, non só dende estes escaparates, senón no propio Salón do Libro, alí onde poucos chourizos entran e só hai espazo para a ilusión e a ledicia.

Publicado en Diario de Pontevedra 22/03/2014

Ningún comentario:

Publicar un comentario