venres, 27 de xuño de 2014

Unha mirada, dous tempos





Entrar no Café Moderno de Pontevedra é entrar nunha especie de cofre. Un lugar onde se agocha boa parte da historia desta cidade tan vencellada ao mundo da cultura. Alí houbo faladoiros nos que as mellores cabezas do momento falaban do divino e o humano, alí Federico García Lorca escribiu un soneto para a Revista Cristal, alí proxectouse cine nos principios deste espectáculo, alí houbo recitáis e concertos, e alí, a pintura, tivo un dos seus berces na capital da provincia. Á decoración das súas paredes engádeselle o labor de diferentes creadores en estilos e tempos ben distintos. Demeterio Monteserín, Luis Pintos Fonseca, Carlos Sobrino ou Laxeiro deixaron constancia da súa pintura cunhas pezas que realzaban o ambiente que nese cofre cheo de modernidade sempre se respirou e que aínda se mantén para goce da cidadanía.
‘Parella de amantes’, A cortesá’ e ‘A tentación de Colombina’ son os tres grandes lenzos que nun dos salóns do Café Moderno ambientaban o que nel acontecía -existía un máis, pero unha mala conservación estragouno (1)-. Un lugar para o lecer e a diversión, para a conversa e tamén para o galanteo. O café como espazo para as relación humanas era o lugar axeitado para que o pontevedrés Carlos Sobrino crease tres cadros cun forte simbolismo que se afastaban moito da súa pintura habitual, deixando patente un rexistro que redimensiona a súa figura como artista. Entre espellos e cruces de miradas dos clientes do café, Carlos Sobrino artella toda unha linguaxe que emerxe do Modernismo, da comedia del arte, ou das palabras de Valle-Inclán, como ten analizado polo miudo o profesor José Manuel López Vázquez (2), en definitiva, dunha nova linguaxe á que a pintura non foi quen de afastar a súa mirada e que dende entón nos ven acompañando cando nos deixamos envolver por ese ambiente recuperado de xeito recente pola man do prestixioso arquitecto Álvaro Siza, unha mostra máis da importancia deste espazo e a súa inagotable reinvención ao longo do tempo como aposta pola cultura na cidade.

Eses tres grandes lenzos cumpren cen anos neste 2014. Cen anos nos que estiveron acompañando a todos aqueles que por un ou por outro motivo accederon a ese cofre do que falábamos ao principio. Cofre que dende a Fundación NovaGaliciaBanco se quere volver a abrir para que del xurda o maxín da pintura na celebración dese centenario da obra dun pintor pontevedrés. E que mellor maneira de facelo que enfrontándonos a obra doutros pintores pontevedreses, ou que viñeron a esta cidade ao pouco tempo de nacer, eles foron os que continuaron co pulo daqueles pintores primixenios do Café Moderno que sementaron esta cidade de pinceladas que, ao longo do tempo, foron consolidando a esta vila como unha das máis sobranceiras na produción pictórica de Galicia.
Nesta quenlla é a oportunidade para os nados nas décadas dos anos vinte, trinta e corenta, xusto na época dourada deste espazo onde intelectuais, poetas, escritores, pensadores ou pintores mantiveron longas conversas que abrollaron en sucesivas experiencias para darlle pulo á fama do Café Moderno como un espazo cheo de maxín. Castelao, Blanco Porto, Iglesias Vilarelle ou Agustín Portela falaban ao tempo que nas mesas daquel café soaban as fichas de dominó, tamén os pintores como Laxeiro, Manuel Torres, Virxilio Blanco, Villafínez ou Ramón Peña converteron este lugar nun dos seus recunchos ‘conspirativos’ mentres os poetas arremuiñábanse arredor da figura de Xoan Vidal, fundador daquela Revista Cristal, venturosa idea que naceu nestes salóns, aínda que a redacción se atopaba no Hotel Méndez Núñez, xusto en fronte. E se falamos de nacer, como esquecer un nacemento insigne dentro dos seus muros como foi o do arquitecto Alejandro de la Sota.
Dende o eido da pintura naquela Pontevedra configurábase o futuro desta disciplina artística e o facía dende a loita entre a tradición e a modernidade, entre o mantemento das correntes artísticas que procedían do século anterior e a irrupción, xa irrefreable das vangardas. Esta cidade abandeira como ningunha outra ese triunfo do novo tempo que se viviu tamén a nivel social, e o fixo dende as pensións artísticas da Deputación de Pontevedra (3), que da man de Daniel de la Sota como presidente, Losada Diéguez como impulsor e Castelao, Eduardo Castedo e co propio Carlos Sobrino como parte dunha comisión que institucionalizou en 1925 aquelas bolsas, permitiu a diferentes artistas saír e coñecer como eses movementos cambiaban a percepción da pintura do século XX, nun intre no que xa nada voltaría a ser igual, e do que moitos, por non dicir todos, os pintores seguintes foron dun xeito ou doutro, fillos daquela incomparable xeración dos Carlos Maside, Manuel Colmeiro, Manuel Torres, Arturo Souto e Laxeiro na apertura dunha fenda co tempo anterior, converténdose en cinco camiños para o espectacular futuro da pintura en Galicia e en Pontevedra. Este testemuño prolongouse no tempo dende as becas que concedeu, aínda que con outros formatos, tras o remate daquelas en 1933, a Deputación Provincial, do mesmo xeito que coa celebración da Bienal de Arte de Pontevedra. De ambas situacións foron integrantes moitos dos que hoxe interveñen nesta exposición, o mesmo que formando parte de innumerables exposicións, tanto individuais como colectivas, nun xeito de vencellarse aínda en maior medida coa súa cidade e os seus veciños, que ían vendo de cando en cando os seus progresos e o afianzamento dun estilo que os singularizaría a cada un deles e os asentaría no noso sistema cultural como pezas sobranceiras.

