Rue Saint-Antoine nº 170
Literatura ▶ Luis Maquieira, co apoio visual de Manuel Ruibal, publica
un libro de contos que el mesmo titula como ‘Contos sen importancia’, pero a
importancia existe. E existe porque este libro é unha especie de terapia contra
o sistema actual, contra un mundo cheo de miserias ao que quizás só dende a
mirada dun rapaz se lle pode facer fronte.
Acuna o seu libro coma se fose un cativo. Igual que un neno que ven á
vida e ao que seu pai tenta protexer. Fóra fai frío, e o que é peor, o ser
humano non fai nada por combatilo. Ben ao contrario, empéñase unha e outra vez
en complicalo todo, en seguir apostando polos poderosos, por unhas oligarquías
que lle empezan a ver a orellas ao lobo que asoma de xeito firme como rechazo
da poboación a moitas das súas decisións.
Luis Maqueira pasa unhas páxinas nas que se van sucedendo pequenos
contos. Narracións que xurden da memoria, dun pasado ao que o autor se aferra
para tentar soportar as duras compoñentes que, dende hai un tempo, a vida
decidiu pousar nel. Contos soportados na afouteza inquebrantable da nenez,
aquela patria que Manuel Ruibal volve a citar como fixera o poeta alemán Rilke.
«Iso pásanos a todos, o tempo fainos voltar a esa infancia», e o di un pintor
que leva tempo retirándolle a mirada ao home. Mellor debuxar animais, seres
libres, sen ataduras pola súa vida en común. Dous rebeldes que se xuntaron a
carón deste libro, destes ‘Contos sen importancia’, nos que todo é importante.
Coñécense dende hai pouco tempo, uns catro anos, ao pouco de chegar Luis
Maqueira á cidade. Aquí coincidiron nun recital do escritor e poeta que deu na
Fundación Cuña-Casasbellas e agora reúnense nun proxecto cheo de conquistas.
Conquistas creativas, pero tamén humanas. Non é fácil publicar hoxe en día,
menos aínda para alguén non moi vencellado aos círculos culturais que se adican
ou impulsan eses proxectos. Tras petar a varias portas, sen nengún éxito, deu
coa sensibilidade de Gráficas Anduriña. Eles apostaron polo produto e puxeron o
prelo a tirar libros. Xa falaremos dos cartos! Parabéns a eles por esta aposta
e o cariño demostrado por unha obra que arrodea moitas das canles establecidas
na edición e que, dende a liberdade do creador, amosa iso tan meritorio hoxe en
día como é a singularidade.
O libro entendido como un conxunto de cousas que unha coa outra presentan
un produto de calidade. Así é como ao acubillo deses contos faltaba algo máis,
unha achega que enriquecese a proposta de Luis Maqueira, pero cómo se poderían
ilustrar a eses seres que protagonizan os relatos? Pois a traves de animais,
metaforizacións deses seres humanos libres aos que lles ocorren cousas
importantes, aínda que o autor diga que non, porque son as cousas do día a día,
o que no conxunto dunha vida definen a nosa felicidade. Así Luis Maquieira
pensa en Manuel Ruibal, metido dende hai un tempo en representar a natureza a
través dos seus protagonistas animais. De xeito desinteresado («Talento e
xenerosidade» é como consta nos agradecementos do libro) o pintor preséntalle ao
escritor unha escolma de pezas que serán aínda seleccionadas polo deseñador do
libro, Osmundo Barros. Outro nome máis que engadir á lista de afectos e
esforzos.
Deste xeito complétase un gozoso itinerario por todas estas historias xurdidas da memoria dun home
aferrado a ela como acubillo da alma ante as marexadas da vida. Desa memoria
xurden Antonio el carbonero, Antucho de berretina, ‘O Tanicas’ ou Toñito o
Garelo, protagonistas dunhas vidas cheas de bágoas e sorrisos, de bos e malos
momentos, pero nos que sempre se mantén firme a súa dignidade, o único que non
se lle pode roubar por ninguén ao ser humano. Neses pequenos relatos contéñense
as esencias de cadansúas vidas, o aroma que desprende a experiencia, as viaxes,
as amizades, os amores... ulíndose en todo o libro a palabra verdade, xa que se
algo destilan estes contos é unha pureza alonxada de contaminacións, de
elementos alleos que ben podían adornar ou encher de palla o que neles se
conta, pero Luis Maqueira é ben consciente da súa pretensión, a de espir ao ser
humano daquilo que o pode perverter, procurando que sexa cada vez máis coma
paxariños ceibes nos seus voos, nas súas idas e vidas, cos seus movementos
sexan como os da fauna de Manuel Ruibal. Esencia e liña, trazo e xesto.
Temos entón nas nosas mans unha desas maridaxes que só a arte é quen de
artellar. Un compromiso común entre diferentes actores que non fai máis que
poñer en valor a achega de cada un deles a ese material tanxible que é un
libro. Dende o intanxible, cada un deles souperon darlle forma a un soño, a
algo que bulía na mente deste home tan grande e alicerzado co andamio da
memoria.
Ventará, tronará, ergueránse ondas xigantescas pero nada poderá derrubar
ese andamio firme e seguro dende o que Luis Maqueira non so escribe, senón que
tamén vive. Porque aínda con todo «Qué marabilla é vivir!»
A fauna de
Manuel Ruibal
«Todos os voos posúen unha patria interminable/ e eu aquí, á espera, do
húmido e longo inverno/sabendo que outros continentes ignoran o noso calvario».
Este fragmento dun verso escrito por Manuel Ruibal e incluído nestes
‘Contos sen importancia» reflicte dende a palabra parte da súa recente proposta
artística baseada na recuperación de seres vivos da natureza. Eses seres que
nunca defraudan e que ao artista lle significan na actualidade un inagotable
xeito de inspiración que amosa infinitas posibilidades de expresión. As súas
últimas exposicións ou publicacións abraiáronnos por esa captación dalgo tan
fugaz e etéreo como pode ser o movemento dun animal. Fugaz e etéreo coma o
xesto no que se basea para reducir á súa esencia o que é a natureza.
Publicado no Diario de Pontevedra 17/11/2014
Fotografía: Manuel Ruibal e Luis Maqueira no estudo do pintor. (David Freire)
Ningún comentario:
Publicar un comentario