sábado, 27 de decembro de 2014

No berce da memoria



Volta Suso de Toro á escrita, se é que alguén que se di escritor pode ser quen de deixar algo que se leva apegado á alma do que un é. E volve porque sempre hai algo que contar, e sempre hai xente ao outro lado á que lle interesa o que pode dicir un dos nosos autores máis considerados. Unha ausencia que este sistema cultural e editorial non se pode permitir durante demasiado tempo, de aí a ledicia de atoparnos con este novo libro nas mans e bulindo na nosa mente.
Un libro formado por tres relatos. Tres narracións que conforman as faces dunha pirámide alicerzada na memoria. Un símbolo de eternidade, como eterna ten que ser unha memoria na que sentirnos ao acubillo, como nun berce, dunha sociedade moitas veces demasiado rápida á hora de borrar pegadas que non lle interesa ter sobre ela. Dende esa memoria Suso de Toro artella tres narracións cheas de forza que non deixan ao lector indiferente, senón que pretende collelo pola lapela e axitalo, cando menos un pouco. Dende esa axitación asomámonos a esas tres voces que nos falan do pasado, pero que neste presente amósanse moi necesarias para nós mesmos e a nosa construción común. Porque dende esa recuperación é dende a que temos que fornecer unha sociedade que sempre debería ser mellor co que xa se viviu. Esa é a teoría, claro, logo o mundo achéganos a súa propia versión.
Suso de Toro recupera dende esas voces pasaxes que van entre o coñecido e o imaxinado, entre o vivido en primeira persoa e o relato construído coma un elemento para a reflexión. No primeiro deles atopámonos ante a intolerancia da represión nos momentos finais dunha ditadura moitas veces dulcificada pero que tivo momentos noxentos e non moi lonxe do noso hoxe. Uns feitos que acabaron en mortes, en axustizamentos indignos para unha sociedade que moitas veces agocha baixo a súa alfombra feitos cos que, nun ou noutro momento, imos a tropezar para caer como especie. O segundo fálanos da perda da memoria, do paso do tempo nun home que xenera o seu propio mundo enfrontándose ao que acontece acotío ao seu arredor, e o terceiro é o brutal berro dun escritor, un grito case primitivo ante a sociedade, ante o que acontece moitas veces na escrita nun país e a partires dunha historia que se volve escuridade e na que o autor se sente cómodo, un síntoma dun tempo que ogallá pasase xa a mellor vida.
O que si semella que pasou a mellor vida é a ausencia do autor da literatura. Suso de Toro volve e nós, alegrámonos desa presenza que a moitos nos leva acompañando dende fai moitos anos. Anos nos que nos suxeitamos ás súas obras para tentar entendernos e tamén ao que nos rodea. Agora é o propio autor o que nos fai participar do que o sustentou a el mesmo, e que non é máis que esa memoria que debería ser irrenunciable para todos nós.





Publicado no Diario de Pontevedra e El Progreso de Lugo 21/12/2014

Ningún comentario:

Publicar un comentario