Alejandro Paisa (1920), Rafael Úbeda (1932), Jorge Castillo (1933), Arturo Cifuentes (1934), Manuel Aramburu (1936), José Barreiro (1940), Jaime F. Falcón (1942), Manuel Ruibal (1942), Eduardo Dios (1946), Álex Vázquez (1946), Manuel Moldes (1949) e Fernando Vilanova (1949) serán os protagonistas desta mostra a cabalo entre a celebración dun centenario e a exaltación da pintura feita en Pontevedra, unha agarimosa mirada a nosa cidade a través das súas pinceladas que serve tamén para a reivindicación da súa escolla. Daquela decisión que os fixo adicarse á pintura para a súa satisfación persoal pero tamén para o orgullo dos seus veciños que, durante todo este tempo, tiveron no seu traballo o reclamo do feito dende esta terra e que tantas veces, en infinidade de exposicións polo mundo adiante, converteu a Pontevedra nun referente cultural.
A súa diversidade como artistas engrandece o conxunto final da mostra e así, en non poucos deles, veremos como aquelas novas miradas á pintura daqueles renovadores foron agromando nos seus lenzos ata definir un estilo propio que afianza a súa individualidade expresiva. Unha morea de formas de pintar e de achegarse ao mundo para xenerar o seu universo, para reflexionar sobre aquilo que os rodea e inspira na procura desde cadro que sempre queda por facer, o cadro perfecto. Nós, como eles, nunca veremos o cadro perfecto, pero desta xeira o que si pretendemos é mirar á súa obra e ao seu tempo, ou tempos. A fecunda vida de todos eles abofé que ofreceu e ofrece moitos instantes, moitas horas no estudo (alí é onde a verdade se agocha), moitos momentos pensando como a pintura é quen de transformar o que acontece fora dese estudo nunha nova faciana da realidade, desta vez a súa. E o faremos detendo a nosa mirada en dúas pezas. Toda unha vida recollida en só dúas pezas, unha tarea inxente e xa de antemán abocada ao fracaso, como o inxenuo proxecto daquel neno que lle dixo a San Agustín que quería meter a auga do mar nun burato excavado na área. “Pero eso é imposible”, respondeulle o Santo filósofo. “Como pensas meter toda a auga do océano que é tan inmenso nun burato tan pequeno”. “Pois igual ca ti que queres comprender coa túa mente finita o misterio de Deus que é infinito”, díxolle o neno. Décadas de pintura encerradas en dous cadros, unha utopía que como tal móvese entre o optimismo e a súa irrealización, pero quen ante á vista do aquí exposto non é optimista. Poucas veces teremos a oportunidade de presenciar unha acumulación de talento maior que a que estes pintores nos presentan metida neste cofre arquitectónico e sentimental e que se converterá ao longo da exposición nun facho que ilumine este tempo.

