Non lle da tregua Diego Ameixeiras aos seus lectores, cada vez máis e
máis aferrados á súa proposta literaria e as súas leas narrativas, certamente
anovadoras nunha paisaxe literaria, afortunadamente diversa, e na que Diego
Ameixeiras defende a súa nova mirada ao xénero negro, asentándoo nas nosas
vilas, confundíndose entre unha poboación protagonista dunhas tramas inspiradas
na realidade.
Ese cóctel é o que axita o autor cada ano, converténdose nos últimos
tempos nunha cita imprescindible da cultura, como o pode ser unha película de
Woody Allen coas que nos agasalla cada ano. A intensidade creativa de Diego
Ameixeiras xurde desa literatura directa, escueta nas descripcións dos
ambientes ou doutros elementos da narración, pero que eleva a súa tensión cando
se achega ao ser humano.
Xunto coas súas últimas novelas, ‘Todo Ok’ ou ‘Matarte lentamente’,
‘Conduce rápido’ ven a completar un tríptico desa experimentación que é quen de
levantar pola lapela ao lector e colocalo nunha posición de vértixe ante o que
sucede en cada un deses libros. Mundos sórdidos que están á porta das nosas
casas e que conviven co común dos mortais. Eses mundos crúzanse, xerando azarosas
situacións que van desenrolar nuns universos íntimos cheos de forzas, un
exercicio ademais de condensación narrativa que aquí ofrece un paso máis fronte
a novelas anteriores ao concentrar os feitos en cinco días e balizando cada
unha das pasaxes coas súas horas.
Erika é unha moza que ven de roubarlle unha cámara a uns turistas na
praza da Quintana, unha caída a leva a casa dunha amiga. Samuel é o seu irmán,
quen busca nas rúas de Compostela a oportunidade que mellore as súas vidas. A
aparición dun paquete cambiarao todo, así como a presenza de Ventura, un mozo
con perigosas ocupacións. Nomes e rúas dunha cidade que se van engedellando,
primeiro para facer de Compostela unha paisaxe chea de instantes prendidos na
memoria de todos nós, e compoñéndose coma unha personaxe máis da novela, pero
serán eses nomes os que enfíen un relato vertixinoso que sube en velocidade ata
os instantes finais cando a novela, e cando a escrita de Diego Ameixeiras amosa
do que é capaz cunhas situacións cheas de violencia narradas dun xeito
maxistral.
‘Conduce rápido’ é un pulo máis a obra deste escritor que ten moi clariño
o que quere e que non deixa de dar pasos firmes para acadar o resultado que
precisa. Chegou a boa nova deste ano en forma de libro, en forma dunha colmea
de personaxes que xa forman parte do maxín deste autor xerador de instantes e
narracións inesquecibles para os seus lectores. Toda unha lexión.
Publicado no Progreso de Lugo e Diario de Pontevedra 23/11/2014
Ningún comentario:
Publicar un comentario