Nunha das súas acepcións no diccionario Anamnese defínese como: «Teoría
da filosofía platónica segundo a cal o recordo leva ao coñecemento». A partir
da explicación desta palabra de orixe grega podemos achegarnos a este breve
pero intenso poemario de Eli Ríos recoñecido co II Premio de Poesía Manuel
Lueiro Rey que se entrega no concello natal do escritor, en Fornelos de Montes.
Unha intensidade que xurde da afouteza desta moza inxerida xa nesa poesía
feita por mulleres na nosa terra que emerxe cunha enerxía e calidade que nos
enche de esperanzas e luces para indagar no noso coñecemento. Coñecer a partir
do eu, da experiencia que baliza un percorrido vital no que Eli Ríos procura
recuperar fragmentos que compoñan a paisaxe actual. A memoria, o tempo, a
palabra e o compromiso afiánzanse como as cordas dun ring de boxeo no que
plantexar esa procura.
A memoria coma alicerce da liberdade individual. A loita permanente polo
eu nesta sociedade que cada vez é menos favorable do eu singular e si do eu
común, unha procura pola uniformidade de pensamento e a aniquilación da
singularidade.
O tempo, empregado como ferramenta
para tomar conciencia do hoxe . Un hoxe que non se entendería sen un onte ao
que volta Eli Ríos coma se estivese ante un pozo de augas, unhas máis frescas,
outras máis podres, pero todo, cada un deses caldeiros, artellan parte dun
proceso de formación que agroma neste poemario.
A palabra, a materialización do pensamento, en frases máis ou menos
longas... menos aínda, dúas palabras, unha soa... Cada unha delas ten a forza
axeitada para amosar a súa contundencia. Un exercicio de precisión que abraia
por atopar a palabra precisa en cada momento, en cada liña.
O compromiso como fío irrenunciable co ser humano. Cada un dos capítulos
que artellan o libro son unha sorte de
círculos que van rodeando a ese ser humano que é quen está no centro de todo.
Dende as súas paixóns, medos, desilusións, soños, ledicias, fracasos... en
definitiva, todo aquilo que se pega na nosa pel e que, ao fin e ao cabo, é o
que nos configura como seres humanos.
É toda unha ledicia atoparse poemarios coma este, que ademáis recoñécense
nun certame que, por certo, xa ten aberta a inscrición na súa terceira edición.
Unha ledicia que xurde da palabra e da emoción, da capacidade de mirar cara ese
espazo tan complexo como é sempre un pasado no que moitas veces aínda quedan
non poucas feridas por cicatrizar. Neso estamos agora, lendo e gozando da
escrita e da afouteza necesaria para facer do tempo un lugar para o compromiso
na valoración, reivindicación e defensa dun ser humano que non deixa de
trafegar caldeiros.
Publicado no Diario de Pontevedra 16/11/2014
Ningún comentario:
Publicar un comentario