O noso desafío será o de retar a cada un deles, o de colocarnos ante as dúas pezas propostas por cada un deles e falar a través delas co seu maxín, coa súa capacidade para a fabulación e o engano e así deixarnos seducir pola súa pintura. Dende esas dúas pezas calibraremos a magnitude da súa obra, pero tamén valoraremos como o devir da súa pintura a foi modificando, ampliando as súas conquistas nese territorio e adaptándoa aos diferentes tempos que lles tocou vivir e que tamén van impregnando a súa obra. Di o escritor, artista e pensador, John Berger, que “nunca miramos unha soa cousa; sempre miramos a relación entre as cousas e nós” (4), cando miremos eses cadros tamén nos veremos a nós mesmos e o propio tempo que se nos foi  adherindo á mente e a alma.
Cada artista abrirá dúas fiestras polas que ver non só a súa pintura senón tamén un pasado que nos afecta a todos, xa que todos somos parte dun ecosistema que, en momentos como este, se estreita para achegarnos entre todos nós na revisión dos alicerces da nosa comunidade. Dende esa colectividade obteremos unha ampla perspectiva do que tamén acontece no eido pictórico, os nosos artistas serven tamén para rastrexar, dende a desembocadura do Lérez, como as correntes da arte se foron desenvolvendo noutras partes do mundo a través de diferentes formulacións e xéneros. Paisaxes, figuracións, bodegóns, retratos… son os medios escollidos polos artistas para corporeizar o seu universo de ideas e para plantexar un percorrido que, de xeito xenérico, poderíamos definir como dunha búsqueda do eu a través da pureza ou a limpeza formal. En todos eles parece xurdir cos anos, e o dominio da súa arte, unha concienciación clara pola depuración do seu traballo, unha exaltación cara fora da súa maior seguridade á hora de entender a pintura polo que, mantendo o irrenunciable do seu estilo, as súas obras aliviaranse de formas para suxeitarse na idea orixinaria, o xérme da súa obra que volve a renacer allea a distraccións ou perturbacións que en diferentes momentos das súas vidas puideron levar a ensaiar camiños agora xa desbotados. E é que ese é o gran desafío do autor ao longo da súa vida, o do ensaio, o da proba, o de procurar novos vieiros para alentar a súa obra dende ese abismo ante o que tantas veces se planta o pintor para intentar seguir entendéndose a si mesmo e a súa obra, pero sempre mantendo esa esencia que naceu case ao mesmo tempo que o fixo a súa vocación e que sempre estará tras el como un latexo, o compás co que guiarse ante eses bosques polos que as veces un se adentra coa mellor intención, pero ante os que o bo, o intelixente, é saber cando saír del.

Neste ano 2014 no que todos eles superan os sesenta anos, é un bo momento para coller ese compás e pensar no feito, nas veces en que ese abismo, “a fascinación do abismo”, empregando a expresión do poeta Juan Eduardo Cirlot, xerou as dudas necesarias para alimentar cadanseu maxín, dudas como combustible dunha creatividade que agora suaviza as súas pretensións aplacada polos anos, ¿ou quizáis non? E aínda sexa tempo de loita, de seguir o desafío permanente do pintor co seu entorno, con este mundo tan complexo de entender e que moitas veces só dende a arte amosa un xeito de esperanza. Aquí a esperanza convértese en dous cadros, en dúas miradas que van dende o hoxe ata o onte para tentar explicar cunha soa mirada, asomándonos nós tamén a ese abismo, a comprensión do mundo destes homes que tentaron explicalo a través dos seus pinceis e dunhas mentes das que todos os seus veciños non sentimos ben orgullosos ao seguir facendo desta cidade un gran estudio adicado á pintura, un taller aberto no que rúas, prazas, paseos ou o mesmo río Lerez convértense nunha canle de vida que todos compartimos e que durante uns meses vanse a pechar no interior deste Café Moderno para que sintamos como esas doce propostas poden convivir entre sí e a pouco que estemos entre elas veremos como mesmo emerxen entre as propias pezas novas relacións, novos procesos de vinculación que serven para adxetivar a esta xeración ou xeracións.
Deste xeito anova o Café Moderno o seu compromiso, dende que no ano 1903 abrira as súas portas á cidadanía, coa cultura e moi especialmente coa pintura. Poucos ámbitos expositivos poden honrar ou engalanar máis unha mostra que este espazo que co seu sabor e historia ou historias, enchen de novos significados ás propias obras dos nosos protagonistas. Tamén Pontevedra renova así o seu compromiso coa pintura. Sería interminable facer un listado cos creadores nados ou que fixeron de Pontevedra a súa patria nun ou noutro momento das súas vidas, pero que sirva esta primeira mostra como afianzamento dun futuro que seguirá achegándose á obra doutras xeracións. Este alicerce, construído arredor dos artistas máis veteranos, plantexa un seguro andamio, como eles o tiveron cos artistas cos precederon, para continuar afianzando ese vencello da cidade cos seus artistas.

NOTAS:
1. O antigo Café Moderno de Pontevedra. Juan Fernando de Laiglesia (Os cadros do Café Moderno). Caixa Galicia, 2001.
2. Cadros para os pontevedreses ‘Café Moderno’ e ‘Café Royalty’: o influxo de Valle-Inclán en Carlos Sobrino e Castelao’. Madryfal, 2009.
3. Pontevedra, cidade da vangarda histórica galega (1925-1936). Antón Castro. Caixa Pontevedra, 1999.
4. John Berger y los modos de mirar. Marcos Mayer. Editorial Campo de ideas. Madrid, 2004.

A exposición 'Unha mirada, dous tempos' pódese visitar no Café Moderno de Pontevedra ata o 19 de xullo.


Ningún comentario:

Publicar un comentario