As nosas vidas están cheas de vías mortas, camiños que un día foron e
polos que agora xa non se circula, aínda que eles permanezan todavía ahí. A súa
pegada queda en nós ao longo dos anos e é, precisamente, cando o túnel da morte
nos espera, cando en realidade soemos volver a percorrelos como unha sorte de
terapia final, unha purgación de pecados ou feitos que fomos levando case
sempre agochados no que compón o petate das nosas vidas.
Emma Olsen é unha escritora afectada por unha enfermidade terminal, e o
pouco tempo que lle resta adícao a rematar unha novela na cal vaise a enfrontar
a moitos deses feitos aos que chega a hora de mirar fronte a fronte, a pouca
distancia, e co fin de deixar todo arranxado cara esa derradeira viaxe. Para
saldar contas Emma Olsen ten que volver a Faith, unha pequena cidade onde
medrou e onde se cruzan moitas desas vías polos que os trens da vida aínda
parecen deixar un rastro de po que canto máis o remexes máis se mete nos ollos
para plantexar un pasado de dor e de segredos.
A autora do texto, Berta Dávila, compón unha estratexia baseada na mirada
ao pasado como explicación do presente a través dun percorrido pola vida e pola
de aqueles que rodearon a unha muller que un día necesitou sair dese pobo para
acadar o seu soño, o de converterse en escritora. Conseguiuno, pero será a
presenza da morte a que a fará regresar a ese Faith que emerxe como un gran
personaxe, unha balea branca ante a que enfrontarse e que no seu interior
agocha a cerna da vida que non deixa de ser máis que esa loita permanente pola
felicidade ou a consecución do que co noso esforzo e adicación, somos quen de
acadar.
Se cadra ata aquí vostedes dirán algo así como “nada novo baixo o sol, ao
fin e ao cabo unha historia de recuperación de tempo perdido no que unha
protagonista, mediante a súa memoria, nos
leva ata onde xorde o conflito”, pois non lles direi eu que non, pero tamén
lles direi que nesta novela agóchase algo máis, agóchase a presenza dalguén que
escribe moi ben e que ten un alento literario que sorprende cando un coñece a
súa idade, mergullándonos nunha historia que deseguido te atrapa para intentar
coñecer que acontecementos foron quen de marcar tanto a unha muller coa
necesidade de voltar a esa estación perdida onde so alí atopará a calma necesaria
para encher esa soidade que, como ela mesmo di, é a verdadeira vocación dun
escritor. Asegúrolles que non lles defraudará, que atoparán ecos da mellor
narrativa norteamericana escrita no sur dos Estados Unidos, en pobos onde unha
serie de personaxes xeran un microcosmos moitas veces abafante para o propio
ser humano, pero que serve, e sobre todo se están ben construidos, como abofé
que é o caso, para que as súas vidas sexan durante uns instantes parte das
nosas.
Publicado en Diario de Pontevedra e El Progreso 23/03/2014
Ningún comentario:
Publicar un comentario