martes, 14 de abril de 2015

Augas túrbidas


Chega o abril da poesía revoloteando entre as flores. Versos que xogan ledos ante a chegada da primaveira e os alumiños dunhas temperaturas que nos enchen a todos de ledicia e benestar. Pero a poesía tamén serve para rastrexar esa outra face da vida. A que aínda non é mariposa senón eiruga, a que baixa aos infernos da persoa na procura dun bálsamo para a alma pero sobre todo para tentar comprender como a nosa mente se desenvolve ante determinadas situacións.
Marta Dacosta propón nesta travesía polo seu derradeiro poemario, «Dun lago escuro», percorrer ese itinerario carontino para situarnos ante nós mesmos á procura dunha resposta fronte á podremia que, esta sociedade na que nos tocou vivir, nos asulaga ata a asfixia. Con cada vez menos aire a poeta mergúllanos no fondo dunhas augas que pretenden «escorrentar a escuridade». Porén o que acontece nesa travesía alónxanse bastante de poder atopar un fío de esperanza que nos eleve por riba dos valos, das mentiras, dos medos, das traizóns, dos cansazos ou do balbordo da desesperación. Unha tormenta que non nos deixa vivir na calma, cando todo sería moito máis sinxelo, ademais de telo ben merecido, pero abofé que somos malos animais... seres que tenden sempre á destrución propia e do seu semellante como parte dun proceso case de exterminio ou polo menos de búsqueda do sufrimento no igual, como se iso nos fose a conceder algún privilexio por riba da mesquiña sensación de sentirse superior a alguén. O dito, todo podería ser moito máis fermoso...
Nesas augas, límpidas na súa faciana, á pouco que deixemos atrás esa superficie atoparemos como todo é escuro, como o espello vólvese costra a medida co dano da profundidade medra chea de engano e mentira. É a travesía a nado dun lago como metáfora da viaxe da vida na que adoitamos mirar cara o ceo mentres baixo nós amontóanse os cadáveres. Cómo nos gusta meter baixo a alfombra todo o que é suxo? Aquilo que nos fai darnos conta do que en realidade somos. A alfombra aquí é auga, augas túrbidas, «mentres medra o pánico contra o fondo», ao tempo que entramos nun estado de onirismo. Alucinacións, efectos surreais, xeroglíficos... estrañas percepcións para rachar o equilibrio, converténdose ao fin na incómoda peaxe da nosa travesía.
Marta Dacosta segue a medrar como poeta, sendo este poemario un valente percorrido dende a palabra e a poesía por ese lado do que a poesía se serve para oscurecela súa propia luz. Pero ela é así, segura de si mesma, afoutada nas súas pretensións e sabedora do que é quen de suxerir. Así é como a autora sérvese desa forza telúrica para artellar un poemario imprescindible hoxe para entender moito do que nos mergulla na desesperación. Palabras para rastrexar a incerteza. Palabras para respirar.





Publicado no Diario de Pontevedra e El Progreso de Lugo 12/04/2015

Ningún comentario:

Publicar un comentario